Antonio Jar Dobarro, que foi coñecido como "Barbote", naceu en Vilatuxe o 3 de abril de 1896. Era fillo de José Jar Cobas e María Josefa Dobarro Villaverde. Ao pouco de casar con Carmen Taboada, marchou a Cuba onde traballou na telefónica. Non logrou adaptarse ao clima da illa caribeña e enfermou, decidindo regresar a Galicia, pensando xa en morrer aquí. Pero en Vilatuxe logrou recuperarse, primeiro traballou de canteiro e montou unha taberna, que atendía a súa muller, despois mercou un carro de bois e dedicábase a carrexar pedra e facer outros transportes. En 1919 foi nomeado carteiro de Vilatuxe.

Amigo de Marcelino García, participou con el, Manuel Ferreiro e outros mozos dezaos na difusión dos ideais republicanos pola comarca. Membro do Centro Republicano de Lalín, converteuse nun dos líderes do republicanismo dezao. Encabezou a lista republicana polo distrito de Vilatuxe nas eleccións municipais do 5 de xuño de 1931. Foi elixido concelleiro, e o 20 de xuño tomou posesión, sendo designado segundo tenente de alcalde na corporación que presidiu Manuel Ferreiro. Ao constituírse as comisións municipais o 4 de xullo, foi nomeado presidente da Comisión de Instrución Pública. Jar foi un dos concelleiros máis activos na Corporación, autor de varias propostas tendentes a depurar o caciquismo, como a de cambiar o réxime da beneficencia municipal, facendo desaparecer as prazas de médicos e farmacéuticos titulares para que os beneficiarios puidesen acudir ao que eles decidiran. Tamén foi o encargado de instruír o expediente para revisar as contas do concello da época da ditadura. Logo da suspensión do primeiro tenente de alcalde José Taboada Rodríguez, Jar pasou a ocupar o seu posto. A corporación nomeouno representante do concello de Lalín na Asemblea para o debate do Estatuto de Galicia celebrada en Compostela en decembro de 1932. Ante a deficiente xestión que se viña levando a cabo, designárono para ocupar o posto de recadador de cédulas de Lalín.

Durante todo o período continuou ostentado cargos na directiva do Centro Republicano lalinense, adscrito á Organización Republicana Gallega Autónoma, e en xaneiro de 1934 foi elixido membro da Executiva provincial do Partido Republicano Galego.

Logo da vitoria da dereita nas eleccións de novembro de 1933, césano como recadador. O novo goberno vai destituíndo a todas as corporacións democráticas, á de Lalín tocoulle a quenda en agosto de 1934 e Jar, xunto cos seus compañeiros foi suspendido. Os republicanos lalinenses integráronse no novo partido Izquierda Republicana e Jar foi elixido presidente do comité de Lalín, e despois delegado na Asemblea provincial. Foi el o encargado de presentar o mitin de Casares Quiroga que se celebrou na capital do Deza o 8 decembro de 1935, dirixíndose aos asistentes en galego para defender a actuación da corporación democrática lalinense e criticando á xestora radical que estaba no goberno local. A súa muller morrera anos atrás e nese ano casou en segundas nupcias con Josefa Castro.

Co trunfo do Frente Popular en febreiro de 1936 foi reposto como concelleiro. Case de inmediato prodúcese un conflito entre os republicanos, e Jar ten que ceder a presidencia de Izquierda Republicana a Manuel Ferreiro. O enfrontamento mantense e o 4 de marzo, nunha tensa sesión plenaria que preside o delegado do Gobernador, Antonio Jar, que conta co apoio doutros dezaseis concelleiros, presenta unha moción de censura contra Ferreiro. Pide a súa renuncia como alcalde presentando unha candidatura alternativa. O delegado suspende a sesión sen que se produza a votación. O conflito solucionase coa intervención do Gobernador civil que disolve a Corporación, destitúe a Ferreiro, Jar e aos concelleiros que o apoian e nomea unha Xestora que preside o galeguista Xesús Golmar con novos edís. Jar retírase da actividade pública.

Nos primeiros momentos trala sublevación fascista do 18 de xullo, Jar non foi molestado polas novas autoridades. Sen embargo, a raíz da denuncia dun veciño de Vilatuxe polas súas actividades en Lalín e Silleda o 19 e 20 de xullo, xunto a Manuel Guillán Abalo e Marcelino García, foi detido o 8 de novembro de 1936.

No momento da detención lévano ante a casa do seu amigo Marcelino, en Soutolongo, para que chame por el e así poder detelo, cousa que non conseguen. Iníciase a súa causa mentres Jar permanece na Prisión de Lalín. Trasládano a Pontevedra para o xuízo o 20 de xaneiro. A vista, que ten lugar o 1 de marzo, na que foi acusado de "oposición al Movimiento Nacional" rematou cunha sentencia foi absolutoria pois o tribunal considérao un "elemento pasivo" sen implicacións nas actuacións do que os militares chaman "movemento revolucionario". Pero na sentencia chámase a atención sobre o procesado cualificándoo de "militante extremista" e solicitando para el unha sanción en forma de forte multa. De feito, así o acorda o xeneral xefe da 8º Corpo de Exército, que lle impón unha multa de 20.000 pts a pagar nun prazo de 8 días. Jar alega que non pode facer fronte ao pago, pois está endebedado e a venda dos seus bens non alcanzaría nin con moito para satisfacer esa cantidade. O Tribunal procede ao embargo dos bens: varias leiras en Vilatuxe. Finalmente foi posto en liberdade o 22 maio de 1937, logo de pasar máis de seis meses en prisión, quedando a disposición do Delegado de Orde Pública.

Jar xa non quixo regresar a Vilatuxe, onde a súa familia era insultada e chegaron a apedrar a casa. No cárcere fixo amizade con Antonio Dios, veciño do Pino, que lle aconsellou mercar unha casa na parroquia de Salcedo, en Pontevedra; acondicionouna e levou a toda a familia. En Salcedo traballou na finca, tivo viñedo e vacas, mercou un camión con outro socio e dedicouse ao transporte de patacas e gando. Logo ampliou o negocio mercando outro camión no que traía peixe a Lalín e levaba millo e trigo a Pontevedra. Pero a multa seguía pendente, en decembro de 1946 solicitou a condonación, que finalmente foi concedida polo Consello de Ministros en abril de 1948. En 1950 trasladouse ao Pino, construíu unha casa e puxo unha fábrica de bloques. Marchou a Zaragoza durante uns anos, onde instalou unha carnicería. Regresou a Pontevedra e montou outra fábrica de bloques.

Morreu o 16 novembro de 1959 e foi soterrado no cemiterio de Salcedo.