Na xeira dominical do 2 de febreiro, a tropa dos Gosende abandonou Pontevedra para se internar, Lérez arriba, na fragosa beleza do monte de Cerdedo. Nesta ocasión, a expedición estaba integrada por Miguel Solla, Xoán Soto, Pedro Peón e Calros Solla, un servidor.

Apenas deu tempo ao café de sobremesa, pois, aquela tarde, os meteoros avíronse ao prognóstico. O ceo axiña se acugulou de ameazadores nubarros que acabaron toldando a raxeira. Malia as desacougantes previsións, o diadema do arco da vella asinou unha tregua e, oufano, coroou a montaña. O alarde do setecores interpretouse como sinal de bo agoiro.

A ascensión pola congostra do monte viuse empecida, primeiro pola auga arroiada e, a medida que gañabamos altura, pola xistra que teimaba en facer albo das nosas facianas.

O obxectivo programado para a xornada obrigábanos a atinxir o cume do monte de Cerdedo co aquel de documentar fotograficamente o conxunto megalítico do Coto de Mámoas que, dende hai máis de 5.000 anos, se conserva (non indemne) naquel planalto.

Ben saben por boca dos Gosende que o Ministerio de Fomento proxecta construír unha liña de tren (engadirémoslle só o cualificativo de "rápido"), para maior honra e gozo das populosas urbes. Ben saben que, para o trazado, os estrategos do ferrocarril escolleron a agra de Cerdedo que, ende mal, proveito ningún obterá da súa construción. Ben saben tamén que, así avancen as obras, o entullo extraído de túneles e trincheiras se esparexerá por Cerdedo adiante en moreas de milleiros de metros cúbicos, aquí e acolá.

Cando Vigo estea a un chiscar de ollo da capital do Estado e viceversa, Cerdedo mirará para os seus vertedoiros de cascallo, para os seus viadutos, para as súas trincheiras e para os seus túneles, a semellanza da vaca que remoe babiola ao compás do chacachá.

O colectivo Capitán Gosende considera absolutamente desatinada a decisión de localizar na cima do monte de Cerdedo o vertedoiro denominado V-11 que, segundo o informe publicado por Fomento, acadará os 51.665 m2 de superficie e os 49.424 m3 de cabida.

Os de Capitán Gosende defendemos o noso parecer, aducindo que no alto existe unha necrópole neolítica (As Mámoas ou Coto de Mámoas), composta, cando menos, de cinco elementos susceptíbeis de protección, situados nas inmediacións (cara ao leste) do espazo escolleito para depositar os vertidos. Tres dos cinco túmulos están catalogados por Patrimonio (GA36011062, GA36011063, GA36011064) e os outros dous, malia posuíren o cualificativo de "inéditos", existir existen.

A maiores, Capitán Gosende salienta a existencia doutro sitio arqueolóxico, indeterminado, nomeado Cerrada das Mámoas, cara ao sudoeste do proxectado vertedoiro e a unha cota inferior (monte de Abaixo). Cóntase con abonda bibliografía sobre o particular, verbigracia: Inventario de monumentos megalíticos (X. Filgueira Valverde-A. García Alén, 1977) e Carta arqueolóxica do concello de Cerdedo (C. Solla, 2009).

Alén do topónimo transparente -Cerrada das Mámoas-, sabemos por Filgueira Valverde e García Alén que, xa cando, o veciño de Cerdedo Severino Bugallo Valiñas achou nun daqueles valos (leiras choídas con muro de cachote) a "moa inferior dun muíño circular castrexo" e que esta se conserva no Museo de Pontevedra.

Amparándonos tan só nas referidas evidencias, é de sentido común esixir que os técnicos de Patrimonio efectúen unha exploración ampla, exhaustiva e imparcial da zona en cuestión, previa a calquera remoción ou intervención naquel espazo. Mesmo así, se a mesta vexetación reinante impide o achádego dalgún novo elemento, o lugar debera ser preservado, apelando ás pertinentes cautelas.

Capitán Gosende rexeita o apresuramento na execución dunha infraestrutura que, lonxe de beneficiar aquel territorio, podería privar a Cerdedo dalgún dos seus bens patrimoniais. Feito o choio, quen vai atopar nada baixo os 50.000 m3 de pedrullo?

A media altura, a congostra do monte de Cerdedo esvaece, abríndose en pista forestal. De feito, aquela montaña é un calamitoso encrucillado de devasas, desmesuradas, abertas a forza de padexadora, executadas sen estimar o tesouro arqueolóxico agochado baixo a fronde, a escasos centímetros da tona da terra.

Galgabamos a encosta, aburados pola chuvieira e polo devalo da luz, cando, nunha galla do camiño, os meus ollos repararon nunha pequecha concavidade labrada nunha laxa semisoterrada. A moita auga caída estas semanas discorrera pendente abaixo, lavando o terreo e permitindo, daquela, dar coa inscultura. Albízaras e parabéns.

No arboredo do Sangal, a uns 500 m. aprox. do rueiro de Cerdedo e a outros tantos da antiga caseta forestal, sita no alto do monte, os Gosende, bendita providencia, fomos bater cun gravado rupestre. A caseta viría cadrando no centro do vertedoiro V-11, xa que logo, o novo achado tamén se localizaría nas proximidades da aciaga entulleira.

O petróglifo componse, a primeira vista, de media ducia de coviñas ou cazoletas, talladas nun laxedo, soporte exposto decote ao tránsito de maquinaria agrícola e forestal e mais aos quads, unha outra maldición do noso tempo.

Coa descuberta do petroglifo do monte de Cerdedo (dende agora, petroglifo da Laxa do Sangal), Capitán Gosende suma outra fazaña ao seu currículum, no que relocen, entre outros, as descubertas do antropomorfo do Serrapio, das ruínas da aldea vella de Vichocuntín ou do gravado rupestre da Laxa das Filloeiras, no monte de Pedre, afectado, así mesmo, pola salvaxe trincheira que Fomento proxecta naquela aldea.

A Carta arqueolóxica do concello de Cerdedo, editada en 2009, pide unha pronta e feliz actualización. Co presente, Cerdedo suma xa 23 gravados rupestres, ningún deles valorizado pola autoridade. Celebramos o acaso con vítores e apertas. A fortuna volvía sorrir os intrépidos. É ben certo que non se fai país amouchados na casa, ao socairo dos rigores invernais.

Os acontecementos non fan máis ca reforzar os nosos argumentos. O monte de Cerdedo é un sitio arqueolóxico relevante. Co gravado rupestre descuberto o pasado domingo, aqueles predios ofrecen arestora testemuño das nosas tres idades prehistóricas: Idade da Pedra (Coto de Mámoas), Idade do Bronce (Laxa do Sangal) e Idade do Ferro (o muíño castrexo achado por Bugallo).

Se o superficial estudo de impacto arqueolóxico, esixencia do proxecto ferroviario, deparou a identificación de dous novos túmulos, e se a incursión dos Gosende obtivo un gravado rupestre, cantas máis sorpresas nos ten reservadas aquela montaña? O que deamos atopado, non nos causará abraio, pois é sabido que o val do Lérez, no tocante a petroglifos, exhibe unha das meirandes concentracións do continente europeo. Bo sitio para ir chantar vertedoiros.

O monte de Cerdedo convértese noutro museo ao ar libre, patrimonio de todos os galegos, lustroso escaparate da nosa historia. O seu futuro non se pode xogar aos dados nin se debera pór nas mans duns políticos que, "juntos de la mano", van cos da feira e volven cos do mercado.

Como titularía o amigo Fernando Salgado, somos formigas fronte elefantes, corremos o risco de que nos apachoquen sen dó, mais, dende logo, preferimos arrostrar de pé o vendaval antes ca sobrevivir axeonllados.

Un vertedoiro para as mámoas de Folgoso, outro para as de Cerdedo, outrosí para aldea de San Martiño; o viaduto asoballando a Veiga dos Muíños, a trincheira do Coteliño, o viaduto depreciando o lugar de Vichocuntín, a trincheira da aldea de Pedre, o viaduto por riba das Cortellas... e a esta descomunal orxía da desfeita, súmase a afectación parcial dun "paseo biosaludable". Todo vale, mais, alguén me podería sinalar en Cerdedo un só paseo "non biosaludable"?

Sexamos serios, o chamado "Proxecto Básico do AVE a Galicia", fóra de calquera outra consideración, é iso, básico, moi básico e, asemade, encerellado e pouco rigoroso. Sen ir máis lonxe, no volume I daquela colección de "incunábeis", dáse conta da toporafía.

No tocante aos datos consignados para a vertente norte de Cerdedo (ou Cercedo), o operario que, á beira do chusco "paseo biosaludable", apromaba o teodolito, tivo a ben achegarnos un esbozo situacional.

No bosquexo, un dos puntos de referencia considerados é un cartel que, ao parecer, di "Junta de Andalucía". Manda carallo, un sae dar unha volta por Cerdedo e, nun amén, aparece en Despeñaperros. Cousas da alta velocidade.