As concentracións parcelarias xa teñen historia neste país e xa se podía ter aprendido moito delas pero, cada vez que se procede a realizar unha nova concentración, empezan a poñerse de manifesto tódolos problemas anteriores.

Da teoría á práctica hai un longo e tortuoso camiño e tanto é así, que ata dubidamos da súa eficacia. Non dubidamos dos resultados de poñer en explotación novas parcelas cuadriculadas de gran tamaño, rodeadas por anchos camiños, a costa de perder, case sempre, as mellores terras, senon dos resultados medio ambientais de todo iso. Se realizamos unha concentración parcelaria e unicamente temos en conta o tamaño das parcelas, que é o que parece que sucede en moitas partes, incluíndo a parroquia de Vilatuxe, entonces, estamos perdendo a oportunidade de mellorar o medio. Calquera concentración parcelaria debía ter como obxectivo básico a mellora do medio rural onde se leva a cabo e iso ben sabemos que non sucede,

A parroquia de Vilatuxe, cos seus 16,7 quilómetros cadrados de superficie é unha das máis grandes do concello de Lalín e impresiona a calquera observador polo seu tamaño e diversidade paisaxística. Como xeógrafo atrévome a decir que é a parroquia máis singular do concello lalinense porque nela atopamos un amplo compendio do medio rural: grandes carballeiras e devesas, un potencial mineiro aínda incógnito -litio, caolín ou chumbo -, unha importante producción de mel no pasado (alvarizas de gran tamaño), pesca fluvial nos ríos Chedas e Deza, gran capacidade agrícola e gandeira (vacas, ovellas, porcos...), numerosos recursos paisaxísticos e culturais (mámoas, un castro, un castelo, pazos, hórreos, muiños, pesqueira...), augas xofradas medicinais... Todo un rosario de recursos, que unidos a súa antiga tradicional de Os Carballiños e ao Camiño Real desde Beade e Pazos de Arenteiro a Prado, convertían a Vilatuxe nun centro de polarización da actividade económica no Antigo Reino de Galicia.

Un potencial económico pode manterse ao longo do tempo ou empobrecerse tanto que deixa de ter interese. Isto é o que está a suceder coas súas carballeiras que están sendo arrasadas por causa da concentración parcelaria. Unha parroquia moi extensa, coas carballeiras máis grandes e voluminosas do concello, corre perigo de quedarse sen este valioso recurso se continúa o actual ritmo de tala de carballos.

Por que se talan?

Unha resposta a esta pregunta témola nas diversas e variadas respostas do vecindario, que contempla con escepticismo e resignación o que está a suceder. Estes son algúns exemplos representativos.

"Os técnicos da concentración parcelaria dixéronnos que dispoñiamos de seis meses para deixar as terras libres. Se non cortamos as árbores perdémolas, porque quedamos sen as fincas, que llas dan a outros veciños".

"Cando valoraron as fincas non tiveron en conta as carballeiras. Se un terreo tiña carballos clasificábano como monte. Era unha forma fácil de evitar problemas a conta de crear outros problemas moito maiores despois. É o que sucede agora, pero como isto non é un problema para a Administración, por iso fixeron desa forma. Os problemas cargánnolos a nós. O mesmo pasa cando lles pedimos explicacións acerca dos accesos ás fincas e dinnos que vaiamos en helicóptero, que é moito máis rápido".

"Xa fixeron moitísimo dano cando trazaron as pistas, porque moitas delas mtéronas polo medio das carballeiras e, outras veces, a un lado da pista había carballos e ao outro non, pero eles metéronse contra os carballos a propósito".

"A min dixéronme: se non cortas as árbores quedas sen elas e atoámonmos con moitos problemas, porque non nos dan permiso para cortar os carballos que queremos. Só permiten cortar algúns para leña. Menos mal que despois non se meten moito nisto e imos facendo como nos parece".

"Quedámonos sen carballos e a partires de agora Vilatuxe non vai a ser igual. Por algo temos aquí o carballo máis vello do concello ao lado da Casa da Pita. Ten máis de 500 anos e foi testemuña dos foros que tiñan nesta parroquia os frades do mosteiro de Aciveiro. Falar de Vilatuxe e falar de carballeiras. Aquí os carballos danse mellor ca noutros sitios, tanto polas terras como polo clima"."Algunhas veces negociamos as carballeiras no reparto de terras. Se ti quedas sen unha carballeira nun sitio e a min me dan outra parecida noutra finca, podemos salvalas por intercambio. Esto non é posible a maioría das veces".

Calquera que se acerque a Vilatuxe e fale cos veciños pode escoitar estas afirmacións e iso resulta moi sorprendente, porque evidencia dúas situacións case contradictorias: por un lado, os veciños, non queren quedar sen as súas carballeiras gratuitamente e por outro estase a demostrar que a Administración non lles fai caso algún. Isto tamén o teñen claro moitos deles cando afirman: "A clasificación das terras fíxose da calquera maneira. Aquí onde estás ben se ve que é de terceira, pero puxéronlle de primeira, porque depende de quen sexa o terreo. Se é de fulano de tal póñenlle que é de primeira e se é de mengano, poñénlle terceira.

Desconfianza

Se os veciños desconfían da Administración ata este punto, resulta imposible que a concentración parcelaria poida saír ben. A Administarción, ben sexa a Extensión Agraria, o IRYDA ou a Consellería de Medio Rural, non se preocupa polo que fai no medio, senon polos resultados finais e non está do lado do labrego, nin para atender as súas demanadas, nin para aconsellalo no momento preciso, nin para nada. Esquiva a súa responsabilidade e consígueo perfectamente. "Os politicos de todos os partidos viñeron por aquí coa intención de sacar votos pero non se complicaron a vida":

Se a Administración cumprise coas súas obrigas, na parroquia de Vilatuxe non se estarían chimpando carballos por todas partes, nin estariamos sufrindo este ambiente de desolación, pero os feitos están, lamentablemente, aí. Para facer concentracións parcelarias que dean este resultado é mellor estar durmindo, como vulgarmente se di.