Cóntase que, alá polos escuros anos 40, así que o tal "Pentello " albiscaba a don Ventura, o cura de Cerdedo -cuxos feitíos tamén andan en coplas-, se alzaba no alto dos valos arremedando o grallar do corvo. A berra acompañábase do bater de brazos flexos, a xeito de ás.

Disque, nunha ocasión, o crego, dacabalo, e "o Pentello", a pé, cadraron no camiño. Don Ventura, queimado pola mofa pertinaz, valéndose do privilexio que lle confería a montura, acordou baixarlle un fustrigazo. "O Pentello", que viu vir a xostra, se revolveu coma lóstrego, asiu o látego, turrou del con forza e acabou por derrubar a don Ventura da súa cabalaría. Xa co crego no chan, púxolle o pé no pescozo e, de non ser por un providencial viandante, aquelas serían as súas últimas pregarias.

Reparemos arestora na expresión "caerlle o pelo". Na miña opinión, a cláusula equivale a morrer. Na copla, a irmá do "Pentello" presencia a morte deste no lugar coñecido pola Servilleta e, a seguir, impele a "Cachana" -a muller do "Pentello" e, asemade, a súa cuñada- a que "poña a pota ao lume", preludio do tradicional banquete fúnebre.

Estaranse a preguntar, nestora, cal é o significado oculto tras o alcuño de "Cachana". Pois si, cabezana, cacholana, testana... Máis do mesmo. Peculiar matrimonio o do "Pentello" e "Cachana". Conforme se di: "Xuntouse a fame coas ghanas de comer". Canto se aprende do noso cantigueiro!