O proxecto de reforma da administración local do Goberno de Madrid abriu a caixa dos tronos entre os alcaldes galegos e os do resto de Estado, que seguen a opoñerse ao mesmo malia as reformas que se fixeron con respecto ao borrador de febreiro. O rexeitamento céntrase en dous aspectos claves que o Executivo mantén: a modificación do papel das deputacións e a aplicación do polémico custo estándar para os servizos locais. Manifestamente inxusta é, á vez, a intención de Facenda de rebaixar o salario dos funcionarios municipais, asunto este, non obstante, sobre o que a maioría dos rexedores non amosaron ningunha reacción.

A reforma local é o principal proxecto que o Goberno de Rajoy ten comprometido para este ano coa finalidade de aforrar algo máis de sete mil millóns de euros entre finais do presente exercicio e o 2015 pola vía de limitar competencias, sumprimir duplicidades e, en teoría, acadar a estabilidade presupostaria en deputacións e concellos.

En relación ao maior poder que o proxecto de reforma lle dá ás deputacións, os rexedores demandan que se limite o seu papel ao dunha simple administración de apoio, de maneira que a xestión daqueles servizos que os concellos teñan que cederlles, por non axustarse ao custo estándar, os sigan xestionando os concellos e que as deputacións se limiten á supervisión desas prestacións.

Á marxe da declaración de boas intencións, no cerne do proxecto subxace a idea de recentralizar e dotar de máis competencias aos organismos provinciais, institucións caducas e anacrónicas máis propias dun modelo territorial do século XIX, e cuia única función é manter vivo un sistema clientelar que atá o de agora lle prestou moi bos servizos á dereita. Un exemplo ilustrativo é o da Deputación de Ourense, na que o 80% do orzamento se utiliza para manter en funcionamento unha maquinaria clientelar que favorece aos amigos do PP.

As deputacións son organismos caros e antidemocráticos que antepoñen os intereses do partido aos dos cidadáns, e cuia desaparición dotaría de máis recursos aos concellos. Neste senso, o camiño máis axeitado sería o de ir cara unha delegación territorial, no noso caso nas comarcas, ou aínda parroquial, como é o caso de Portugal, onde as freguesías, gobernadas por unha xunta veciñal, teñen poder de seu para tomar decisións e administrar os recursos propios.

Esta reforma local supón, polo tanto, un paso atrás na autonomía municipal, pois en última instancia restaría capacidade de actuación aos concellos e provocaría a desaparición de servizos municipais que non poderían axustarse ao chamado custe estándar, un valor difícil de calcular por mor da diferente natureza dos concellos que compoñen o Estado español. Isto incidiría maiormente nos municipios de menos de mil habitantes, xa que os servizos acabarían resultando máis caros ao contratalos as deputacións con empresas privadas, o que traería consigo máis despidos e un maior despoboamento do mundo rural.