Os departamentos de mecanografía e reprografía do concello de Cerdedo non dan abasto. Se, como se di, a vindeira revolución será televisada (ou twitteada), en Cerdedo, a presente involución difúndese a golpe de folla voandeira. Ordeno e "bando".

Láiase a inmaculada autoridade polos efectos perniciosos que a crise está a causar en Cerdedo. A crise, ese monstro creado por unha intelixencia tan perversa como esóxena e que dende afastadas terras (máis aló do Seixo) avanta inexorábel, apisoando todo o que atopa ao seu paso.

Porfía a incólume autoridade en defender a súa inocencia, eximíndose de calquera responsabilidade. Os 447 veciños que, en doce meses, se volatilizaron "repentinamente" do padrón cerdedense -sempre inchado-, foron vítimas xa non da ausencia flagrante de medidas encamiñadas a fixar poboación, senón dun meigallo cociñado na lareira dunha bruxa aolladora. A bruxa nin tan sequera era de Cerdedo.

A crise económica (tamén moral) é tan fodida que mesmo coarta as glándulas que segregan a retranca. Malia a crueza conxuntural, desenganémonos, esta fonda recesión colleu a Cerdedo co calzón polos nortellos e sen papel ao que botar man. A sangría demográfica e só o bico do iceberg, a caquexia dunha longa enfermidade.

Houbo quen lle viu as orellas ao lobo hai moito tempo e, hogano, de pura inacción, xa temos o can fero alentándonos na caluga, e vén con fame. Segundo os datos que "manexa" o propio Concello, a 1 de xaneiro de 2013, o padrón cerdedense rexistraba 1.850 habitantes. Se un consulta a pirámide de poboación elaborada polo INE para o ano 2011, en Cerdedo residían 38 nenos de 0 a 4 anos e 537 adultos maiores de 75 anos. Sonche as contas da leiteira.

O tándem economía-demografía non é un axente inopinado en Cerdedo. Cerdedo leva en crise décadas. Dende os sesenta, o Estado español superou unha sanguenta ditadura e enfrontou unha transición cara a democracia que, malia estar aínda en obras, ten posibilitado o goberno de tres forzas políticas e seis presidencias. Na Galiza, deulles opción a tres partidos e a sete presidentes. Polo que atinxe a Cerdedo, dende os sesenta -e se me apuran, dende o Antigo Réxime-, levan gobernando os mesmos, aplicando as mesmiñas ideas (excepción feita do Trienio Agrarista e da II República). No libro "Guinness World Records", o concello de Cerdedo ocupa un lugar de excepción, ao postular a alcaldía máis lonxeva (1974-2004).

"O povo é quem mais ordena" e en Cerdedo ordenan 1.201 electores. Trinta de cada cen cerdedenses escusaron ir votar. 30 votaron o ex-convicto Mario Conde. Como dixo a inicua señora De Cospedal: "Que cada palo aguante su vela" (Díxoo, aínda que axiña se desdixo).

E, velaquí, por fin, a moito agardada reacción da autoridade; velaquí as enxeñosas contramedidas: "Máis en Cerdedo. Campaña de fomento para o empadroamento".

Pídennos encarecidamente os estrategas do Concello que, aqueles que posuímos casiña en Cerdedo ou que, de cando en vez, nos deixamos caer por esta terra, nos solidaricemos con non sei que causa en prol de non sei que obxectivo. Solicita a autoridade, con urxencia, un empadroamento masivo e solidario que lles garanta aos cerdedenses a atención sanitaria, o centro da terceira idade, a esc-ola infantil..., e a supervivencia do propio Concello que, hoxe por hoxe, é a industria máis puxante do municipio, afortunados os que viven dela. Segundo "Faro de Vigo" (29-1-13), case a metade do presuposto municipal se destina a gastos de persoal.

Para cumprir cos requisitos de "Máis en Cerdedo", tanto ten o lugar de residencia, chega con que, unha ou dúas veces no ano, vaiamos comer o polbo á feira a Cerdedo.

Dende o meu laboratorio de ideas, recoméndolle ao sisudo gabinete de crise que, no canto dunha campaña de empadroamento, promova unha campaña de apadriñamento: "Apadriña un de Cerdedo". Postos a ser porfillado, eu pido que me patrocine un rico indiano. Estas iniciativas, dirixidas ao corazón e formuladas como un "reality show", sempre acadan a febra sensíbel do público.

De calquera xeito, tras a lectura do desacougante bando e como cerdedense conscienciado, púxenme mans á obra, tentando convencer os meus amigos e coñecidos para que mudasen de domicilio (ou cando menos de padrón). Acto a todas luces altruísta, xa que se descoñecen as compensacións por este sacrificio.

A miña misión ficou en augas de bacallau. Todos os meus amigos e moitos dos meus coñecidos son xente moi rara. Explícome. A uns dáselles por preservar a flora autóctona e, claro, ao coñecer que en Cerdedo se instituíu a tala indiscriminada de carballos..., pois nones. Outros cisman en protexer a nosa fauna e, tampouco non, pois é sabido que tamén Cerdedo se abonou a isto do "matar por matar", e agora seica lles chegou a quenda aos raposos.

Mantéñome firme na encomenda, non me vaian tachar de antipatriota, mais, todos os meus amigos e moitos dos meus coñecidos están pola sanidade pública, o ensino público e laicista, a banca pública, a xestión honesta, os dereitos laborais... e, xente rara rara rara, séntense orgullosos da súa lingua e da súa cultura. - mira ti por onde, é un clamor que o partido que sostén o Goberno de Cerdedo se mostra furibundo defensor das teses contrarias, polo que, con moito pesar, as miñas amizades prefiren seguir pagando impostos noutro lado.

digo eu, a color política e, sobre todo, a ideoloxía levada á práctica polos políticos non debera ser un factor determinante á hora de escoller concello no que vivir? Eu comezaría a sopesalo.

Como lles aseguro eu aos meus queridos amigos, non votantes do partido que goberna en Cerdedo, que, unha vez censados (en ausencia ou presenza), a autoridade vai ser respectuosa co seu libérrimo xeito de pensar? Exemplos abondos hai en Cerdedo de cidadáns tan díscolos como discriminados.

Polo que a min respecta, incorrería nunha fraudulenta contradición se, empadroado en Cerdedo, seguise vivindo -e non hai moita queixa- en Pontevedra. A outros, polo que parece, tanto lles ten. Así mesmo, debo recoñecer a preguiza que me dá investir un peso en Cerdedo, pois, segundo corren os tempos, ninguén está libre de amañecer ao pé dun camiño de ferro, un viaduto, un cemiterio nuclear, unha mina de coltán ou unha Celulosa.

No tocante ás queixas polas obras mal executadas, home, eu desexaría que alguén fose amañar a chapuza feita no camiño das Raposeiras, pero de aí a irme "chivar" ao alcalde...