12 de enero de 2014
12.01.2014
CARLOS SOLLA

O AVE por Cerdedo: o tren que nos vén enriba

Capitán Gosende recaba información sobre o paso da liña ferroviaria de alta velocidade por terras cerdedenses

28.01.2014 | 17:17
Localización dos vertedoiros do Coto das Mámoas e San Martiño facilitada por Calros Solla.

O pasado día 30 de decembro, os de Capitán Gosende acudimos até a Subdelegación do Goberno en Pontevedra para recadarmos información de primeira man sobre o proxecto de construción da liña ferroviaria de alta velocidade entre Ourense e Vigo, ao seu paso por Cerdedo.

Investidas tres horas no descifrado daquela prolixa e aparatosa carpetaxe, as conclusións ás que chegamos poden resumirse no seguinte pensamento: "Cerdedo, zona catastrófica".

Consonte a nosa interpretación, dende O Irixo (Ourense), a vía férrea percorrerá entubada uns 18 kilómetros até acadar o noso concello. O túnel bitubo avanzará polo subsolo das parroquias de Folgoso e Cerdedo. O comboio volverá ver a luz do día, así asomar pola lomba oeste do monte de Cerdedo, para dirixirse, sobre plataforma elevada, cara ao Coteliño que atravesará en trincheira. Despois, o ferrocarril, encol de grosos piares, orientarase cara a Vichocuntín, alancará pola valiña do Lérez, afundíndose noutra trincheira ao seu paso por Pedre e, finalmente, abandonará o municipio, de novo sobre viaduto, en dirección ás Cortellas de Pedre. Tempo de paso estimado: 90 segundos. Un minuto e medio da humana cronoloxía que transformará bruscamente o que a natureza creou en millóns de anos de pousada modelaxe.

Levabamos folleados uns cantos volumes, cando, de socate, a vista se nos foi cara ao cimo do monte de Cerdedo, sinalado, na topografía exposta, cunha gran nódoa de cor vermella (V-11). Dende logo, o "uve" non era de "vitoria", senón de "vertedoiro".

Con data do 24 de outubro de 2011, unha experta consultada, vinculada á empresa G. O. C. - Calter Ingeniería, estimou acaído colorar un vertedoiro de 300 metros de lonxitude e 195 metros de anchura xusto enriba do rechamante topónimo "Coto de Mámoas". A fame coas ganas de comer.

Alguén lle explicou a esta "observadora" que é unha mámoa? Alguén tomou en consideración que o Coto das Mámoas xunto á Cerrada das Mámoas, ambos na cemba do monte de Cerdedo, son dous depósitos arqueolóxicos do noso período neolítico? Non era de estrañar, Calter Ingeniería ten o seu domicilio social nunha céntrica rúa de Madrí.

Fáisenos saber no proxecto que o dito vertedoiro se situará a uns 500 metros da obra. É dicir, que o cascallo extraído da perforación do túnel de Cerdedo se depositará, comodamente, enriba dunha necrópole megalítica. Informásenos tamén que a superficie do vertedoiro será de 51.665 m2, malia que, ao multiplicarmos as referidas lonxitude e largura, o resultado obtido sexa de 58.500 m2.

Contémplase que a cabida estimada da entulleira será de 49.424 m3, ou, o que vén sendo o mesmo, unha morea de terra de aproximadamente 36,7 m de longo, ancho e alto. A arqueoloxía do futuro, se batese coas mámoas a esta profundidade, as acabaría datando na época dos dinosauros.

Polo que atinxe aos túmulos do Coto das Mámoas, a Dirección Xeral de Patrimonio catalogou en 2001 tres elementos, xa daquela gravemente alterados pola actividade forestal e agrícola. Existe bibliografía ao respecto, por exemplo, a "Carta arqueolóxica do concello de Cerdedo", publicada en 2009 (páx. 64).

No tocante, ao sitio arqueolóxico da Cerrada das Mámoas (op. cit., páx. 63), cómpre un novo e minucioso estudo sobre o terreo para, cando menos, atribuír o achado no lugar dunha moa inferior dun muíño circular castrexo, atopada noutrora polo célebre Severino Bugallo Valiñas, heroe antifascista e veciño de Cerdedo, peza que se deixou no seu día ao coidado do Museo de Pontevedra.

No mesmo informe, saliéntase que non existen nin restricións medioambientais (B.O.E. do 15 de marzo de 2010) nin atrancos por parte da lexislación autonómica. Vía libre (nunca mellor dito).

Así mesmo, ao sur do lugar de San Martiño (Figueiroa), consideraron conveniente os enxeñeiros aconchegar outro vertedoiro (V-12) de 20.789 m2, cabida estimada de 77.362 m3 e a escasos 97 m da obra. Tamén, sen restricións legais e medioambientais de ningún tipo, aínda que, segundo sinalan, se situaría "a 160 metros de hábitat", ou sexa, á carreiriña dun can de onde viven persoas.

Tras deixar atrás o tunel do monte de Cerdedo e o vertedoiro do Coto das Mámoas, o tren, sobre viaduto, enfilará cara ao Coteliño. Se cadra, a algún dos adurmiñados pasaxeiros se lle dea por contemplar, apenas un instante, baixo os outos piares, a vizosa ribeira do Lérez; talvez, até cheguen a murmurar: "Qué lugar más bonito, lástima que haya quedado bajo esta mole de cemento!".

O viaduto do tren de Madrí asoballará sen remisión o conxunto etnográfico da Veiga dos Muíños. Se houber vontade e iniciativa no goberno local, a Veiga dos Muíños haberíase converter, cun mínimo investimento, nun dos motores da reactivación económica do concello de Cerdedo; do Cerdedo do futuro, porque hai quen pensa que este mal que levamos anos padecendo xa non pode durar moito, pois tampouco haberá corpo que o resista.

Estragada para sempre a Veiga dos Muíños, o tren dirixirase raudo por riba de San Xoán cara ao Coteliño, deixando á dereita a entulleira de San Martiño e á esquerda o viaduto da futura variante de Cerdedo. Nun pestanexo, superará a racha feita no monte, achancando Vichocuntín ao longo do leito do Lérez, depreciando o conxunto de pontes e muíños, desbaratando sen remedio a devesa da Arnela, mesto arboredo, pórtico verdecente de Cerdedo.

O trazado afectará tamén a aldea vella de Vichocuntín (descuberta e posta en valor por Capitán Gosende) e mais o cruceiro e peto de ánimas da aldea nova. Por fin, a súa condición de "aldea pantasmagórica" (así cualificada pola web oficial do Concello) achará xustificación. Tantos anos agardando pola inundación resultante da construción do macroencoro de Fenosa para acabar sendo asolagada polo formigón dun viaduto de Adif. Escuro e inexorábel destino.

O tren non deterá a súa diabólica carreira e irromperá na aldea de Pedre a través dunha longa e fonda trincheira nun punto impreciso entre O Salgueiro (Aldea de Riba) e o santuario rupestre da Laxa das Filloeiras (descuberto e posto en valor por Capitán Gosende). Meditáronse as repercusións dos desmontes e escavacións no natural discorrer das augas superficiais e subterráneas?

Os veciños de Pedre revivirán a experiencia padecida co trazado da N-541 que provocou a groseira segregación do poboado. Á pregoada "aldea museo", deformada impunemente pola paranoia urbanizadora de hai uns anos, engadiráselle agora o novo cavorco do AVE. Pedre, "a aldea trincheira". De facerse realidade o pesadelo, onde é inescusábel a construción dun túnel senón en Pedre?

Afastarase o tren de Pedre e do seu novo acantilado, abaténdose a seguir sobre o casarío das Cortellas. Por se lles parecía pouco, un dos esteos do viaduto erguerase entre aquelas vedrañas edificacións que, con certeza, nos remiten á época medieval.

Centrais hidroeléctricas, parques eólicos, desorde forestal e, agora, unha arañeira de viadutos. Ninguén no seu san xuízo fará pousada en Cerdedo (é de supor que, para iso, se ten deseñado unha variante). Que entenderá a autoridade por impacto ambiental? Que máis se necesita para que Cerdedo sexa declarado zona catastrófica?

Un oneroso investimento de diñeiro público para que vigueses e madrileños disten tres horas de viaxe. Asumindo os recortes en sanidade, o mesmo tempo que se empregará en atender e evacuar unha urxencia médica en Cerdedo. Cantos cartos enterrados en detrimento da saúde, da educación, da asistencia social...!

O ferrocarril, que lixeiro avanza cara ás Rías Baixas, deixará ás súas costas un territorio mutilado, devastado, desvalorizado, afeado sen arranxo. Apenas uns centos de euros en menús do día para a esmorecente hostalaría local.

Leo na web do IET (Consellaría de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas): "A Comunidade Autónoma de Galicia é hoxe consciente da importancia das nosas paisaxes e do deber que temos de preservalas, porque se trata dun recurso patrimonial incuestionable que participa do interese xeral nos aspectos ecolóxicos, culturais, económicos e sociais (...) Porque a paisaxe é un elemento fundamental da calidade de vida das persoas... bla, bla, bla". É insoportábel tanta hipocrisía!!

Pasará o que nos merezamos que pase. Mentres amuado escribo estas liñas, xa non sei se me doe máis a visualización da desfeita ou a manifesta incapacidade dos que nos gobernan por facer algo que non sexa velar o cadáver.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia