11 de mayo de 2014
11.05.2014
CERDEDO

Capitán Gosende na procura das "veas de ouro"

Percorre a Montaña Máxica xunto co Club de Montañeiros Celtas

11.05.2014 | 03:15

A xornada do 13 de abril, véspera da efeméride da República, principiou ben cedo. Ás 10 da mañá citarámonos en Cerdedo cunha delegación do Club de Montañeiros Celtas para percorrermos xuntos o "roteiro 1" da Montaña Máxica. Non era a primeira vez que estes reputados aventureiros (activos dende 1942) puñan o pé no Seixo, mais, a charla impartida o pasado novembro no seu cuartel xeral en Vigo, espertou neles o desexo de revivir vellos tempos. Tras os saúdos e o café de forza, os excursionistas, en número de vinte e cinco, ascendemos deica o planalto e, dende Chan de Mamas, percorridos 4 km, acadamos o coto da Santa Mariña (Cadeira do Rei), situado a 994 m de altitude. Súmenlle outros 4 km para tornar ao punto de partida.

Durante a excursión, como temos por costume, puxemos en coñecemento dos nosos visitantes os atractivos que, de balde, ofrece o lugar (Chan de Mamas, lagoas de Xestido, Almadraque de Pirocha, Trampa do Lobo, Cruz do Seixo, Portalén, Marco do Vento...) e, asemade, os nomes e apelidos dos responsábeis da desfeita pasada e presente. A día de hoxe, in situ, fican sabedoras 2.451 persoas. Concluída a paseata, sentamos á mesa no restaurante "O Meu Lar" que nos agasallou cun soberbio xantar. Daban as tres e media. A tertulia, con sabor a licorcafé, demorou até as 17 horas. Dende Pontevedra, axiña se sumaron á táboa redonda máis membros de Capitán Gosende. Eu fixera de guía pola mañá e, pola tarde, collía o relevo o compañeiro Pedro Peón que acompañou os montañeiros celtas pola sección norte do "Pedre Milenario" (7 km). A sona da aldea vella de Vichocuntín pasara a ponte de Rande.

Dúas eran as misións consignadas na axenda de Capitán Gosende para pola tarde. As dúas levaríannos por terras de Forcarei. De primeiras, propuxémonos localizar a necrópole do Campo das Mámoas, ao pé do monte Costoia (Pardesoa). - a seguir, sen acougo, dar co sitio coñecido pola Mesa dos Mouros que, nos arredores do lugar da Mámoa (Castrelo) e canda o Campo das Antas (10 túmulos), un gravado rupestre, as tres Eiras dos Mouros e a mámoa da Chá dos Augadeiros, constitúen o patrimonio arqueolóxico ameazado polo proxecto de construción dun parque eólico.

Valéndonos dos coñecidos versos de Avelino Cachafeiro (Á Terra de Montes pechan catro cumes o seu van: Seixo con Costoia e Coco e o bon petrucio Candán), "voamos coas ás da vida" cara a aldeíña de Fixó. E, alí, no cabo da estrada, onde o asfalto lle devolve o protagonismo ao chan de lousa, batemos cunha enloitada e solitaria anciá que, sentada á sombra dun valo, trampeaba a calor. Así que a fixemos sabedora dos nosos propósitos amigábeis, a muller confirmou a existencia do Campo das Mámoas e recomendounos desandar un bocado para poder acceder ao alto por unha pista terreira que deixaramos atrás. O que non sabe é coma o que non ve. Xa na boa dirección (sueste) e apeados dos carros, comezou, a bo ritmo, a subida cara a Costoia (951 m), marco interprovincial. Dous quilómetros de ascenso e quilómetro e medio de descenso, pois, de cando en cando, os xeolocalizadores tamén aconsellan ben. Costoia, do latín custodia(m), vixía des onde albiscar o inimigo, atalaia para alertar do perigo.

Dende a chanceira do Campo das Mámoas, a case 800 m de altitude, no centro do triángulo deslindado polos tres megalitos, recreámonos na arroubadora panorámica. Cara a poñente, a 5 quilómetros e medio de distancia, intuímos a Fontefría (960 m), no alto do Seixo. Entremedias, erguíanse as moles do Petón e do Outeiro do Home e mais as "terras raras" de Presqueiras. Tras Costoia, o Coco; máis ao norte, o Candán. Boca a boca, chegara a nós a existencia dunha "vea de ouro", ou galería soterrada, que dende o perenne manancial do Seixo, en liña recta, un chisco tendida, atravesa a serra de leste a oeste (ou viceversa).

Ben saben os Armada do que estamos a falar, posto que, segundo a tradición, estes canteiros de sona "fixéronse ricos da noite para a mañá" cando, rachando pedra naquel olleiro, picaron na veta aurífera. Conforme outros pareceres, os Armada, devotos lectores do Ciprianillo, acharon na cova da Fontefría "un pote cheo de ouro sen formas", arrombado polos mouros. No célebre grimorio, o tesouro da Fontefría fai o número 17 dos consignados na Galiza. Amais dos concellos de Cariño (A Coruña) e Cartelle (Ourense), Armada é apelido común no de Forcarei. Ao respecto das mámoas de Costoia e a súa conexión coa Fontefría do Seixo, no Inventario de monumentos megalíticos (Filgueira Valverde-García Alén, 1977, páx. 89), rexístrase o seguinte: "Creeen los campesinos que fueron construídas "polos mouros" y que tienen un "tesouro", en un corredor subterráneo. Asimismo dicen que el Campo das Mámoas tenía dos salidas por sendos túneles, uno de ellos comenzaba en el "Pozo da Neveira", construcción de sección circular, delimitada exteriormente por piedras verticales, con inclusión en su interior de un desnivel de 2 m, y a donde se accedía por una abertura que se continuaba en escalera. Actualmente dicho pozo está relleno de tierra y oculto por una frondosa vegetación. La salida tenía lugar en Seixo (monte do Seixo), "na mina de Fontefría, na cal se di que hai moito ouro", riqueza que explicaba el rápido enriquecimiento de una familia apellidada Armada".

Abandonamos a redonda do Coto Costoia (Pardesoa) convencidos de que, máis alá dos haberes da mouramia, sempre inatinxíbeis, os estrategas da compañía mineira Solid Resources tamén deberon abesullar no Ciprianillo e, agora, abelloados polas evidencias, non vai haber quen afaste as súas perforadoras das lombas de Presqueiras. Para baixar todos os santos axudan. De novo motorizados, viaxamos uns 13 quilómetros cara ao noroeste, deica A Mámoa (Castrelo). Cumpría localizar, en hora e media de luz, a extraviada Mesa dos Mouros.

Ao respecto da Mesa dos Mouros, nas páxinas 85-6 do citado Inventario de monumentos megalíticos, leramos: A la altura de estas mámoas (Campo das Antas), pero al lado contrario de la pista vecinal, sobre un pequeño otero, se yerguen tres piedras verticales, de 1'50 m de altura, junto a las que hay un bloque de forma redondeada, al que llaman los vecinos "Mesa dos Mouros", por atribuirles dicha construcción". Folklore: "Unha vena de ouro vai do Outeiro da Mesa dos Mouros a Fonte dos Arrieiros".

Leo na prensa local de maio de 2006 a seguinte información: "El Concello de Forcarei oculta bajo tierra tres de las grandes bazas de su patrimonio. Dos de ellas -el Campo das Mámoas y el Castro de Loureiro- han sido catalogadas por la Xunta como Bienes de Interés Cultural (BIC)".

A día de hoxe, a "Relación de Bens de Interese Cultural" (BIC), disposta na web da Xunta, contradí tales afirmacións. Ende ben, o gravado rupestre da Laxa das Buratas (Presqueiras), alí onde os canadenses andan a furar na busca de coltán, si goza da dita consideración.

En Cerdedo, e dende 1974, seguen figurando como BIC dous petroglifos que, en verdade, se atopan nun Cerdedo portugués (Trás-os-Montes) e nos montes de Parada do concello de Pazos de Borbén. Estache boa a rimbombante figura de protección!

Descoñecemos a pureza e densidade do filón de Castrelo, mais se os tesouros agochados nas medorras, nos eirados mourescos e no subsolo daquela toda bisbarra arrequecesen a exigua conta corrente de Capitán Gosende, teñan por certo que haberiamos investir as rendas en preitos e subornos para impedir que a praga eólica, a esburga do coltán e os trens-foguete desbaratasen a nosa verdadeira "vea de ouro". Coido que é a única linguaxe que entende a política.

Ah!, esquecíame, na Mámoa, o cuco deunos o visto e prace.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
selectividad 2018 Galicia

Toda la información sobre la selectividad

Consulta aquí toda la información sobre las pruebas de acceso a la Universidad: notas de corte, resultados y noticias


GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia