21 de julio de 2013
21.07.2013
Maite Vence Fernández - Directora de proxectos I+D+i no Brasil

"O mercado de Brasil abre moitas posibilidades para as empresas galegas"

"Hai que tecer máis redes de carácter institucional para ampliar as oportunidades de intercambio cultural"

21.07.2013 | 10:05
Maite Vence, nunha instantánea en Porto Alegre.


A rodeirense Maite Vence é un exemplo da emigración de titulados superiores que se está producindo na comarca nos últimos anos. Desde hai uns meses traballa en Brasil, cun proxecto de I+D+i froito dun acordo de colaboración entre a empresa galega FAZ e unha consultora de Porto Alegre.

-Canto leva no Brasil e como foi o proceso de adaptación?

-Viñen cun acordo de colaboración -financiado por RedEmprendia- entre FAZ, a miña empresa, e Venti, unha consultora de Porto Alegre, para participar nun proxecto de internacionalización de empresas do sector TIC nos mercados latinos. Daquela, vou estar poucos meses, e levo aínda pouco tempo, pero a adaptación estame resultando doada; ter unha lingua común acurta moito ese proceso, nisto os galegos temos vantaxe con respecto ao resto de España. Culturalmente tamén somos parecidos, polo que a nivel profesional,o entendemento é moi bo. Así é que , para min, o proceso esta sendo fácil. Ademais, o estado do Rio Grande do Sul é unha zona de moito churrasco e carne, moi parecida gastronomicamente ao Deza.

-Como está a ser a transferencia de tecnoloxía entre Galicia e o Brasil?

-O noso know how penso que está ben valorado en todas as áreas do coñecemento, tanto no ámbito empresarial coma no universitario.Os profesionais galegos, en xeral, stamos ben vistos, e por proximidade cultural as relacións flúen ben e a adaptación de know how e tecnoloxía tamén resulta máis doada precisamente por esa proximidade, que non se dá con mercados máis distanciados culturalmente, como poden ser o chinés ou o anglosaxón. Por outro lado, o goberno brasileiro está investindo moito en I+D+i. De facto, neste momento é, xunto a Chile, o país co gasto en I+D máis elevado de Latinoamérica e iso nos ámbitos universitarios estase a notar moito, ao igual que no financiamento da innovación, o que tamén se están destinando moitos recursos, tanto públicos como privados, promovendo así a creación dun sistema sólido, san e moi competitivo internacionalmente nun curto e medio prazo. Neste sentido o mercado do Brasil abre moitas posibilidades para as empresas galegas do ámbito das TIC, polas novas demandas do sector: Recursos humanos altamente formados e tecnoloxías competitivas.

-Que posibilidades de novos mercados hai no Brasil?

-Como comentaba, penso que as TIC galegas poden ser moi competitivas; o momento, ademais, é bastante axeitado. Por outro lado, Brasil está medrando en todos os sectores, e isto supón moitas oportunidades para empresas de construción, de enerxía, de alimentación ou do téxtil. O importante é que as empresas galegas que queiran iniciar un proceso de internacionalización, xa sexa en Brasil, ou noutro sitio, teñan claro que á parte dun produto ou servizo moi competitivo, o proceso require esforzo, constancia e unha certa presenza física para que as relacións que se poidan ir iniciando non se dilúan e caian.

-Como é o emprendemento de proxectos innovadores galegos nese país?

-Os casos que coñezo están resultando positivos, pero como xa comentei, todos requiren moita presenza e constancia. A proximidade lingüística axuda moito a acadar bos resultados. É unha vantaxe importantísima sobre o resto de España e de Europa, pois fai que a comunicación sexa un campo menos do que preocuparse.

-E a investigación? Hai apertura entre as universidades e grupos de investigación galegos e brasileiros?

-Coñezo algúns grupos de universidades galegas que xa colaboran con outros grupos de pesquisa de Brasil, pero supoño que se poderían intensificar máis as relacións entre as universidades galegas e as brasileiras. Isto facilitaría moito a transferencia de tecnoloxía nos casos en que houbese un interese; é o que nos acontece a nós como empresa spin off, do grupo de investigación Galabra da Universidade de Santiago. O grupo, pola súa propia natureza, tén unha relación moi intensa e de gran feedback e recoñecemento con moitas universidades do Brasil. Isto indubidablemente favorece as nosas relacións como empresa, xa que FAZ tamén traballa no campo do emprendemento con universidades brasileiras. Por exemplo, no próximo mes impartirei un par de cursos de curta duración sobre transferencia de tecnoloxía e creación de spin off universitarias nas áreas de humanidades, aquí , na Uniritter, unha das universidades que hai en Porto Alegre. Ir da man do grupo de pesquisa é un elemento facilitador.

-Cales son as posibilidades de intercambio cultural e empresarial que abre a conexión cos países de lingua portuguesa?

-A lusofonía implica para Galicia a ampliación de todos os nosos espazos de relacións, xa non só no ámbito estritamente económico. Os elementos comúns que nos unen aos países de fala portuguesa son enormes e abren todo un abano de posibilidades; isto leva sendo posto sobre a mesa por galeguistas históricos dende o pasado século, e que aínda hoxe, inexplicablemente, continua a ser un factor pouco aproveitado tendo en conta os datos que amosa a nosa balanza comercial con estes países. No entanto, penso que isto está mudando bastante nos últimos tempos. Eu creo que Brasil é un mercado moi amplo, que presenta moitas oportunidades para as empresas galegas de todos os sectores. Tamén, para as industrias culturais galegas, neste caso, quizais habería que tecer máis redes de carácter institucional que ampliasen as nosas oportunidades de intercambio cultural; penso que sería unha liña estratéxica que o goberno galego podería explorar con máis intensidade.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Noticias relacionadas



Especial Navidad 2019

En estas fiestas, sobran los motivos para brindar con elaboraciones de Galicia, que despiden el año con un gran balance en todos los sentidos