19 de octubre de 2013
19.10.2013
CALROS SOLLA

A lenda negra do Conde de Covelo (I)

Fillo de labrega e canteiro, emigrou e fixo fortuna en Brasil

19.10.2013 | 02:09
Con apenas 30 anos, Cabanelas era quen de vivir folgadamente só coa percepción das súas rendas.

Para amenizar a galbana outoniza veu dar ás miñas mans o esclarecedor libro Manuel Barreiro Cabanelas "Conde Cabanelas" da autoría de Xesús Franco e Eugénio González Gil, editado pola Deputación Provincial no presente ano.

A recepción deste texto foi providencial, xa que, na axenda do colectivo Capitán Gosende había tempo que fixeramos propósito de visitar a aldea de Laxedo, pertencente á parroquia de San Sebastián de Covelo no pontevedrés concello da Lama. A freguesía de Covelo esténdese polas lombas meridionais da serra do Cando. No lugar de Laxedo viría ao mundo, o 11 de xullo de 1867, Manuel Barreiro Cabanelas, o protagonista do noso artigo.

A lectura do libro non puido comezar de xeito máis gratificante, pois, malia que botemos en falla a pertinente cita bibliográfica, o texto recolle unha chiscadela ao noso monte do Seixo: "O Seixo es una montaña mágica, santuario perdido de los celtas. Rocas caprichosamente talladas por los siglos y por sus primeros habitantes. Aquí se encontraba la puerta del otro mundo, Portalén...". Garantimos, para tranquilidade de todos, que a soleira do Alén aínda se mantén impertérrita no alto da montaña.

Manuel Barreiro Cabanelas, fillo de labrega e canteiro, nado en berce humildoso, medrará axudando a súa nai na angueira do agro, labores que lle impedirían acudir con asiduidade á escola. No ano 1881, acontece o pasamento de seu pai, consumido polos avatares dunha vida errante e escrava.

En 1884, cumpridos os dezasete anos, despídese de súa nai (nai Rosa) e abandona a aldea de Laxedo rumbo á emigración. Cuns aforros no peto, atravesa Portugal e, dende Lisboa, a bordo do navío británico "Trent", arriba a Rio de Janeiro, capital do Imperio do Brasil, o día 15 de abril.

O mozo Manuel emprégase como "caixeiro" (dependente de comercio), mais, o seu pulo emprendedor axiña o leva a establecerse pola súa conta. Rexentou, entre outras empresas, unha tenda de luvas, a célebre luvaría "Casa Cabanelas".

Fai amizade con Giusseppe Strada, dono dunha agência lotérica, e froito desta amigábel relación, Cabanelas se estrea, como vendedor ambulante de billetes, no negocio das lotarías.

Manuel compensa a súa escasa formación coa súa capacidade de traballo, o seu don de xentes e os seus atinados investimentos, calidades que, en pouco tempo (1885-7), lle deparan unha considerábel fortuna. O propio Strada introduce a Cabanelas na exclusiva sociedade Os Fenianos, integrada por ricos comerciantes, artistas e intelectuais.

No selecto club dos Fenianos fraterniza co barón de Drummond que, en 1890, lle facilita o acceso ao mundo das finanzas, en concreto, as vencelladas co sector inmobiliario, cadrando coa reforma urbana da cidade do Rio de Janeiro. Manuel Barreiro Cabanelas ten apenas 23 anos.

Por iniciativa do barón de Drummond, a nova configuración urbanística do Rio posibilitou a construción do Jardim Zoológico (1888). Amais dunha subvención municipal, o zoo financiaríase cos ingresos xerados pola lotaría denominada "o jogo do bicho", creada polo propio barón no ano 1890.

As entradas do Jardim Zoológico ilustrábanse coa efixie dun animal ("bicho"): avestruz, borboleta, cobra, elefante, galo, jacaré, leão, macaco, peru, touro, urso, vaca..., até 25 espécimes. A diario se celebraba un sorteo no que o azar determinaba o "bicho" da xornada. O billete agrazado premiábase con vinte veces o seu valor.

Cabanelas acabará rexentando a súa propia axencia lotérica, xestionando con destreza o "jogo do bicho" dende 1892 até o 1900. No ano 1895, a lotaría do "bicho" deixa de ter carácter estatal, restrinxíndose ao territorio do Río onde segue vixente. Grazas á súa sona de home honesto e cumpridor, o arrufado loteiro chegará a embolsar uns 50.000 reis ao día. Con apenas 30 anos, Cabanelas era quen de vivir folgadamente só coa percepción das súas rendas.

Dono dun capitalazo, dende o seo da loxia Os Fenianos, Manuel Barreiro Cabanelas comprométese nun labor de promoción cultural e mecenado. O por aquel entón depauperado carnaval carioca experimenta unha notábel revitalización grazas á xenerosidade do noso paisano. A intervención de Cabanelas foi tan decisiva que, hoxe por hoxe, o carnaval do Rio sería unha entrañábel lembranza se non fose pola súa desprendida colaboración.

No ano 1897, morre súa nai. Cabanelas consternado maxina voltar a Galiza e materializar na aldea de Laxedo unha serie de proxectos, entres eles o mausoleo familiar.

Durante a Guerra de Cuba, Cabanelas freta barcos ateigados de víveres para auxilio dos combatentes, consignando cantidades astronómicas para custear a misión. A súa doazón recibe o recoñecemento da corte española que lle dispensa a concesión dun título nobiliario. A incompetencia da súa familia e o seu propio desinterese fan que non se materialice o nomeamento, mais, dende aquelas, o apelativo de conde, "conde de Cabanelas", engadirase virtualmente á súa carta de identidade.

No ano 1899, volta por fin a Galiza na compaña da súa muller, Conchita, e mais da súa fillastra. Concepción Gómez Rodríguez, Conchita de Sevilla, de orixe gaditana, era unha fermosa artista da farándula. Manuel e Conchita xamais formalizarían a súa relación perante institución ningunha.

Asentado en Covelo, Cabanelas executa o saneamento e redimensión da aldea. Incentiva o poboamento aboando 6.000 reais e agasallando cunha casa do trinque a todas as familias que asentasen no lugar. Tamén, 1.500 pesetas de dote para os novos matrimonios. Constrúe un grupo escolar (As Colonias e mais dúas casas da escola) á beira dun xardín botánico ("florestas escolares") cuxos gastos sostén durante 20 anos (1910-30), despois cédelle as instalacións ao Estado (1942) coa condición de seren empregadas exclusivamente en prol da formación e o lecer do alumnado. A maiores, abre camiños, conduce augas, constrúe muíños, pozos, fontes, celeiros, lavadeiros públicos... Da man de Cabanelas, a aldea de Laxedo experimenta unha abraiante transformación.

Entremedias, na compaña da súa familia, percorre Europa e viaxa periodicamente ao Brasil. Conchita e mais a súa filla tornarán definitivamente a América tras vinte anos de "amorosa reclusión" en Covelo.

O estoupido da Guerra Civil (1936) intensifica a ameazadora incomprensión do fascio local, polo que decide regresar ao Brasil que xa non abandonará. Emporiso, dende alenmar seguirá enviando diñeiro para dar continuidade á súa magna obra.

Cabanelas investiu boa parte dos seus haberes no engrandecemento de Covelo. Así mesmo, en Rio de Janeiro fundará unha residencia de anciáns, o "Recreio dos Anciãos" (unhas 250 estancias, biblioteca, teatro, capela, salas de xogos, xardíns...), sito na serra da Tijuca. En Pontevedra, financiará a ampliación do Hospital Provincial e favorecerá copiosamente o Asilo dos Anciáns Desamparados. Canda un vizoso teixo, nos xardíns do Hospital Provincial, unha magnífica escultura de Francisco Asorei fai acordanza do ilustre benefactor.

Manuel Barreiro Cabanelas falece o 22 de agosto de 1950 nun humilde cuarto do Recreio dos Anciãos no que, exento de calquera privilexio, consome os últimos anos da súa vida tallando caxatos para paliar as eivas dos seus hóspedes.

Ao tanto da súa peripecia vital, o lector non poderá senón admirarse do legado deste home bo e dadivoso que alicerzou na agudeza e o denodo a súa próspera aventura no Novo Mundo.

Porén, como adoito acontece, a súa exitosa e farta traxectoria foi alcouve da envexa e da rexouba, selectos ingredientes cos se enfornou a súa lenda negra.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
selectividad 2018 Galicia

Toda la información sobre la selectividad

Consulta aquí toda la información sobre las pruebas de acceso a la Universidad: notas de corte, resultados y noticias


GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia