Como xa van advertindo, unha longa restra de inefábeis prodixios teñen lugar en Cerdedo na amañecida do 24 de xuño.

No intre celmoso da albada, cando o sol cachazudo asoma o fociño tras o antepeito da serra, neses instantes irrepetíbeis, todos os manancíos da valiña deitan en canos e piouchos uns netos de auga virtuosa: esencia de auga, auga en posesión da flor; óptima para a elaboración de menciñas, apócemas, bebedizos...; inigualábel para a formulación dos esconxuros que, ao entender do pobo, non son senón profana beizón. Auga purísima, elemento indispensábel nas lacenas de meigas e curandeiros.

Se posuír pretendemos o exclusivo excipiente, cómprenos daquela madrugar, roldar sete ou nove fontes na toma do grolo vivificante, na procura do efémero feitizo. Do expresado ofrece testemuño o seguinte romance: "Día de San Xoán alegre, meniña, vaite lavar; pillarás auga do paxaro antes de que o sol raiar; irás ao abrente do día a auga fresca catar; da auga do paxariño que saúde che ha de dar".

Consonte escribín para o artigo "A flor da auga", incluído en O código da vincha (2012): "A auga que escollen os paxaros para beber, para o seu aseo ou refresco posúe a flor. Todas as augas anovan a flor na noite de San Xoán. Chámaselle "flor da auga" en Cerdedo ao celme substancioso e vital do líquido elemento. Áchase na tona, na superficie da auga. Nos ríos e regueiros, a flor da auga muda dependendo da distancia á que se atope o manancial. A flor máis vizosa é a do illó, a da nacenza".

Ende ben, no albor do San Xoán, todos os bulleiros de Cerdedo ofrécenlle ao mundo a "auga do paxaro", mais, a maiores, na fonte do Santo, localizada na lomba leste do monte de Medelo, predios da Cavadosa, burbulla auga proveniente do río Xordán, ribeira sagra na que Xoán bateou o seu curmán Xesucristo.

É oportuno lembrar que, no ano 1810, os aldeáns atoparon ao pé da devandita fonte -dende aquelas, fonte do Santo- unha imaxe do Neno Xesús, hoxe custodiada na capela que para os efectos se construíu no veciño lugar de Caroi.

O abrente do día 24 compite en portentos co solpor: "Mañanciña de San Xoán, mañanciña a máis garrida, que baila o sol cando nace e ri cando morre o día", segundo nos advirte o romance recollido por Murguía.

A contemplación destas marabillas require de ceos despexados, porén, se chover e raiolar, o acaso pode recompensar a nosa expectación despregando os encantos do arco iris. De raro en raro, a bóveda celeste recalca a feitura dun arco de luz monocroma, un semicírculo de refulxente cor branca. Noméase daquela arco das bruxas, e é un fenómeno que abraia pola súa estraña beleza.

Nesta serie de artigos dedicados á efeméride do San Xoán en Cerdedo non podían faltar as referencias ao monte do Seixo.

Raia o sol no horizonte e a loaira primeira escolle por albo o roqueiro do Castro Grande, lugar que tamén se coñece por Outeiro do Castro ou O Castro. Na pedreira do Castro, a face de cara ao nacente presenta unha rampla rochosa denominada rotadoiro, rasteña ou sarillo.

O rotadoiro do Castro lañou de arriba a abaixo e, nun punto medio da liña de creba, a erosión labrou un buraco. A través desta cavidade a lufada gaña o interior da oca peneda e, esluíndo a escuridade, alumea unha capeliña construída ao agocho da coveira. No momento culminante, a luz sinala unha tella, xaora o secreto postoiro da chave. Escusamos dicir que a tella é de ouro.

O furo escolleito polo raio de luz para revelar os misterios do Castro Grande é o mesmo que emprega o rato Rabisaco para, nas noites de lúa chea, abandonar o seu tobo. Este ano, a noite do 23 para o 24 de xuño cadrou coa lúa grande (e ceo estrelecido), polo que, sen dúbida, a Montaña Máxica experimentou o seu súmmum. Esta circunstancia -cando menos a lunar- non volverá acontecer até xuño do ano 2032 (ciclo lunar de 19 anos). Xa que hogano nos foi imposíbel pernoctar ao socairo do Castro Grande, os compañeiros de Capitán Gosende mais eu facemos promesa de non desistir até que os astros se volvan conxugar axeitadamente.

Lumbriga no alto Seixo e, sen abandonar a herbeira do Castro, dispómonos arestora a referir a entrada en escena da galiña dos pitos de ouro. Ben cedo se espreguiza a pola e guiando amorosiña a súa prole (media ducia de pitos), peteiran aquí e acolá, mentres se dirixen pola camposa adiante deica o Castro Pequeno, penedía irmá situada a uns 600 m cara ao norte, onde se acubillarán até o ano seguinte.

Como a ambición humana non ten taxa, haberá quen ansíe apropiarse da áurea riolada. Mal me sabe informar o cobizoso, mais, aténdome ao meu rol de xornalista, confesarei que arremedando o cocoricó da galiña, calquera pode arrogar a riqueza emplumada.

Até que alá polo ano 2005 comecei a dar razón do patrimonio material e inmaterial do monte do Seixo, a lenda da galiña dos pitos de ouro era a única que gozaba de transcendencia bibliográfica. Filgueira Valverde e García Alén amentaron o asunto no ano 1955; Taboada Chivite, no ano 1965; González Reboredo, no ano 1971; Cavadas Soto, no ano 1975 e Aparicio Casado, no ano 1999. No transcorrer desta última década, O Seixo foise erixindo como marco incomparábel da nosa mitoloxía popular.

O tradición da galiña dos pitos de ouro (sete animaliños) relaciónase coas Pléiades, un agrupamento de sete estrelas situadas a carón da constelación do Touro que, facéndose visíbeis nas primeiras noites de maio, acadan o seu cénit o 20 de novembro, ocultándose ás portas da primavera.

No monte do Seixo, a mítica galinácea abandona o poleiro do Castro ben na amañecida do 24 de xuño, ben na amañecida do 25 de Nadal (ou durante a Noiteboa), ambas as dúas datas solsticiais. As Pléiades tamén se denominan "os sete cabirtos" ou "o setestrelo".

O historiador Fernando Alonso Romero (Anuario Brigantino, nº 25) fai fincapé na súa relación cos antigos calendarios agropecuarios e marítimos, posto que a aparición do asterismo no ceo nocturno indicaba o comezo da ceifa. Así mesmo, o seu ocaso helíaco cadraba co inicio da sementeira.

Cara ao 700 a. C., o poeta grego Hesíodo (Traballos e días) escribe: "Comeza a sega cando nazan as Pléiades enxendradas por Atlas, e a sementeira cando se poñan, pois están ocultas durante corenta noites e corenta días, e no transcurso do ano móstranse de novo por primeira vez cando se afía a gadaña".

Alonso Romero engade: "El hecho de que la gallina se aparezca en los castros o en rocas tiene también sentido, puesto que al tratarse de una constelación, su aparición se produce en lo alto del cielo a una altura que aparentemente coincide con la elevación de un castro o de un saliente rocoso. Pero debemos admitir también otra interpretación: la posibilidad de que, por tratarse de un mito antiguo y, por lo tanto, desprovisto ya de su significado original, las generaciones posteriores lo atribuyeran al mundo de los mouros, los cuales, según las creencias tradicionales habitan en los castros, cuevas, túmulos dolménicos y rocas de tamaño o aspecto llamativo".

O advento da galiña pódese vencellar tamén coas correntes de auga, coa ametida dos olleiros. Na Galiza, a lenda está documentada xa dende o século XVII.

O rico aparato lendario do Castro Grande (ou Outeiro do Castro) permite pór en relación a lenda da galiña e os polos coa auga fluente (nacenza do río do Seixo), co folclore da Moura (encanto, muller casadeira de loiros cabelos) e co tesouro agochado (alfaias da Moura, cofre de ouro atopado ao pé do Castro).

En Cerdedo, a galiña dos pitos de ouro non é privativa do Outeiro do Castro, ben ao contrario, neste territorio non hai outeiro, fonte, espenuca ou vestixio arqueolóxico nos que a pita choca non rebula na alborada de San Xoán.