O café Barriga Verde de Lalín vén de inaugurar na noite de onte a exposición fotográfica ¡Festa!. Unha serie de 13 instantáneas, seleccionadas a partir das máis de 300 que o seu autor, Luis Blanco González, captou nos Encontros de Carboeiro, fai agora dous anos. A cor convértese así na gran protagonista á hora de transmitir o espontáneo ambiente musical e festeiro que se dá nesta celebración. Todos aqueles interesados terán ata o 30 de setembro para achegarse.

-A raíz de que xurdiu a idea de facer esta exposición sobre os Encontros de Carboeiro?

-Foi un pouco extraño. Fun á edición de fai dous anos cun amigo por primeira vez. En principio, só para divertirme coa cámara e pasar o día. Non iba coa idea.Pero, unha vez alí, gustoume o ambiente. Xente de todos lados que non se coñecía de nada e comezaban a tocar xuntos. - aí explosionou e comecei a sacar este tipo de fotos. Son case todas de músicos, de como pasan o día e tocan entre eles.

-Que é o que captou daquela co seu obxectivo daquela que agora pretende transmitir?

-Pois un pouco iso. Que non haxa nada programado e a xente chegue e toque. Por exemplo, había un rapaz cunha pandeireta e, así sen máis, un señor cunha gaita xuntóuselle, sen coñecelo de nada. Pretendo plasmar iso, a música feita no sitio. Esa é a intención básica.

-Por que o nome de ¡Festa!?

-Porque realmente é unha festa da mellor maneira que se pode facer: feita no momento. É algo así como dicir "vou levar eu o meu instrumento e vou facer eu a festa".

-Por que elixiu o Barriga Verde para mostrar esta serie por primeira vez ao público?

-Porque é un local de gran referencia cultural en Lalín. Ademais, a xerente, Silvia, comentárame que quería facer alí algunha exposición e animeime. Para min é unha gran oportunidade para ensinar o meu traballo.

-E haberá entón tamén oportunidade de ver a exposición nalgún outro lugar?

-Non teño pensado. Se me ofertan si, pero... A exposición é o punto e final e con iso acabouse. Para min o bonito é todo o que a rodea: facer as fotos, seleccionar a serie, escoller os materiais de soporte... - cunha soa vez que as ensino, aí xa se acabou. Non me vexo levando esta exposición a 20 sitios.

-É esta a primeira mostra do seu traballo cara ao público?

-Non. Anteriormente, xa expuxera País, sobre casas abandonadas, en Tarabela. De feito, levárase cun festival a Barcelona. Pero, aí se resume a miña carreira.

-Ten algún outro proxecto fotográfico no que xa estea a traballar ou xa teña en mente?

-Si. Eu móvome moito por series. Agora mesmo, estou facendo un par de series distintas. Unha sobre o tema da luz, traballando con farolas, e outra sobre a oscuridade, con fotos nocturnas. Pero, a verdade, estouno tomando sen présas.