O topónimo Castro non é a única referencia que se conserva, porque aínda hoxendía hai moitos veciños de Anzo que se acordan do castro e como se desfixo a raíz dun cambio de uso na explotación das terras: "En Anzo había un castro e iso sabémolo ben os veciños de idade máis avanzada. Antes de que se fixeran as granxas de galiñas por arriba da finca da Noguerola era fácil de ver, pero hoxe non queda del máis ca o sitio".

A finais da década dos anos 60 un particular iniciou os traballos explanación do terreo situado na marxe dereita da pista Prado-Losón (O Corpiño), no sitio denominado Agro do Castro, co fin de preparar aquel lugar para construir tres naves con galiñas poñedoras, as primeiras que se montaban na Comarca de Deza seguindo os modelos productivistas dunha economía capitalista en ascenso ("década do desarrollismo").

A fotografía aérea de 1956, voo americano, mostra perfectamente o lugar de ubicación deste castro dun só recinto, a croa, conectada, polo lado Sur, ao Agro de Outeiro. Esta circunstancia vén a indicarnos que, unha vez abandonado o poboado castrexo, aquel lugar debeu sufrir un proceso de asilvestramento progresivo ata que, moito tempo despois, unha vez que se formaron os antigos poboados medievais, voltou de novo a ser reocupado mediante roturación.

A vella igrexa románica de Anzo, situada a uns 650 metros do castro en dirección SO, data do século XI e isto ven a indicar que as novas entidades de pobación, libres ou baixo dominio monacal ou señorial, constitúen comunidades agrarias que precisan roturar terras para os cultivos. Debeu ser nos séculos post-medievais cando se desfixo a muralla Sur do castro e se empezou a traballar o terreo da croa, incorporándoo ao agro inmediato. Durante o "ciclo agrícola tradicional" os cultivos dominantes foron os cereiais de inverno e o terreo da croa mantívose nun estado de conservación estacionario, mantendo intactos os terrapléns dos lados Oeste, Norte e Leste.

O castro mantivo o seu aspecto orixinal ata 1968 que é cando se inician as obras de rebaixe, desmantelando a muralla castrexa e tapando o foxo externo que había polo lado Leste, que era o flanco máis desprotexido por se atopar na dirección ascendente da pendente que chega ata o alto da Serra do Carrio.

Unha vez construídas as granxas continuou o proceso de ocupación do lugar coa edificación dun chalet, unha piscina ao aire libre e un cerre de finca cun valado alto. "Cando se sacou a terra para facer a piscina apareceron diversos obxectos relacionados cunha anterior ocupación do lugar -comentan veciños da zona-. Alí dicíase que estiveran os mouros, así que os pequenos muiños circulares de man e unha cantidade enorme de anacos de cerámica tiñan que ser deles, porque alí ninguén sabía de que houbera antes unha aldea como as nosas".

Os veciños dos lugares máis cercanos tíñanlles escoitado aos vellos que alí estiveran asentados durante moito tempo os mouros: "Alí estiveron os mouros e, aínda que non se saiba ben quen foron, o certo é que tiveron que marcharse repentinamente abandonando o que tiñan nas súas casas. Tamén se dicía que deixaran tesouros escondidos ou encantados como a galiña con pitos que se ten visto cerca duns penedos próximos ao castro. Se alguén é capaz de desencantalos farase rico, porque transformaranse en ouro. Iso é o que din pero, polo de agora, ninguén foi capaz de conseguilo".

Actuación empobrecedora

Nas fotografías aéreas actuais non se aprecian estucturas castrexas arredondeadas porque foron desmanteladas para nivelar o terreo e montar encima as granxas e as outras construcións como se indicou anteriormente: "Foi unha pena que pasara isto, pero daquela ninguén dixo nada e desa forma perdeuse todo".

O castro de Anzo, por causa da súa temperá destrución, non foi catalogado nin pola Consellería de Cultura nin quedou recollido no PXOM de Lalín, ata que se levou a cabo unha revisión dos poboados castrexos no ano 2007, por encargo do goberno municipal de Lalín, efectuada polo autor deste artigo. Sen embargo a súa existencia nunca ofreceu dúbidas aos investigadores que acercaron ao lugar, como teñen sido algúns membros do Seminario de Estudios Galegos (SEG), caso de Gerardo Alvarez Limeses (1932) ou os que citan referencias como Filgueira Valverde, García Alén, Crespo Nazara, Taboada Chivite e outros máis recentes.

Cabe sinalar que a destrución do castro, por parte do empresario que construíu as tres naves avícolas e un "chalet" residencial, foi unha actuación considerada, por bastantes veciños, como empobrecedora para a parroquia de Anzo, que perdeu unha importante referencia de identidade: "A perda do castro foi irreparable porque quedamos sen o monumento máis importante que tiñamos na parroquia. Pasounos parecido aos de Santiso, aínda que, alí, o culpable foi a Extensión Agraria cando fixo a concentración parcelaria. A nós pasounos moito antes ca eles pero os resultados foron os mesmos".