15 de noviembre de 2013
15.11.2013

A porta ao mundo dos mortos

No mes de novembro as xentes acudían a Portalén a consultar cos seus defuntos, que respondían no murmurio do vento

15.11.2013 | 21:15

Coa chegada do mes dos santos -novembro - e o crecer das noites, aqueles que tiñan unha pregunta por lle facer aos seus devanceiros acudían ao afloramento pétreo de Portalén, no monte do Seixo. O ritual establece que quen quixera realizar unha consulta co alén debía cruzar a porta antropométrica deste conxunto granítico de norte a sur e cunha ofrenda coa que congraciarse cos falecidos. Un anaco de pan ou un vaso de viño cos que mitigar a fame e sede que padecen os antergos, ou mesmo unha simple candea que os ilumine. Unha vez traspasado o limiar da máxica porta, poderán enunciar aquela cuestión que remexe as súas entrañas. A resposta virá dada polo vento, nun murmurio que traducirá en palabras os sons de ultratumba. Satisfeita a inquedanza, deberá atravesar de novo o van en sentido contrario, de sur a norte, e nunca revelar o segredo. No caso contrario, quedará afónico para sempre.

"Cadrando co samaín celta existe a prerrogativa de falar cos mortos, un costume arraigado dentro do contexto cultural do magosto. Para a nosa cultura os falecidos non están presentes só no mes de santos, en novembro, senón todo o ano aínda que segundo me transmitiron os vellos das aldeas que rodean o monte Seixo, Portalén actívase nesta época", explica o estudoso da montaña Calros Solla.

Portalén é un impresionante conxunto pétreo situado na coroa do monte Seixo, na parte que pertence ao concello da Lama, e que data do primeiro megalitismo, hai cinco ou seis mil anos. Chama especialmente a atención a súa feitura, que divide aos que creen que é un capricho da naturaleza e os que opinan que a man humana interviu necesariamente.

A porta ao máis alá é unha das máis salientables estacións míticas -cerca de 30- que se atopan na montaña máxica do Seixo, definido por Solla como o santuario perdido dos celtas. "O Monte do Seixo debe de ser estudado desde tres perspectivas diferentes: como catapulta ao máis alá, como montaña oracularia e como lugar de fertilidade", expón o escritor. "Pola súa preminencia sobre o territorio é un lugar acaído para que as tribos deixasen os seus mortos. Alí está a necrópole de Chan de Mamas, cos tres túmulos de Xestido, ubicados á beira dunha antiquísima vía de comunicación, ao pé do camiño de Coto; como oráculo, a Portalén acudíase a recibir o consello dos antergos, e ao Outeiro do Coto ían as "viúvas dos vivos" - homes emigrados ás Américas- a mandar e recibir mensaxes trasatlánticas levadas polo vento; e por último como lugar de culto á fertilidade, con dous enclaves: o Outeiro da Cama, a onde acudían as parellas na procura da ansiada descendencia, e a Laxe Mosqueira, onde o gando recibe procrea grazas ao vento mareiro", continúa a súa explicación.

O Seixo, cumio da Serra do Cando que constitúe o teito da Terra de Montes con 1.015 metros de altitude, é un lugar sobranceiro que divide a actual Galicia marítima -a costa de Pontevedra- da interior -Ourense. Desde o seus puntos máis altos, o Outeiro do Coto e o Coto da Santa Mariña, nun día despexado o visitante pode deleitarse coas espectaculares vistas que abranguen a ría de Vigo, -coa ensenada de San Simón, a ponte de Rande e o arquipélago das Cíes- a ría de Pontevedra -co illote do Tambo e as illas Ons- e ata a ampla ría de Arousa.

"A ubicación do monte do Seixo, e polo tanto de Portalén, no corazón de Galicia pon este enclave na ruta que foi, para boa parte dos pobos europeos, o camiño das almas cara ao mundo dos mortos [...]. Gregos, romanos, celtas e vikingos crían que en poñente se atopaba a terra mítica onde vivían os defuntos, que se situaba indefectiblemente no lugar onde o sol se sumerxía no mar", argumenta o xornalista Carlos Gabriel Fernández no seu libro " 50 lugares máxicos de Galicia".

O Seixo é histórica e mitoloxicamente un punto limítrofe: entre o litoral e as terras do interior e entre a vida e a morte. Dese carácter definitorio destaca o Marco do Vento, un impresionante menhir de 30 metros cúbicos de pedra e 6 metros de altura nun antiquísimo cruce de camiños: o do Coto, de norte a sur, e o hoxe chamado camiño da feira de Doade, de leste a oeste. Este punto coñecíase como a Feira Vella, topónimo que revela a existencia de xuntanzas dos antigos moradores das ladeiras do Seixo. A lenda que rodea a este colosal penedo di que nel todos os ventos dan volta, destacando aínda máis o seu carácter fronteirizo.

Un santuario que esmorece

"Estou convencido de que cada tribo tiña a súa montaña sagrada, máis ou menos rechamante como o Pico Sacro, o Aloia, o Galiñeiro, a Groba, o Pindo? e tantos outros", sentenza Calros Solla. O que distingue a todos eses enclaves míticos do Seixo é o inmenso labor de recolleita de información, lendas e costumes que o literato e profesor realiza infatigablemente desde 2002.

Solla séntese especialmente vinculado a este monte ao que recorda subir por primeira vez con dez anos dan man da súa avoa. Unha impresionante paisaxe que fica na súa memoria e na das xentes do lugar, hoxe imposible de repetir debido ao establecemento dos parques eólicos da Serra do Cando e do Monte Seixo, que con preto de 100 aeroxenadores alteraron por completo a morfoloxía da montaña e arrasaron con varios dos seus xacementos arqueolóxicos, como as mámoas de Xestido.

O profesor sentiu a chamada de protexer o Seixo ante semellante desfeita, polo que comezou o seu traballo de defensa e recollida das súas tradicións, que ten publicado en diversas obras e ata nun documental. "Síntome afortunado por ter levantado o universo mitolóxico do Seixo, feito que debo agradecer á colaboración da xente, ás persoas que me confiaron esas lendas e a sabedoría popular", agradece con emoción Solla.

En 2005 iniciou uns roteiros para dar a coñecer a maxestuosidade do Seixo, nos que narra aos participantes as súas pescudas. Cita con precisión que ata o día de hoxe guiou pola montaña da súa nenez a 2.401 persoas. Grazas ao seu labor de difusión deste santuario celta, Portalén volve a conectar ambos mundos nun ritual case esquecido a causa do despoboamento rural: "ás veces atopamos candeas, pulseiras e outras ofrendas que deixa a xente cando vén". Lamentablemente, o vento xa non cantaruxa como antes os designios do máis alá. Enxordéceo o continuo zumbido dos aeroxeneradores que flanquean a porta máxica.

Pero estas rutas non chegan a Portalén no mes de novembro, cando noutras datas os camiñantes atravesan o seu limiar: "non por ser supersticioso, senón por respecto á tradición. Cruzar Portalén nunca foi unha romaría, é un acto íntimo na procura do consello do alén".

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
selectividad 2018 Galicia

Toda la información sobre la selectividad

Consulta aquí toda la información sobre las pruebas de acceso a la Universidad: notas de corte, resultados y noticias


GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia