O domingo 26 de maio, axotando a galbana da sobremesa, os membros do colectivo Capitán Gosende deslocámonos até Alfonsín, aldea pertencente á freguesía forcareicense de Santa Mariña de Presqueiras, célebre polo seu pasado e presente mineiro, aspecto que, sen dúbida, ha condicionar o seu futuro.

No lugar de Alfonsín agardaba por nós o estimado Vicente Blanco que, canda o seu pai, tiveron a xentileza de guiarnos na ascensión deica o cotarelo coñecido por Outeiro do Cuspe, meta da nosa viaxe. Integrabamos a expedición, xa que logo, os Blanco, pai e fillo, Manuel Fortes, Nacho Grande, Pedro Peón e quen escribe.

Había semanas que os Gosende levabamos matinando na conveniencia dunha xornadiña en Presqueiras. O mércores anterior, no faladoiro da Leña, ao abeiro da pedra asoportalada e amenizados pola guitarra ambulante do amigo César Cubelas, puxémoslle data á excursión.

Como adoita acontecer, o destino fixo por contextualizar axeitadamente a nosa andaina. Nos días previos, unha canle de televisión emitiu o filme "A lenda da cidade sen nome" (1969). Este western, spaghetti e crepuscular, que narra as peripecias dunha parella de buscadores de ouro (Lee Marvin e Clint Eastwood), agasallounos coa suxestiva sentenza do barbado e guedelludo Ben Rumson, interpretado polo irrepetíbel Lee Marvin: "Hai dúas clases de xente no mundo: os que van para algures e os que non van a ningures". Teñan por certo que Capitán Gosende, malia que estrela errante, ten moi clara cal é a súa folla de ruta.

Días despois, caeu nas miñas mans un exemplar do número 12 de "Cumes", Boletín informativo da Federación Galega de Montañismo (nov.-dec. de 1989). Na súa sección "Montañas de Galicia", da man de Constancio Veiga González, batín inesperadamente co monte do Seixo: "A Terra de Montes, enclavada en el centro de la provincia pontevedresa, está considerada como una de las comarcas gallegas de más fuertes y acusadas características. Conformada por las elevadas zonas de Cerdedo y Forcarei, comprende los altos valles del Lérez y Verdugo, teniendo su punto culminante en el poderoso Seixo, de amplia base y laderas pródigas en aguas (...) Ya los prehistóricos moradores dejaron su huella en los petroglifos existentes en afloramientos rocosos de la parte oriental, tales como O Sarillo, Outeiro do Cuspe y especialmente en Laxe das Buratas, masa rocosa de siete metros de largo, con numerosos signos cruciformes y cazoletas".

O Outeiro do Cuspe oriéntase, ben certo, cara ao nacente, augas vertentes da montaña do Seixo. A media altura, a uns 2 km do poboado e a uns 840 m de altitude, emerxendo dun mar de mesto, rebezo e rechorido toxo, alíñanse de norte a sur tres cristas roqueiras, capricho da deriva do puzzle tectónico, empenamento da oroxenia hercínica, léveda da codia terrestre.

A inefábel flexura do reino mineral fundamenta a paisaxe. A roucha incesante da erosión, tamén. O país da pedra de gran e o país do xisto deslindaron naquela valgada as súas márdeas. Cerdedo é plutónico, intrusivo; Forcarei é metamórfico.

A pista costenta que nos encarreiraba cara ao Outeiro do Cuspe foinos deixando á beira de antigos labores mineiros que, na esburga das vetas de casiterita (mena do estaño), explotáranse dende a antigüidade até a década dos setenta do século XX. Nas proximidades, en estado de total ruína, aínda son visitábeis as chamadas "casas da mina", instalacións da desaparecida empresa "Estañíferas de Galicia". Os foxos e galerías esparéxense aquí e acolá, disimulados pola vexetación. Houbemos de camiñar con moito tino, pois o risco de caer nalgún daqueles ichós era grande.

Na actualidade, a redonda do Outeiro do Cuspe volve ser escenario da angueira extractiva. Dende hai uns anos, os operarios da compañía mineira Solid Mines afánanse na cata e peneira, non só do estaño, senón do coltán, esmigallado no subsolo de Presqueiras. Como xa informamos os nosos lectores (Faro de Vigo, 8-1-2012), a firma canadense goza dunha concesión para aquilatar o mineral columbita-tantalita do lugar e determinar a rendibilidade da súa explotación. O tántalo e o niobio, obtidos do coltán, e mais o litio son metais escasos de relevancia estratéxica, indispensábeis para a fabricación dalgúns compoñentes electrónicos cos que se sostén a chamada era tecnolóxica: computadoras, armamento intelixente, teléfonos móbiles... No Outeiro do Cuspe apenas hai cobertura. Nas mans dos comuneiros de Presqueiras está a preservación e aproveitamento sustentábel dos recursos naturais da zona. De non estimaren a súa herdanza, a rapina das terras raras transformará aquel baldío, exuberante de xesta, toxo, carrasco e carqueixa, nunha fochanca esteril, coutando calquera outra posibilidade de desenvolvemento.

Tras 2 km de penosa ascensión, atinximos a primeira das penedas do Outeiro do Cuspe, situado por debaixo do chamado Castro de Presqueiras, depósito arqueolóxico que urxe confirmar. No tocante ao topónimo, barallamos dúas hipóteses. Ou ben "Cuspe" é redución de "cúspide" (cimerio, coto, curuto), ou ben é sinónimo de "saliva". De optar pola primeira, topamos co atranco do xénero gramatical, pois "cúspide" é feminino. De optarmos pola segunda, e en ausencia de achegas mitolóxicas, non é despropósito intuír que o Outeiro do Cuspe, a semellanza do Rinrín da Cavadosa (Faro de Vigo, 2-5-2013), fose, no antigo, escenario de cerimonias ordálicas nas que a pedra, erixida xuíz insubornábel, impartía xustiza proxectando a chuspia contra o malfeitor ou contra o desposuído da razón.

A nosa intención, xaora, non se limitou ao paseo, senón que, empolicados na tríade pedrosa, nos enfrascamos na busca de gravados rupestres e, en concreto, os riscados na denominada Laxa das Buratas ("buratas" equivale a "cazoletas"), xa consignados en 1940 por F. Bouza Brei no seu artigo "Insculturas cruciformes de Presqueiras", publicado no nº 250 do "Boletin de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Ourense". Para nós, como ben se comprende, a tarefa de localización dos petróglifos tamén revestía interese estratéxico. En previsión dos máis ca probábeis desterramentos e remocións, a exploración da contorna do Outeiro do Cuspe estaba xustificada.

Após horas de intensa mais infrutososa pescuda, démonos por vencidos. Setenta e catro anos despois da visita de Bouza Brei, o absentismo e a cirurxía incendiaria mudaran radicalmente o aspecto daquelas lombas. A Laxa das Buratas agochábase, sen dúbida, baixo a fronde esgrevia. De calquera xeito e malia o noso infortunio -non sempre se volve coas redes ao copo-, teimarase na redescuberta das gravuras, antes que as padexadoras convirtan o legado arqueolóxico en fariña do óleo. Manterémolos informados.