22 de diciembre de 2013
22.12.2013
CALROS SOLLA

A meteoroloxía vaticinada polo pobo de Cerdedo

Guíanse en Cerdedo polo arco da vella: se reina cara ao leste traerá unha estiñada e se o fai cara ao oeste virá metido en chuvia

22.12.2013 | 01:26
O arco da vella. // Xoán Soto

Guíanse os de Cerdedo polo arco da vella para mellor dispor as tarefas cotiás. Se reina cara ao leste, traerá unha estiñada; se reina cara ao oeste, virá metido en chuvia. En Cavenca, a comezos do século XX, o señor Mighel da Témpora, sen máis estudos ca os concluídos da lóxica contemplativa, vaticinaba a seco ou a mollado segundo a postura do catavento da capela de San Salvador. En Abelaíndo, predín a muda do tempo atendendo a actitude do peto verdeal que os aldeáns alcuman "o paxaro da chuvia". Cando racha o silencio co seu característico gargallo, dedúcese que axiña ha vir unha rega.

Di o noso refraneiro que "cando chove e fai sol, é tempo de pagar as débedas", pois, ao cabo, "non hai prazo que non se cumpra nin débeda que non se pague".

Vállome dos refráns, pílulas de sabedoría popular, para introducir o asunto das predicións meteorolóxicas, salientando que a primeira das paremias tece o argumento dun fermoso relato cerdedense intitulado "O porco da vella". Desculpen a digresión, mais, voulles contar a historia, porque é unha mágoa que, en sabéndoa, non fagan o propio. Di así:

Unha parella de recén-casados, xente nova e humilde, dispúñase a enfrontar a longa invernía co salgadoiro baleiro. Aquel fora un mal ano e o cocho que criaban, agasallo de voda, morréralles do chamado mal rubio.

Conscientes de que a fame ía ser moita e faltos doutro recurso, encomendaron a súa sorte á discreta habelencia dunha anciá que, segundo a rexouba, tiña sona de meigoteira.

A vella moraba no muíño que os de Meilide nomean "dos Montinos", ao agocho da carballeira dos Bostelos. Entre a veciñanza, aquel pardiñeiro tamén se coñece por "a casa da bruxa".

Encamiñouse embora o matrimonio cara á ribeira do Seixo, alí onde o regueiro do Porto do Brido encana na Presa Ghrande e as augas do río fan cadoiro, pulo do rodopío do pozo Fumeghas (ou das Xilas).

A vella do muíño recibiunos porta dentro, escoitounos e partillou con eles a súa escaseza. Coñecida a súa desventura, a meiga garantiulles que mentres falaban, xa encamara no cortello unha porca preña e que o animal axiña pariría media ducia de zacotes. En pago polo arranxo, a muller pediulles da riola, o marrán máis lustroso. Así mesmo, requiriulles puntualidade no pago cuxo vencemento se axustara a un sinal convindo. O porco da vella debía ser entregado cando no ceo, por riba do penedo da Laxamoura, relustrase o arco iris. Velaquí: "Cando chove e fai sol, é tempo de pagar as débedas".

Transcorreron sen novidade os meses da ceba. Unha mañá chuviñenta, o arco da vella riscouse por fin ao nacente de Cerdedo. Advertidos do indicio, a muller franqueou a porta do cubil e, consonte o acordado, escolleu con celme o rancho do trato. A seguir, o seu home conduciu o animal pola costa da Ghalghareta arriba, deica a Laxamoura.

En chegando ao pé do outeiro, o mozo atou o porco á ucheira do arco das sete cores e, xa desandaba, cando, cousa de encantamento, onde houbera porco, había agora un peroliño atacoado de escintilantes moedas de ouro. Como ben se comprende, naquela casa xamais nunca volveu faltar de nada. "Arco da vella, vaite de aí, que andan os porcos a fozar en ti".

A Laxamoura sobrancea na aba de poñente do monte do Seixo, por riba de Meilide. Tense por certo que ao abeiro daquelas pedras vive unha moura vellouca, de pel albeada e guedellas de arxento. A moura vela as súas alfaias (pentes, aneis, colares, diademas...) e, como xa escribín nalgures, quen as quixer haberá facerlle a espera ao arco iris. Cando loce o contrasol, a moura pampa ou se ausenta, facilitándolle o labor ao cazatesouros.

O arco da vella traza a súa camba fincando o espeque na Laxamoura, ao tempo que se abaixa para abeberar na cunca do devandito pozo Fumeghas. Neste neboento piago do Seixo canea unha troita de a metro, escorregadiza, que -leria de troiteiros-, todos os pescantíns da bisbarra estiveron a piques de botala para o cesto. O peixe, non podía ser doutro xeito, anda por "A Vella".

A vella do muíño, a casa da bruxa, o arco da vella, a Laxamoura, a moura vella, a troita Vella... Cantas máis evidencias son precisas para identificar o monte do Seixo coa morada da Moura, da Vella, da deusa ancestral dos galegos? O Seixo, montaña da Deusa Nai.

Oxalá as autoridades tivesen cabeciña abonda para posibilitarnos vivir dignamente a conta do noso ricaz patrimonio inmaterial. Pouco ou nada espero dos que nos gobernan, xa que se teñen declarado inimigos da nosa cultura.

Eu sigo na miña. "Cando chove e fai sol, anda o demo por Ferrol, con agullas e alfinetes a picar nas mulleres". De cadora en cando, dáselle á natureza por simultanear no ceo o ballón coa raxeira e daquela, xa metida en gastos, a Deusa Nai nos obsequia co escintilar do arco da vella, tamén denominado contrasol, arco das bruxas, arco das mozas, das novas, arco de cores, setecores, arco de lúas, arco do ceo, arco do trono, aro da vella, barco da vella, circo da vella, marco da vella, ponte da vella, porta da vella, risco da vella, aceno da auga ou arco iris.

Guíanse os de Cerdedo polo arco da vella para mellor dispor as tarefas cotiás: "Arco da vella ao raiante, anda boi prá diante" ou "Arco da vella ao poñente, vente, boi, vente". É dicir, se o arco do ceo reina cara ao leste, traerá unha estiñada; se reina cara ao oeste, virá metido en chuvia.

Disque, o arco da vella come na xente, mostrando predilección polas rapazas solteiras. Dependendo da súa magnitude -da amplitude da súa boca-, crese que o arco iris acorda con máis ou menos fame. Quizais o seguinte recitado garde relación cos seus hábitos culinarios: "Arco da vella, vaite de aí, que as nenas bonitas non che son pra ti".

Miña avoa de Meilide esconxuraba o chuvasco cantaruxando: "Que chova, que chova, saia a vella da cova; xa os paxariños cantan, xa as nubes se levantan". Era raro que, tras a cantata, a Vella non nos agasallase cunha raiola. A mesma función se lle apón á fórmula: "Que chove, que neva, que fai carapela; a vella no monte viste a mantela". Non hai confusión posíbel, a cova e a mantela son metáforas do arco iris.

Após a treboada, a Deusa Nai ofrécelle unha tregua á humanidade e, abandonando o seu trono celestial, desce á terra empregando unha maxestosa escada multicor.

Se lles interesa a fraseoloxía, non dubiden visitar, por exemplo, a web "ParemioRom" (Paremioloxía romance: refráns meteorolóxicos e territorio), recurso ao coidado do Departament de Filologia Romànica da Universitat de Barcelona.

Andemos camiño. Na aldea de Cavenca, a comezos do século XX, o señor Mighel da Témpora, sen máis estudos ca os concluídos da lóxica contemplativa, vaticinaba a seco ou a mollado segundo a postura do catavento da capela do San Salvador. Tras consultar o capón, regañaba o dente e solemne anunciaba o parte meteorolóxico: "Ha de chover se chove e, alí de onde veña, será o vento". Non se trabucaba nunca.

No lugar de Abelaíndo, predín a muda do tempo atendendo a actitude do peto verdeal (Picus viridis) que os aldeáns alcuman "o paxaro da chuvia".

Cando o peto racha o silencio da valiña co seu característico gargallo "jajajajaja!", dedúcese que axiña ha vir unha rega, pois o paxaro seica fai burla daquel que fica á intemperie.

Pola banda de Arén, ventan a auga acolléndose á coñecida copla: "Cando o reloxo de Cerdedo se oe en Barro e Arén, prepara o carapucho, morena, que vai chover". Cousas do aire de baixo.

Outra copla asocia a quenda das baixas presións coa auréola lunar: "Esta noite vai chover, que leva circo a lúa; queira Deus que chovan paus polas costas dalgunha".

As nubes, dun día para o outro, presaxian a inmediata borrasca. En concreto, repárase nunha nube de feitío fusiforme, cumprida, agrisada, estática no horizonte de poñente. Casualidade ou non, a nube é coñecida por "a troita". A vella deusa, omnipresente no imaxinario do campesiño galego.

Sen afastar a vista do ceo, outras nubes altas, coma os cirros (as silveiras) e os cirrocúmulos (as ovellas) recomendan botar man do paraugas: "Ceo cardado, ovella en mollado", "Ceo en cardas de la, se non chove hoxe, chove mañá", "Ceo pedrento/escamento: chuvia ou vento"...

Afirman os de Carballás que "Rubiás ao nacente, a vella ao alpendre" e "Rubiás ao mar, a vella a asollar". De novo, a deusa soberana dita os designios.

O xorne atmosférico tamén se augura con diversos aparellos: o frade franciscano, o capón portugués... e, dende a década dos sesenta, o cambio de tempo certifícase polo tafo da Celulosa que alanca pola bacía do Lérez arriba, empurrado polo vento mareiro. Se Cabanillas erguese a cabeza...

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
selectividad 2018 Galicia

Toda la información sobre la selectividad

Consulta aquí toda la información sobre las pruebas de acceso a la Universidad: notas de corte, resultados y noticias


GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia