26 de enero de 2014
26.01.2014
CERDEDO

¿E se o Monte do Seixo fose o Medulio?

A Terra de Montes, antiga Montes Meta, agocharía o significado de "montaña cónica que serve de fronteira" á tribo dos metacios, os indíxenas desta zona

26.01.2014 | 02:30
Imaxe dende o alto do Monte Seixo situado na parroquia de Cerdedo.

A Terra de Montes -no antigo, Montes Meta- foi a patria dos metacios, un dos pobos celtas da Gallaecia (ou Kalláikia), inmortalizados no Parochiale suevum, Divisio Theodomiri ou Concilium Lucensis, acta que dimanou do Concilio de Lugo celebrado o Aninovo de 569.

O topónimo Montes Meta é un orotopónimo tautolóxico, é dicir, a forma Meta tamén significa "montaña" "elevación". A expresión latina Montes Meta é o resultado de identificar como "monte" unha realidade xa recoñecida como tal en lingua celta. Cotéxese co irlandés metho "fito de deslinde".

As raíces *med-/*met- célticas aparecen en innumerábeis orotopónimos galegos: Meda, Medo, Medeiros, Medela, Medelo (sen ir máis lonxe, no veciño Caroi-Cotobade)..., dando testemuño da súa rendibilidade substratística (E. Rivas Quintas, 1982).

Por outra banda, o substantivo meta-ae latino significa "columna cónica" ou "extremidade" "termo". F. Cabeza Quiles (Os nomes de lugar, 1992, páx. 259) di que o vocábulo "meta" pervive na toponimia de Galicia dando nome a elementos de topografía máis ou menos cónica que son sempre montes e montañas. Unha meda, termo agrícola, é unha morea de forma cónica, que se forma pola acumulación ordenada de feixes de centeo, trigo, millo, herba, etc. (Dicionario Xerais da Lingua, páx. 785). Di o refrán: Home cazador ou troiteiro, nin boa meda nin bo palleiro.

Cónica é a feitura do monte do Seixo (Outeiro do Coto, 1.015 m), albiscado dende a estrada de Cerdedo a Soutelo de Montes e, parafraseando a Floro e a Orosio, a 30 km en liña recta -cara ao NO- do río Miño (Ribadavia). O propio Cabeza Quiles engade: Topónimo notable, que pode provir da prolífica "meta" latina, é o do mítico monte Medulio (...) que aínda que de difícil ou imposible localización ha ter forma cónica (páx. 260). Meda, medorra, medoña... son outras formas coas que se nomea unha mámoa, sepultura neolítica, v.g.: Chan de Mamas, no alto do Seixo.

O verbo latino metor significa "fixar os lindes", "chantar fitos". Tomando en consideración ambas as dúas solucións, a Terra de Montes, Montes Meta, agocharía o significado de "montaña cónica que serve de fronteira". Mais, fronteira de que?

Voltemos ao Parochiale. Neste documento, recóllese a división parroquial -as trece cadeiras- que a potestade sueva arbitrou para o reino da Galiza no século VI, recoñecendo Lugo como diócese metropolitana, a semellanza de Braga. A provincia romana da Gallaecia segregábase, tras o sínodo, en dúas sés arcebispais, Lugo e Braga, respectando as áreas de influencia destes dous antigos conventos xurídicos romanos. A sé de Lugo perderá o seu carácter de metropolitana tras a época sueva.

Na romanidade, as derregas do conventus lucensis e do conventus bracarensis adaptáronse aos accidentes naturais do país (o terceiro dos conventus era o asturicensis, a Galiza do leste). Dende o oeste, os lindes seguían o val do río Lérez -ou o do río Verdugo- e os cordais interiores da actual provincia de Pontevedra (a serra do Cando e a serra do Candán), fontes fluminum, atinxindo cara ao leste as ribeiras do Sil. Como se deduce, a tribo dos metacios, os indíxenas da Terra de Montes, asentaban en predios fronteirizos.

No momento de organizar a provincia da Gallaecia, a autoridade romana valeuse dunha máis antiga división política (oinaikoi) de época celta. A federación de territorios políticos (trebas, máis tarde civitates, populi) na que se adscribían os metacios era o oináikos Growion, localizado ao sudoeste da Kalláikia, tendo como capital a Bracara (Braga). Aínda pertencendo á dita federación, os metacios (unha das tribos dos artódioi) habitaban a carón da marca do oináikos Ártabron, a federación céltica do norte, con capital en Lucus (Lugo).

Xa daquela, a estrema estaba debuxada pola ría de Pontevedra, o río Lérez e as serras do Cando e Candán. A treba metacia viviu, entón, dende a máis remota antigüidade, no limes, no cabo dun territorio e no comezo doutro. (Consúltese: "Atlas histórico da Galiza", Barbosa-Gonçales, 2008).

Asumido o cristianismo polo pobo suevo -moitos galaicos xa eran priscilianistas dende o século IV-, o rei Miro (570-583) fixo realidade o proxecto de seu pai, Teodomiro, de organizar a igrexa nacional sueva. O plan reestructurador contou co apoio do influente bispo Martiño de Dumio (515c-580c), flaxelo do arrianismo de Aiax -"o inimigo da fe católica e da Divina Trinidade", segundo o cronista Idacio-, impulsor, que foi o dumiense, da conversión relixiosa dos bárbaros do Noroeste.

O reino suevo da Galiza ficou dividido en trece "sedes" (hoxe, dioceses). Cada unha das "sedes" dividíase á súa vez en "dioceses" (hoxe, comarcas ou arciprestados).

Segundo se le no Parochiale, á diocese de Iria, inserida no arcebispado de Lugo, correspondíanlle a xestión do seu propio territorio e o das parroquias (antigas trebas celtas) dos Morracio, Salinense, Contenos, Celenos, METACIOS, Mercienses, Postamaricos (Coporos, Celticos, Bregantinos, Prutenos, Prucios, Besancos, Trasancos, Lapaciencos e Arros); todos eles etnónimos.

No Chronicón Iriense, composto en época posterior (sécs. XI-XII), corroboramos a asignación da Terra de Montes á diocese de Iria por parte do rei Miro: Mirus Rex Sedi suae Iriensi contulit Dioeceses, scil. Moracium, Salines, Moraniam, Celinos, MONTES (Terra de Montes), Mertiam, Taberiolos (A Estrada), Velegiam, Loutum, et Pistomarcos, Amercam, Coronatum, Dermianam, Gentines, Celtagos, Barchalam, Nemancos, Vimiantium, Salagiam, Bregantinos, Farum, Scutarios (Cotobade), Dubriam, Montanos, Nemiros, Prucios, Visancos, Trasancos, Lavacengos, et Arras, et alias, quae in Canonibus resonant.

Baixo o reinado de Afonso II o Casto (760c-842), áchase en Iria Flavia (ano 813), capital da diocese, o suposto sartego do apóstolo Santiago. As constantes razzias viquingas propiciarán, posteriormente, o traslado da sé iriense -e dos venerábeis despoxos (con certeza, de Prisciliano)- a Compostela, que se converterá en metropolitana ao longo do século XII, en tempos de Xelmírez, e até os nosos días.

Recuemos de novo no tempo. Durante as campañas militares que o emperador romano Octavio Augusto (63 a. C.-14 d. C.) desenvolveu no norte da Península, aconteceu, nun lugar impreciso, mais montuoso, do interior da Galiza, a célebre batalla do monte Medulio, decisiva na conquista do territorio galego.

Cara ao ano 20 a. C., os superviventes daquel feroz combate resistiron afortunadamente o delongado asedio ao que os someteron as lexións romanas de Cayo Furnio e Publio Carisio. Os celtas da citania do Mons Medulius preferiron o suicidio -tras a inxesta de bagas de teixo-, antes que entregarse con vida ao inimigo: "Denantes mortos que escravos", escribiría Castelao. Lembremos que o episodio de Trentinán, a mítica vila asolagada do Seixo, amenta os romanos no alto da montaña. Na mesma, érguese maxestosa a peneda fortificada do Castro Grande.

Se atendemos a unha das etimoloxías propostas para Medulius (

Chegados a este punto, a vista vólvese de novo, sen esforzo, cara ao alto do Seixo, cara ao cruzamento de Portalén (a porta do Outro Mundo), cara o Marco do Vento, descomunal pedrafita (a trebopala), alí, na Feira Vella, onde como di a lenda, todos os ventos dan a volta.

Dende tempos inmemoriais, os 30 m3 de pedra de gran do Marco do Vento (ou Marco do Seixo) -6 m de altura- e as cruces de termo gravadas nas súas faces veñen exercendo de chantón divisorio. A chaira onde se ergue, relanzo sacro, terra de ninguén e de todos, confluencia de camiños, foi selleiro escenario do ciclo festivo celta. Os metacios, o populus que morou na redonda da montaña, condensan no seu nome o carácter singular dos que habitaron ao pé do outeiro da marca, na fronteira final.

Moitas son as candidaturas presentadas para acoller o nemeton meduliano, mais ningunha tan ricamente adobiada como a proposta polo monte do Seixo. Quen dá máis?

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
selectividad 2018 Galicia

Toda la información sobre la selectividad

Consulta aquí toda la información sobre las pruebas de acceso a la Universidad: notas de corte, resultados y noticias


GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia