23 de marzo de 2014
23.03.2014
CALROS SOLLA

Capitán Gosende recupera Vichocuntín tras un duro inverno

Dende o verán de 2013 que descubriron o estandarte no Vichocuntín de Riba, as ruínas contabilizan centos de visitantes

23.03.2014 | 02:11
Membros de Capitán Gosende tras as tarefas de limpeza en Vichocuntín.

O pasado domingo, membros do colectivo Capitán Gosende desprazámonos até a aldea vella de Vichocuntín (Pedre-Cerdedo) para recompor, na medida das nosas posibilidades, os estragos que os vendavais do inverno provocaran na mesta poboación de mimosas (Acacia dealbata), vizosas e puxantes colonizadoras deste casarío abandonado.

A fronde mimosácea teceu, co pasar dos anos, un imbricado labirinto naquela lomba baldía. Este espécime vexetal, orixinario da antípoda australiana, adaptouse primorosamente á latitude de Vichocuntín. Alóctono e invasivo, a súa inza (pois, de caste lle vén ao algo) viuse favorecida polos lumes forestais que, periodicamente, cobran o seu tributo naquel quinteiro. Os temporais padecidos semanas atrás, que galgaron a bisbarra dacabalo de ventos desbocados, abalaron de xeito o arboredo de Cerdedo e, en concreto, o aveciñado nestes fermosos e evocadores pardiñeiros, neste privilexiado museo etnográfico ao ar libre.

Des que os Gosende, no verán de 2013, fincamos o estandarte no Vichocuntín de Riba, aquelas ruínas contabilizan por centos os visitantes que, dos catro cantos da Galiza, se achegan a Cerdedo, atraídos polo tesouro escusado tras a caprichosa matogueira. Capitán Gosende haberá porfiar, daquela, na campaña de promoción e valorización deste conxunto etnolóxico que exemplifica á perfección a convivencia harmónica do devir natural coa obra humana ou, se o prefiren, a abraiante capacidade que a arquitectura tradicional (pedra e madeira) ten para mimetizarse, para fundirse e confundirse co medio, unha vez que o ser humano a deixa de man.

Volvendo ao noso cometido de descubrir e dar a coñecer, as razóns que impelían as tarefas de limpeza e acondicionamento no vello Vichocuntín son as visitas programadas para a tempada primavera-verán que, ende ben, contarán cun guía-acompañante de Capitán Gosende. A vindeira excursión terá lugar o sábado 29 do presente mes de marzo. Hai uns días, os Gosende xa guiamos polo roteiro "Pedre milenario" (no que Vichocuntín é parada obrigada) os integrantes da asociación cultural Andarela (Sanxenxo).

Os labores efectuados na xeira dominical consistiron en volver deixar practicábeis os camiños denantes abertos, para o que foi necesario proverse de ferramenta de corte. Actuouse sobre as rechoridas mimosas que empecían o tránsito e, mesmo así, só se fixo por arrombar os exemplares estritamente necesarios. Os de Capitán Gosende queremos salientar que as venerábeis ruínas e a singularidade do bosque deseñado pola natureza conforman na aldea vella de Vichocuntín un todo indisociábel.

In situ, puidemos comprobar como o vento afuracanado apachocara a maraña de pólas e troncos por riba das corredoiras, impedindo ou dificultando a mobilidade. Xa na entrada da aldea, un groso carballo, noutrora aburado polo lume, cedeu ao ímpeto da inclemente meteoroloxía e, renunciando á verticalidade, deu en abaterse sobre os muros dunha das vedrañas construcións. A derruba dalgunhas mimosas de bo porte, arrincadas de raíz pola refolada, deixou ao descuberto o cachotado da levada do muíño. Malia o referido, feito o inventario de danos, constatamos con ledicia que, alén das baixas sufridas pola flora, o patrimonio arquitectónico ficou indemne.

Tras catro horas de duro traballo (corta e carrexa), a aldea vella de Vichocuntín volveu quedar expedita, disposta para seguir cumprindo a función de reclamo dos curiosos aventureiros que, abandonando a confortabilidade do fogar, se chimpan ao camiño aspirando facer algo máis ca deporte. Ben seguro, a súa presenza en Cerdedo redundará en beneficio da hostalaría local, a única industria de Cerdedo.

Nos cartafoles de Capitán Gosende, imos arquivando con satisfacción e gratitude as numerosas e agarimosas mostras de apoio recibidas. Os Gosende concordamos co pensamento do poeta Martí: "Facer é o mellor xeito de dicir" e refugamos o goberno de botafumeiro, posto que, como dixo o vate cubano: "En política, o único verdadeiro é o que non se ve".

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
selectividad 2018 Galicia

Toda la información sobre la selectividad

Consulta aquí toda la información sobre las pruebas de acceso a la Universidad: notas de corte, resultados y noticias


GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia