Tal e como nos veñen as cartas, un sente adoito o desexo de abandonar a partida e deixarlles de vez o xogo aos tafures. Tal e como as cartas van chegando, un vese decote empurrado a sumarse á timba encarnado en Doc Holliday (malia a tuberculose) para varrer do tapete tanto trampulleiro e tanta trampullada.Campan os foraxidos de levita, bandidos sen nobre causa; prevalecen os bandoleiros sen código nin remorso.

Eu nacín cando aquel beatificado ditador expelía as súas últimas bocaladas. O futuro compensaría a espera resistente coa rota non transitada da democracia. Porén, aínda non ben aprendemos a camiñar, os vieiros da xustiza e da liberdade pecharon de silveiras.

A lei porfillou a argucia. Os corsarios aseñoráronse do leme e facendo gala da súa patente, veñen saqueando a nosa habenza con impunidade amnistiada. Enfastía testemuñar como a nosa inxustificábel inacción, a nosa mexeriqueira indefensión arrequece, día a día, o seu botín. A maioría silenciosa é complice dos agravios cometidos contra a maioría conscienciada.

É ben certo que, á luz dos feitos, o "contrato social", o pacto que a cidadanía selou co Estado en prol da gobernabilidade representativa é, hoxe por hoxe, papel mollado. Rachou a baralla.

O desafecto, o desazo, a desconfianza birtaron unha fonda caivanca entre a corrupta caste política, as institucións "ad hoc" e a xente do común, e non hai filtro de namorar que recompoña a relación. As estruturas do Estado, por moito fútbol que nos inxecten en vea, están sumidas no descrédito. Cómprenos a súa urxente refundación. Polo que respecta a Galiza, a negación do país tense configurado como proxecto de país, auspiciado por menos da metade de pouco máis da metade do electorado. Esta democracia cheira. A río lodo ganancia de pescadores.

Nestes tempos de desesperanza, un bota en falta líderes, adaís que canguen encol dos seus ombreiros coa defensa da causa común, que guíen a multitude na reconquista dos seus dereitos conculcados. Precisamos, novamente, heroes, mártires (hainos, ben seguro, no cotián anonimato). Mais tamén, un reclama o apoio dos latexantes, dos combativos, dos que aínda se ven con folgos para axotar esta inducida prostración. É tempo, novamente, de tomar as rédeas do noso destino. Non somos acredores desta pantomima oligarca, daquela, non deberiamos ser cómplices da súa impostura. Con estes gobernantes, viviuse abofé por riba das nosas posibilidades democráticas.

Teño, como galego, soidades de Castelao, de Bóveda, de Lousada Diéguez...; políticos da cerna que enxeñaron co seu exemplo, coa súa honorabilidade, co seu sacrificio o magno edificio da galeguidade. Teño, como cerdedense, soidades do líder agrarista Constantino Gamallo que, na angueira anticaciquil, supeditou o seu benestar en beneficio da xustiza e do ben común.

Constantino Gamallo Souto, o boticario vello de Cerdedo, persoeiro de entre dous séculos, rachou o molde da tópica e despótica trindade: alcalde, médico e farmacéutico (poden quitar calquera dos tres e poñer o cura).

Gamallo, ao abeiro da súa desafogada posición, ben puido optar pola inocua contemplación da desfeita: a decadencia económica e moral da Restauración borbónica, a oprobiosa España do caciquismo e do pucheirazo. Pola contra, asumindo a desventura da maioría, combateu a inmoralidade en primeira liña, apelando ás armas incruentas dun seu cristianismo social, moi afastado da doutrina hipócrita do vaticanismo imperante. Constantino Gamallo trasladou a súa rectitude profesional á escena pública, expoñéndose sen reservas a un mar infestado de quenllas.

Sobran, en Cerdedo, recordatorios dunha época de xugos e cadeas e, aliás, se nos escamotean os referentes libertarios dos que a nosa terriña tamén foi alcouve. A historia sempre a escribiron os vencedores. É pois a nosa obriga recuperar do esquecemento aquel Cerdedo vital, olleiro de dignidade, que, a carón de Oseira, Nebra, Sofán e Sobredo, protagonizou un dos capítulos máis edificantes do movemento agrarista na Galiza.

Unha coñecida copla popular di: "Para viño, O Ribeiro, pra pan, Carballedo, pra peixe, Marín e pra caciques, Cerdedo". Non me vou deter en comentar a vixencia dos versos, mais, dende logo, a súa orixe data de finais do século XIX ou comezos do XX, cando o pobo cerdedense se afanou, todos a unha, no combate do caciquismo, en prol da redención foral e a propiedade da terra. Cerdedo, aquel Cerdedo do alborear da vixésima centuria, exemplificou como un pobo unido é quen de acadar as metas que se propón. Torres máis altas caeron.

No ano 2011, viu a luz "O ano que chimpamos o cacique. Crónica do agrarismo en Cerdedo (1916-1923)". Froito da rebusca e lectura atenta da prensa da época, neste libriño, convenientemente silenciado en Cerdedo, escólmanse 73 episodios daquela imperecedoira loita aldeá.

Entre outras cabeceiras, o desaparecido xornal pontevedrés "Progreso" faríase eco do afán heroico dos cerdedenses por erradicar o atávico privilexio da clase dirixente, hoxe coma daquela, máis preocupada en preservar o seu status ca en atender as demandas dos cidadáns. O boticario Constantino Gamallo, correspondente de "Progreso" en Cerdedo, erixirase, páxina a páxina, como destemido valedor dos intereses populares fronte á ignominia das autoridades.

Na primeira plana do xornal "Progreso" do 14 de xaneiro de 1916, ofrécese a crónica da multitudinaria manifestación protagonizada polo pobo de Cerdedo que, encabezada por Constantino Gamallo, tomou as rúas de Pontevedra.

A fraude electoral, reeditada nos comicios municipais do ano 1915, que perpetuaba os lacaios riestristas na alcaldía de Cerdedo, ao amparo do artigo 29 da Lei Electoral de Maura ("O carallo 29!"); a arbitrariedade no cobro dos impostos, a encistada prevaricación e -faísca incendiaria- a usurpación, en 1914, da fonte pública da Mina, por parte do alcalde-cacique Serafín Sieiro Moreira, vertebraban o caderno de queixas do pobo cerdedense.

Nas páxinas de "Progreso", Constantino Gamallo denunciou até a saciedade os abusos que o omnímodo poder caciquil e as corruptas institucións cometían unha e outra vez cos indefensos labregos. Naquela loita desigual e sen cuartel, unha reivindicación se converteu en leitmotiv da revolta: a devolución da fonte da Mina.

Esta xusta reclamación foi bandeira do boticario Gamallo que, por tal, padeceu sancións económicas e mesmo prisión no cárcere da Estrada (1918). A fonte da Mina é pois símbolo dunha época convulsa mais gloriosa, unha idade de ouro cuxa dimensión fica perdurábel na prensa da época. Ai!, tempos aqueles nos que Lousada Diéguez ou o propio Castelao adoito visitaban Cerdedo para arengar as masas afervoadas.

Xa choveu. Non obstante, un pobo consciente e conscienciado, un pobo minimamente sensíbel, non debera obviar os sobreditos acontecementos, pois quen esquece os erros do pasado está condenado a reeditalos no futuro.

No ano 2012, acometéronse reformas no lugar da Mina, arrouto "humanizador" aplacado pola crise. O rústico e inxel cano, símbolo dun Cerdedo revoltado, agóchase hoxe baixo o ouropel dunha extemporánea homenaxe á vaca. Non discuto que o noso doméstico ruminante sexa merecente de estatua, mais calquera encrucillada é boa para loar a memoria deste sacrificado animal, motor e despensa do pobo galego.

Así pois, sen nos encomendar a Deus nin ao Demo, a histórica fonte da Mina foi transformada nun mausoleo vacún. Cerdedo desbotou de vez reactivar o seu sector primario, preferindo en troques agasallar a nostalxia do quefacer gandeiro que xa se ten por pintoresco. Os novos ricos, agora menos ricos, optamos por reverenciar a vaca antes ca muxila. É comprensíbel que as novas xeracións crean que o leite vén da neveira.

Postos no malo, aconteceu o peor. O monumento á vaca de Cerdedo é, basilarmente, unha homenaxe ao mal gusto. O conxunto arquitéctonico, pedra a granel, é unha zarapallada, un tótum revolútum: fonte, pío, pendello, cruz e cornúpeta onomástica, a medio camiño entre o santuario de Çatalhöyük e a cancela de O.K. Corral.

Malia todo, aínda estamos a tempo de reconciliarnos co noso pasado. Apenas unha sobria placa -que tamén lle acaería á Casa do Pobo de Deán- onde se puidese ler: "O 11 de febreiro de 1917, os Agrarios de Cerdedo, tras longos anos de loita anticaciquil, acadaron o goberno municipal".