29 de septiembre de 2013
29.09.2013

Cando San Miguel deixou o seu lugar

Ponte conmemora os 150 anos do traslado dos actos litúrxicos do vello templo á capela dos Remedios e actual igrexa

29.09.2013 | 01:48
Agro onde se emprazaba o antigo templo de Ponte. // Diego Frade

Neste ano cúmprense 150 dun acontecemento que marcou un antes e un despois na historia da parroquia silledense de Ponte. Trátase do traslado dos actos litúrxicos do vello templo á pequena capela dos Remedios, que se convertería na actual igrexa parroquial. Corría o ano 1863. A poetisa de Padrón Rosalía de Castro viña de publicar a súa obra en galego Cantares gallegos, que marcaría o inicio do Rexurdimento das letras galegas. A nivel internacional, creábase a Cruz Vermella, inaugurábase o primeiro sector do metro de Londres e abríase a canle de Suez, unindo os mares Mediterráneo e Vermello. Pero, á marxe destes acontecementos, en Ponte estaba a piques de ocorrer un feito que marcaría a historia da parroquia. O lugar de San Miguel, nome co que se coñece un conglomerado de núcleos de poboación e terreos do norte da parroquia, perdería o elemento ao que debe o seu nome.

A pequena igrexa de San Miguel fora construída na Idade Media no lugar coñecido como o Agriño, nunha suave pendente entre o Coto do Outeiro e o rego da Regueira. A ela acudían os domingos e días de festa os veciños de San Miguel e os de Rosende de Arriba (a metade de abaixo pertencía a Vilar), Meixomence e As Casas do Monte, estes tres últimos formando parte do couto de Rosende. Debido á súa posición, era vítima de constantes inundacións. Este problema non pasou inadvertido, pois así o recolleu o párroco de Graba e arcipreste trasdezán Juan Francisco García na súa visita en decembro de 1850. Recomendoulle ao párroco, daquela don Narciso Rodríguez, que tomase as medidas oportunas para que a igrexa non se inundara, ademais de levantar unha sancristía, espazo do que ao parecer sempre careceu o templo. Ademais, animaba aos fregueses a atender a idea do párroco de trasladar a un lugar máis idóneo a igrexa. Nunha nova visita, nove anos despois, o arcipreste volvía facer fincapé na necesidade de levantar outro templo nun lugar máis adecuado, argumentando ademais que o existente carecía de elementos artísticos para a súa conservación. O novo emprazamento estaría situado nas proximidades do actual campo da festa e da PO-205, nunha paraxe denominada Croíños Brancos, a carón do hoxe coñecido como lugar do Espiño.

Nos termos desta parroquia tamén se atopaba un pequeno santuario baixo a advocación da Nosa Señora dos Remedios, situado ás aforas do lugar de Rosende. Este templo foi dotado en decembro de 1799 por catro veciños do citado lugar e couto xurisdicional cunha renda de 12 ferrados de centeo ao ano. As razóns que motivaron a construción desta capela, que tivo lugar seguramente no par de anos posteriores á dotación, foron a distancia desde este lugar a calquera das igrexas parroquiais, tanto á de Ponte como á de Vilar, así como unha serie de acontecementos desfavorables como malas colleitas e inundacións debidas á proximidade do río da Gouxa ou de Rosende. Este santuario sufriría arredor de 1843 unha gran reforma, reedificándose a nave e espadana e construíndo o presbiterio, sendo a última obra importante a de construción da sancristía sobre 1852. Ademais da imaxe da Virxe, tamén hai constancia de que nela se atopaba a imaxe de San Verísimo, cuxos primeiros datos de existencia os atopamos a finais da década de 1850 e en honra ao cal houbo unha gran romaría. Convén dicir ademais que este santuario deu nome ás terras circundantes, coñecidas desde entón como Agro da Capilla.

O cambio

Na súa visita ao arciprestado de Trasdeza en xuño de 1863, e ante o mal estado do templo, o bispo don José de los Ríos ordenoulle ao citado párroco que trasladase de maneira temporal a liturxia á capela dos Remedios, mentres se procedía a facer as reparacións oportunas na igrexa. Ordenou tamén ao antes dito arcipreste García que visitase a capela para asegurarse de que estaba ben acondicionada. Unha vez que este pasou revisión ao pequeno santuario, no mes de xullo seguinte, procedeuse entre ese ano de 1863 e o seguinte de 1864 a trasladar todos os obxectos, vestimentas e retablos que había na igrexa. Como dato anecdótico, só se permitiu a celebración de bautizos na igrexa mentres non fose trasladada a pía bautismal á capela. O arcipreste pediulle ao párroco que se respectasen o frontal e os costados da capela á hora de soterrar aos defuntos co fin de que non fose un estorbo á hora de ensanchar o corpo do santuario, o que nos dá unha idea de que este cambio se tornaría definitivo, como finalmente foi. A capela dos Remedios iría sufrindo progresivas reformas ata adoptar a forma da actual igrexa parroquial, utilizando gran parte das pedras da igrexa vella. Significativas foron as obras realizadas por don José García arredor de 1903, deixando pegada na fachada, e por don Manuel Sánchez Noya a finais dos anos trinta, que lle deu a configuración de hoxe en día. Foi así como o patrón, San Miguel, deixaría o lugar ao que deu nome para non volver nunca máis a el.

Así e todo, no que aos festexos na súa honra e na da Virxe do Carme se refire, o cambio foi máis progresivo. Co culto celebrándose no seu primeiro emprazamento, a festa tiña lugar nos terreos adxacentes ao propio camposanto, pero trasladáronse, xa co "cambio da iglesia" feito, a outro lugar varios centos de metros máis ao sur. Alí tivo lugar a coñecida como "ruada do Mularedo", da que hai constancia por diversas anécdotas alí ocorridas. Máis tarde, pasaría a festexarse nas proximidades do lugar de Casderrei, nun sitio chamado O Canal, rematando por celebrarse finalmente no campo do San Verísimo, en Tras do Sisto. Tamén as festividades da capela tiñan lugar neste citado campo, collendo maior popularidade o San Verísimo en detrimento da función da Virxe.

Para finalizar, hai que puntualizar que a parte de abaixo de Rosende pasou a pertencer oficialmente a Ponte o 1 de novembro de 1891, grazas a este cambio de emprazamento da igrexa, aínda que na práctica seguramente os veciños xa acudían á nova pola súa proximidade. - o lugar das Casas do Monte pasou a pertencer a Silleda nun momento dado, pero descoñecemos o motivo así como a data. Como únicos recordos da antiga igrexa, só quedan os nomes de Tras da Iglesia e O Sino (que significa campá en galego antigo) e unha morea de pedras que constatan que alí houbo un pequeno lugar de culto, así como un valo, que no seu momento separou a vivos de mortos. Sexan estas últimas palabras unha pequena homenaxe a todas as persoas, moitas delas antepasados de quen escribe estas liñas, que foron soterradas no adro da antiga igrexa, aos que viviron o "cambio da iglesia" e están soterrados a carón da nova e aos que contribuíron a transmitir estas vivencias ás novas xeracións. Sirva isto para non esquecernos deles.

(NOTA: O autor quere agradecer especialmente a colaboración de don Luis Galego García, párroco de Ponte, á hora de aportar documentación para a redacción deste artigo).

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
En estas fiestas, sobran los motivos para beber elaboraciones de vino gallego. En 2018, Galicia firmó la segunda mejor cosecha de su historiay nuestras bodegas despiden el año con un buen balance en todos los sectores