23 de junio de 2013
23.06.2013

A Coenllosa esvaeuse tras a néboa

O colectivo Capitán Gosende realiza unha viaxe en busca da aldea abandoada no veciño Concello da Lama

23.06.2013 | 09:34
Capitán Gosende na fronde costaneira da Coenllosa.

Manuel Fortes, o xeógrafo do colectivo Capitán Gosende, levaba xa un tempo postulando poñer o pé na aldea abandonada da Coenllosa, predios do Cotobade aínda terramontano. Após a exitosa xornada no monte de Presqueiras, acordamos, por fin, cumprirlle o antollo ao caro compañeiro.
A xente de antes, cando quería dar a entender que algo se atopaba moi, moi lonxe, asociaba o afastamento cos lugares da Canicouva (parroquia e lugar do concello de Pontevedra), de Cuspedriños (de Riba ou de Baixo) ou coa Coenllosa (ambos os dous, lugares do concello de Cotobade). "Ser da Coenllosa" ou "Estar na Coenllosa" equivalía ás expresións "Onde Cristo deu as tres voces", "Onde o vento dá a volta" ou "No quinto carallo".
O topónimo Coenllosa é un abundancial de "coenllo", variante de coello. O zootopónimo testemuña a presenza, cando menos no antigo, do mamífero lagomorfo de nome científico "Lepus cuniculus". A mixomatose vén decimando a poboación de coellos salvaxes nos nosos montes, animal, todo hai que dicilo, abaladizo de seu.
Consonte lemos no volume VI do "Dicionario Madoz" (1850), A Coenllosa é un lugar da provincia de Pontevedra, concello de Cotobade e freguesía de Santo André de Valongo. Porén, tanto se elucubrou verbo do seu paradoiro e verbo dos prodixios agochados naquel pardiñeiro que, no faladoiro da Leña, A Coenllosa axiña acadou o rol cinematográfico de "As minas do rei Salomón" (1950), filme baseado na novela de H. Rider Haggard e interpretado na versión orixinal por Stewart Granger. O colectivo Capitán Gosende, ateigado de Quatermains, segue botando en falla algunha Deborah Kerr.
Na tertulia dos mércores, afalados polos licores espirituosos, porfiamos en resolver a cuadratura do círculo da actualidade (noutras palabras, "arranxar o mundo"). E a singradura desnortada do debate fíxonos recalar na ribeira experiente do viaxeiro Peter Gwin: "Toda exploración baséase na asunción de riscos. O risco subxace en calquera viaxe ao decoñecido".
Desbotando a compensación económica ou calquera outro beneficio pedestre, cales son os factores biolóxicos que poden levar a alguén a converterse nun explorador? A resposta atópase nos neurotransmisores, na química do cerebro, e, en concreto, na produción de dopamina. A dopamina está estreitamente relacionada coa motivación, coa recompensa e coa aprendizaxe. Segundo Gwin: "A dopamina axuda a provocar unha sensación de satisfacción cando acadamos algo: canto máis arriscada é a tarefa, maior é a descarga de dopamina". O club de dopaminómanos anónimos do Capitán Gosende posuía, daquela, as claves para enfrontar con garantías a expedición á Coenllosa. Camareiro, "please", outra rolda de dopaminas!!
Disque, todos os Fortes do mundo son orixinarios da freguesía cotobadense de Caroi, estremeira coa de Valongo, de aí o grande interese do Manuel por guiarnos polo nacente do monte Caveiro. Manuel Fortes tornaba ao fogar.
"Chova, neve ou vente, Capitán Gosende", xa que logo, desoíndo as fusquenllas previsións meteorolóxicas e renunciando á confortabilidade do fogar, Pedro Peón, Xoán Soto, Anxo Torres, Manuel Fortes e quen escribe, investimos a poallenta tarde do domingo na procura das ruínas da aldea perdida da Coenllosa. O lugar ficou despoboado a finais da década dos sesenta, é dicir, transcorrido case medio século do seu abandono, as probabilidades de atopar alguén con quen intercambiar impresións eran escasas.
A ortofotografía do ano 1956 non permite precisar o número de construcións das que constaba o poboado, mais, a vista de paxaro, cotexando a fotografía do "voo americano" co parcelamento do visor SixPac, fomos quen de identificar, cara ao norte, unha casa arrodeada por un valado pentagonal, mochado no lado superior dereito. O SixPac dá razón dunha media ducia de construcións en completa ruína, asoballadas pola fronde e colonizadas por grandes árbores, todas elas localizadas a uns 600 metros de altitude, penduradas da valgada costenta do río Barbeira.
Tras o café de sobremesa no Espigueiro, atravesamos en coche a parroquia de Cerdedo. Desta, non me tocou guiar o carro polo que, co nariz apegado á xanela, recreeime na paisaxe. A semellanza do alcalde falanxista que encheu Cerdedo de fontes timbradas co xugo e as frechas, prolifera hogano no concello unha outra epidemia: as novas casas do pobo. Cada aldea con cadanseu pendello infame. Arquitectura vulgar que estraga o conxunto tradicional no que pretende integrarse. A nova casa do pobo da Cavadosa, que veu substituír o antigo teleclub, edificada na ourela dereita do río do Seixo, é un bo exemplo do que se entende por feísmo e mal gusto. O deteriorado cartaz da Rede Natura é a guinda dun confeito macabro.
Xa metidos en terras de Cotobade, deixamos atrás os lugares do Porto, Cimadevila, A Casola, Bouzas, A Costa, Fraguas -famosa polo seu queixo de tetilla-, As Tabernas -pouso do camiño real-, e pasada a ponte, nun pestanexo, acadamos o concello da Lama, deténdonos na aldea de Barbeira, pertencente a parroquia de Covelo.
Apeámonos do vehículo baixo o carballón de xunto a capela da Nosa Señora de Lourdes, patroa dos enfermos -que os naturais nomean coa forma aferética As Urdes-. Foi, pois, inevitábel rememorar a filmografía de Buñuel, dada a pouca repercusión na zona dos diñeiros do Leader. Dende o miradoiro da capela, enxergamos, entre a fronde verdecente, as paredes vestixiais da aldea da Coenllosa, na outra lomba do monte.
A parada en Barbeira tiña dous propósitos, o panorámico e o mitolóxico. Ao outro lado da estrada, ao pé dunha lomba coroada por un cruceiro encurralado e unha cruz de ruda aparencia, mana unha fonte. Contáronnos que no verán de 2010, baixo o cano, a auga babexou o manto da Virxe. A nódoa milagrosa, bendicida polo crego, converteuse en obxecto de devoción e motivo de peregrinaxe. Ao pouco, os operarios do concello limparon a pedra e a lixivia foi quen de neutralizar o milagre. Por se fora pouco, onda a cruz que está por riba da fonte, din que se sente tremer a terra. As Urdes de Barbeira en nada desmerecen á da grota de Massabielle.
Tornamos ao carro e dirixímonos cara ao lugar do Cabaniño, no postremo do concello da Lama. Dende alí, a pé, visitamos as ruínas da Casa do Cregho, dotada dunha soberbia solaina, e proseguimos o descenso até cruzar o río Barbeira. Tras a pontella, as nosas pegadas graváronse, de novo, no terrón de Cotobade. A Manuel Fortes ilumináronselle os ollos.
Principiamos a ascensión escollendo, como adoita acontecer en Gosende, a peor rota. As nosas escollas afástannos do camiño levadeiro, mais sempre nos deparan recunchos dunha beleza incógnita.
Tan encarreirados coma alagados demos co foxo do lobo da Coenllosa, situado a uns 300 metros en liña recta, e cara ao norte, das ruínas.
A nosa roupa xa non daba conta do recado, a chuvia intensificouse, a toxeira cacharega arrepúñase impenetrábel, a néboa aseñorárase do mundo e a orientación, malia o GPS, tornábase complicada.
Chegamos a unha pista forestal que nos deixou a uns 200 m por riba do casal da Coenllosa. Fixemos dúas incursións arrostrando o toxo e o neboeiro, emporiso, foinos imposíbel atinxir o obxectivo. Sen dúbida, ficamos moi perto da aldea, mais, por arte de encantamento, o meixón teimaba en desaparecer da nosa vista. Se fose un can, trabábanos.
Resignados, emprendemos a baixada mollados coma pitos, prometendo tentalo de novo. A alguén se lle ocorreu dicir que non volviamos de baleiro, pois as nosas roupas pesaban, cando menos, cinco quilos máis.
O penoso descenso viuse confortado pola certeza de que en Cerdedo agardaban por nós un cafeciño quente e uns petiscos. Houbo quen, sentíndose remocicado, pediu un Cola Cao. A Coenllosa segue sumida no misterio. Quen fora novo e non fora tolo.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
selectividad 2018 Galicia

Toda la información sobre la selectividad

Consulta aquí toda la información sobre las pruebas de acceso a la Universidad: notas de corte, resultados y noticias


GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia