Para completar e actualizar o estudo que realizou hai xa dous anos, o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do instituto Pintor Colmeiro de Silleda volveu realizar enquisas entre alumnos e mestres co obxetivo de coñecer o seu comportamento cara a lingua galega. Os resultados non difiren moito dos de 2012: Aínda que "aquí hai máis contacto co galego que nas cidades", a perda de galegofalantes entre a xente moza segue preocupando, segundo admite o responsable do citado departamento, Cibrán Arxibai.

O informe, que pode consultarse integramente no blog do centro, 'As Ferreiras', conclúe que, aínda que a competencia oral e escrita da maioría do alumnado é aceptable, persiste a conciencia de posuir unha competencia máis baixa, actitude que leva facilmente ao abandono do uso do galego. Só un 2,3% dos enquisados di saber escribir pouco en lingua galega, fronte ao 67,82% que admite dominala moi ben na escrita. Son máis os que demostran un grado de entendemento alto (72,41%), pero só o 44,25% dos estudantes do centro enquisados fala sempre na lingua propia de Galicia. Un 8,62% di facelo exclusivamente en castelán e un 15,52% máis na lingua de Cervantes ca en galego.

O 70% emprega este último idioma para a escrita de xeito habitual, a pesares de que o profesorado percibe entre os escolares que "teñen como asumido que saben escribir mellor en castelán, cando non é certo", explica Arxibai. O estudo revela tamén que "se considera máis necesario aprender o castelán que o galego, e no caso de aprender linguas, estímase preferentemente a lingua franca internacional, o inglés".

Das 35 respostas obtidas no cuestionario enviado a 45 mestres, sácase que o galego é a lingua habitual do equipo docente que, en xeral, ten un elevado nivel de capacitación para empregar o idioma á hora de impartir as clases. O perfil sociolingüístico do profesorado é esencialmente galegofalante. Por citar un dato, o 37% dos enquisados considera insuficiente a utilización do idioma establecida pola lexislación actual.