Actualmente en España os nenos adoitan levar o apelido do pai e da nai, mentres que en Portugal levan primeiro o da nai baseándose no principio do dereito Romano: mater semper certa est, pater incertus. Porén nos séculos XVI-XVII vemos que os varóns levaban habitualmente o apelido do pai e as mulleres o da nai, aínda que ás veces escollían o dos seus avós, e tamén era frecuente que unha persoa que deixaba unha herdanza importante esixira aos sucesores que levasen o seu apelido, caso dos Reimóndez-Figueroa, Leira-Castro, Vázquez-Sotelo, etc.

Non debe pois estrañarnos que no século XVI Julia de Castro, veciña de Santiago, fose filla de Juan Ballesteros Rubalcaba ou del Mazo (de onde era natural) e de Catalina Rodríguez de Ribera, posiblemente da familia dos Rodríguez de Castro de Preguecido.

Julia de Castro casou primeiro con Pedro Núñez e en segundas nupcias con Luís Bermúdez de Castro, da casa grande dos Bermúdez de Castro en San Paio de Figueroa, fillo de Juan González de Figueroa, señor de Callobre e de San Paio de Figueroa, familiar do Santo Oficio, e da súa muller Inés Álvarez Bermúdez, nacida no pazo de Gondar en Xeve.

Tanto Julia como Luis tiñan fillos do primeiro matrimonio, e así vemos que o 9 de agosto de 1595 Diego Bermúdez, fillo de dito Luís, di que "habiendo el dho Luis Bermudez ynbiado a Ana de Castro hixa de Julia de Castro su mujer al su lugar de la Puente Sarandón a coger y beneficiar el pan que tenía y en su compañía a Dominga das Carballas su criada [...] es venido a mi la noticia que Bartolomé Núñez vecino de dho lugar de la Puente de Sarandón [...] a la sobredha con una espada que llevaba en la mano le dio una gran herida en la cabeza muy peligrosa..." polo que pediu ao xuíz investigar dita agresión contra a criada.

Ana de Castro, a filla de Julia, casou en 1600 co boticario compostelán e home de negocios Benito Campelo, e foron eles os que fundaron a capela de San Bieito en Ponte Sarandón. Tiveron un fillo varón chamado Jacinto Campelo, e por fillas a Julia de Castro e María de Castro.

María de Castro, casou primeiro con Juan Gosende, fillo do capitán Alonso Gosende e de María Quinteiro (veciños de Cerdedo e ascendentes do P. Martín Sarmiento), con quen tivo tres fillos: Benito, Jacinto e Catalina. Logo María Castro casou con Andrés García de Seares, veciño e rexedor de Santiago e contador do Santo Oficio, tamén con fillos dun anterior matrimonio.

Cóntanos Andrés no seu testamento que "yo poseo las casas y granxas de la Retén donde vivo que he echo y edificado de nuebo durante el segundo matrimonio y las compre y adqueri el sitio a diferentes personas y en el tengo echo una capilla abocacion del espiritu santo que dejo fundada y dotada y señalada la dotacion en la dha casa y granxa y otros vienes" Tamén nos di que en dita casa tiña un escudo coas súas armas, pero non as describe, pero que vemos no segundo cuartel os roeis dos Castro e no cuarto, o xadrezado dos Bermúdez. E o 16 de decembro de 1655 o matrimonio fixo vínculo e fundación do pazo e capela de Arretén.

En 1651 Benito de Castro, o fillo de María, casou con Helena García de Seares, filla de Andrés, sendo os patróns do vínculo de Arretén fundado polos seus pais.

O seu sucesor, trala morte do primoxénito que faleceu na guerra en Amberes, foi o fillo segundo, Francisco Andrés que casou con Micaela Calderón del Castillo. Ao quedar esta media cega, en 1684 trasladáronse de Arretén a Padrón á casa de Travanca, fronte á ponte que dá a igrexa de Santiago de Padrón, na que puxo un escudo semellante ao de Arretén, pero poñendo as armas dos Castro e Bermúdez no 1º e 3º cuartel. Logo casou con con Catalina Sánchez Vaamonde de Luaces, de quen tivo en 1702 a Pablo Francisco de Castro de Seares, señor do pazo de Arretén, que casou con Josefa Salgado Moscoso, tendo por fillo a José de Castro Salgado que xunto coa súa muller Josefa Abadía Taboada foron os avós maternos de Rosalía de Castro, a nosa poetisa, quen no seu coñecido poema "Como chove miudiño" fálanos da casa nobre familiar, o pazo de Arretén, berce do seus devanceiros e propiedade dos seus avós pois alí "a miña nai foi nada".