29 de diciembre de 2013
29.12.2013
CALROS SOLLA

Capitán Gosende remexe na aldea da Mámoa (e II)

A súa tropa buscou durante tres xornadas infrutruosas o petroglifo do Campo das Antas, que corre risco de desaparecer por un eólico

29.12.2013 | 02:30

A petición veciñal, a tropa de Capitán Gosende adicou tres xornadas infrutuosas a buscar o gravado rupestre do Campo das Antas. Se o pobo fose incapaz de tumbar o proxecto de construción do parque eólico As Penizas, se as autoridades lle outorgaren o seu visto´e prace á obra, o petroglifo correría o risco de desaparecer definitivamente. Construir o eólico suporá un impacto brutal sobre a paisaxe. Débenselle engadir a afectación dos humidais, a modificación do normal discorrer das augas, a perturbación do voo das aves migratorias e a pouco estudada ou escamoteada repercusión na saúde humana.

Emprestándolle un mínimo de atención á toponimia, decatarémonos da transcendencia que, para a cultura galega, ten o noso período prehistórico: A tropa dos Gosende andabamos na procura dun gravado rupestre nunha aldea chamada A Mámoa, pertencente á unha parroquia denominada Castrelo.

Volvendo ao asunto da ameaza que nos asexa, María Cacheda Pérez, no seu traballo "A arqueoloxía no Plan Eólico da Galiza: Estudos de impacto arqueolóxico" (CAPA, nº 20, 2004), afirma que, na elaboración dos ditos estudos, a "primeira fase de traballo de gabinete" obriga a consultar "a bibliografía existente da zona, o Inventario Arqueolóxico da Administración..." e, así mesmo, a "segunda fase de traballo de campo, consiste nunha prospección intensiva e sistemática nunha banda de 200 m desde a zona afectada polo proxecto, para catalogar os elementos patrimoniais nunha cartografía de detalle (páx. 16)".

Se o pobo fose incapaz de tumbar o proxecto de construción do avasalador enxeño eólico, se as autoridades lle outorgaren finalmente o seu visto e prace á obra, o escusado gravado rupestre do Campo das Antas correría o risco de desaparecer definitivamente. É pois, de sentido común, esixir que, antes de proceder á remoción do terreo, se porfíe no rastrexo minucioso da área, impedindo calquera intervención da maquinaria, en tanto non se atope este selleiro vestixio da nosa Idade de Bronce.

Agora ben, por moito que os promotores das tarabelas e a autoridade competente garantan a conservación dos elementos patrimoniais tomados individualmente (permítasenos desconfiar, constatada a neglixente actuación no monte do Seixo), a construción no alto daquela montaña dun desmesurado complexo industrial suporá un impacto brutal na paisaxe, devaluando indiscutibelmente, e sen arranxo, o seu atractivo.

Ao impacto paisaxístico débenselle engadir a afectación dos humidais e dos seus endemismos (v.g.: a saramaganta (Chioglossa lusitanica)), a modificación do normal discorrer das augas subterráneas e superficiais, a perturbación do voo das aves migratorias..., e a pouco estudada ou escamoteada repercusión na saúde dos seres humanos. Os habitantes da Mámoa e arredores deberan ler os informes da doutora Nina Pierpont (Universidade de Columbia) ao respecto.d Cómpre saber que se o parque eólico das Penizas chega a facerse realidade, non será porque na aldea da Mámoa non haxa oposición, senón porque na Mámoa apenas residen uns poucos veciños, convenientemente divididos co velenoso maná das contrapartidas económicas.

Sexamos dignos e fagamos por actuar motivados non só polo carto na uña. Salientando que o benestar físico e psíquico deberan ser prioritarios, existen alternativas inocuas para obter rendemento dos nosos montes, sobre todo, cando, como naquela tenza das Penizas, a terra nos ofrece de balde unha xenerosa colleita arqueolóxica.

O mutismo da autoridade forcareicense causa pasmo e indignación. A manifesta incapacidade que demostran os políticos á hora de xestionar asisadamente os haberes públicos provoca noxo. Descoñezo se, cando menos, un ano despois da miña primeira denuncia neste mesmo xornal, a concellaría do ramo fixo por actualizar o inventario patrimonial do concello, plasmando convenientemente nos papeis a correcta localización do sitio arqueolóxico da Mámoa. Digo nos papeis, porque, que eu saiba, as mámoas nunca tiveron patas.

A tropa do Capitán Gosende non lles está afeita a volver coas mans baleiras, polo tanto, a contrariedade foi causa de enfastío. Porén, xa metidos en fariña, aproveitamos este espazo para denunciar a existencia dun ostensíbel vertedoiro incontrolado (lixo, residuos reciclábeis, entullo...) de grandes proporcións (uns 500 m2), a uns 250 m do núcleo habitado e a uns 80 m dun dos túmulos, á dereita da estrada de cara a Cabanelas. Urxe pórlles couto a estas mostras de incivismo que moito fan por afearnos a conduta.

As tres xornadas de exploración resultaron infrutuosas. Dóenos non ter localizado o petróglifo do Campo das Antas. De calquera xeito e polo que poida vir, os Gosende ratificamos o acordo de poñer ao servizo daquela xente o noso voluntariado desinteresado, é dicir, o noso tempo, a nosa enerxía e a nosa esperanza nun futuro mellor que se debe bosquexar, indefectibelmente, en tempo presente. En pago, este outono solleiro agasallounos cunha belísima colección de solpores e ceos estrelecidos. Quedamos a pre.

O que acontece na Mámoa (e na Galiza en xeral) é inaudito. Estou farto de escoitar aquilo de "Se o patrimonio que temos nós o tivesen os americanos, xa nolo estaban metendo polos ollos". Ás veces dáme por pensar que somos vítimas dunha maldición bíblica, albos dun cadro obstinado de deficiencia mental que nos leva a desbaldir o que, cun chisco de vontade, habelencia e sentidiño, podería supor a solución ou paliativo dos nosos apuros económicos.

Os veciños da Mámoa (Forcarei) son posuidores dun xacemento arqueolóxico extraordinario; os veciños de Figueiroa-Tomonde (Cerdedo), tamén. É evidente que a humanidade prehistórica soubo percibir naquel planalto a excelencia que os contemporáneos teimamos en negar, deturpar ou derruír.

É moi probábel que moitos dos residentes na Mámoa descoñezan que é unha mámoa: unha morea?, unha matogueira?, "algo que non se pode tocar, porque te multan"... A administración é responsábel desta situación. As leis que seica protexen o noso patrimonio arqueolóxico, interpretadas pola autoridade segundo "sopra o vento", permiten, sen asunción de responsabilidades, o desbaratamento da nosa herdanza a mans dun fato de comenenciudas rapinas. Pola contra, a mesma administración fai todo o posíbel por manter afastado o pobo da súa lexítima propiedade que, en total abandono, esgarece baixo as silveiras. Non se ama aquilo que non se coñece e, nesta lodada inhibidora, outros pescan as troitas. Urxe que o pobo dea un paso adiante e se erixa gardian insubornábel do patrimonio.

O mal exemplo, o desleixo, as contradicións nas que decote incorren os gobernos, únicos responsábeis das grandes desfeitas ecolóxicas e patrimoniais, téñennos sumido neste estado de esquizofrenia. Para máis inri, por moito parque eólico que nos chimpen enriba, ende mal, seguiremos padecendo subas arbitrarias no recibo da luz.

É un feito que a Anta de Axeitos (Ribeira), a Mámoa do Rei (Vilaboa) ou o dolmen de Dombate (Cabana de Bergantiños) gozan da atención dos propios e dos que nos visitan, ou sexa, acadaron o recoñecemento de "atractivo turístico". Logo, non habería xeito de que un equipo de arqueólogos (moitos, en paro) escavase, cando menos, unha das dez mámoas da Mámoa, puxese a bo recado o seu contido e, a carón dun panel informativo, deixase ao descuberto a pedramoura, casota, anta, arca ou fornelo, para atraer o correspondente fluxo de visitantes cara a esta catatónica bisbarra?

Galiza e, en particular, Terra de Montes están deixadas da man de Deus e nas mans duns interesados que só ansían meter o seu con día, mentres nos impoñen normas do pasado (só neste punto demostran interese pola prehistoria). Como se pode seguir tolerando tributar coma se tal fósemos de Manhattan e sobrevivir ao mesmo tempo en Lusaka?

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia