26 de enero de 2014
26.01.2014

Goiás, escenario do conflito carlista

Catro cruces de pedra existentes na parroquia fan referencia a supostas mantanzas do século XIX

26.01.2014 | 02:30
Cruz das Abileiras, no campo da festa de Pareizo.

O 14 de xaneiro facíame eco neste xornal da importancia que ten o mantemento e a protección da Cruz da Reboira (Pareizo). Naquel artigo apelei ao Concello de Lalín para que velara pola preservación deste cruceiro. Por que? Pois, probablemente, porque desde cativo lles escoitei dicir aos maiores da aldea que as cruces que, como a da Reboira, se atopan ao pé dalgúns camiños da parroquia fan lembranza dunha morte que acontecera no lugar no que cada un dos cruceiros se atopa emprazado; ou porque cando morría alguén das aldeas de Cotarelo e Pareizo e era levado ata a igrexa de Goiás para ser enterrado, paraban diante da Cruz da Reboira a descansar e pregar polo falecido. Para algúns isto pode ser puro sentimentalismo. Non están errados, xa que a identidade comunitaria e a historia dos veciños da parroquia de Goiás pasa polo coñecemento e protección destes cruceiros decimonónicos. Pero, para os que isto non sexa causa suficiente, deixarei de lado o sentimento e apelarei á razón e á historia que existe en torno a eles.

Esta historia arranca na tradición oral existente en torno a estas cruces entre os veciños de Goiás, cando afirman que se atopan situadas en lugares nos que se cometera "o asasinato de persoas inocentes a mans de xentes de mal". Catro son as cruces de pedra que existen na actualidade facendo referencia a unhas supostas matanzas acontecidas en Goiás: A referida Cruz da Reboira, a das Abileiras (agora no campo da festa), e a do Ballote, todas elas situadas en Pareizo; e unha cuarta que se atopa no lugar de As Casas Novas. Tanto esta última como as da Reboira e das Abileiras posúen unhas dimensións moi semellantes, cunha altura duns 182 centímetros, aproximadamente, e cunha pedra traveseira duns 70 cm. A cruz do Ballote só ten uns 70 cm. de alto e unha pedra traveseira de 48. Todas elas contan cunha base cuadrangular de pedra, que ten unhas dimensións de 30 cm. de alto por 58 de ancho. Ademais destas, a xente recorda que noutros lugares da parroquia existían tamén estes tipos de cruces. Lugares coma o de Vilar Bo, Lagoas, Delaparte, Cruz de Brais e As Casas Novas contaron en tempos non moi pretéritos con este tipo de monumentos viarios.

Sobre a historia destas cruces, cando se lle pregunta aos veciños, estes responden dicindo que en cada un dos lugares nos que hai ou houbo unha cruz foi asasinada unha persoa de Goiás durante unha época en que houbo guerra. Os encargados de facer tales matanzas eran xentes "que se dedicaban a facer mal: ladróns, bandidos...". Ante este único dato oral é difícil saber a qué guerra ou matanzas se refire a xente, e, se esas foron certas, en qué época se deron.

O feito é que esta información dos habitantes de Goiás ten a súa verificación histórica. Basta con consultar o primeiro Libro de Defuncións Parroquial (1716-1852) para atopar que no ano 1839, sendo crego D. Xosé López, foron asasinadas a mans de "facciosos" doce persoas que morreron en iguais circunstancias. Deses doce defuntos, un foi asasinado o 12 de maio, mentres que os once restantes fórono o 14 de agosto. Ese nome de facciosos era o termo que se lle aplicaba aos partidarios do Infante Don Carlos, que pretendía o poder enfrontándose a súa sobriña e futura raíña Isabel II. Ante este dato, pódese concluír que as matanzas de Goiás sitúanse no contexto histórico da I Guerra Carlista (1834-1840), durante a cal Galicia e os facciosos se converteron nuns dos grandes defensores do carlismo. Cómpre tamén dicir que as accións sanguinarias dos facciosos, máis ca producírense por motivos políticos e sociais, leváronse a cabo, xa a finais da guerra, baixo a insignia da bandidaxe, que era xustificada coma un axuste de contas a aquelas persoas que pertencían á milicia urbana (defensores da causa isabelina).

Unha referencia a estes feitos ofrécenola Francisco Vilariño, profesor e escritor dezao de finais do século XIX e principios do XX. Un dos parágrafos que el nos legou reza así: "Aprobado por unanimidade o pensamento, ordenouse unha expedición armada á parroquia de Goiás, na que a maioría dos veciños pertencían á milicia urbana, que lle causaba aos facciosos grandes desgustos, e co fin de vingalos e desquitarse das ofensas sufridas, propuxeron executalo, levando a cabo de modo brutal, non perdoando a vida nin a nenos, mulleres e anciáns que se atopaban ao seu paso, queimando casas, medas de centeo, das que estaban as casas repletas por ser na metade do mes de agosto: Era tal a fereza daqueles tigres que non se pode imaxinar nada peor nos crimes da fera humana. Tal desastre non tivo par nos anais daquela guerra civil, ata os enfermos foron inmolados no seu leito de dor. Goiás aínda hoxe chora os horrores daquela hecatombe" (VILARIÑO, F.; Reseña Histórica del Condado de Deza, edición preparada por Armando Vázquez. Madrid, 1997; pp. 147-149).

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Noticias relacionadas

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia