Houbo un tempo no que a xente cantaba. Houbo un tempo no que o pobo, sen auxilio da letra impresa, empallaba no maxín ducias de contos, centos de refráns, milleiros de cantigas... Houbo un tempo, nin mellor nin peor, no que a nosa lingua mostraba vizo abondo para arrostrar sen medo os embates do asimilismo.

A avoa Isolina non era moito de cantaruxar, mais, aínda así, ben na misa (en castelán inducido) ben cando facía nas filloas (en galego intrínseco), esluía a súa pose de mullerona feita a si mesma na ardencia ben afinada da cantata.

Miña avoa tiña ao seu dispor un cumprido repertorio, porén, para concertar o amoado das filloas adoitaba escoller os versos da enigmática e moito nosa "Muiñeira de Rebordelo", ben seguro, do enxeño dun anónimo fistor de Meilide: "E a subila e a baixala, a costa de Rebordelo; e a subila e a baixala, perdín a cinta do pelo. Na costa de Rebordelo, a meu irmán caeulle o pelo pola perná; morreu o "Pentello" na Servilletá, pon a pota ao lume, "Cachaná"...".

Paga a pena deterse un anaco no descifrado da peza que xa moi poucos chegan a barruntar. A costa de Rebordelo, tamén chamada costa da Ghalghareta ("galgar" é sinónimo de "avantar"), é o camiño do monte de Meilide. O vieiro, enlousado, principia no lugar do Monte, por riba da capela do Loreto e acada a chá de Rebordelo (síncope de reboredelo "pequena carballeira"), vizoso herbal irrigado pola menciñeira fonte de Sanabarrighas. Todo, nas lombas de poñente do monte do Seixo.

As máis das lastras da Ghalghareta levan nome, en atención á súa aparencia: a Bota, a Cobra, a Eira das Rapazas, a Eira dos Rapaces, a Ghadaña, a Lagharta, o Lagharto, o Marco Ghrande, o Marco Pequeno, o Martelo, o Rotadoiro, a Saia de Xenoveva, a Zafra... e a Servilleta, que en bo galego se denominaría "pano da mesa".

"O Pentello" e "Cachana" forman unha das moitas parellas, metade históricas metade míticas, que teño cobrado no caladoiro de Cerdedo. Lembro, por exemplo, a Martabela e Farrapado (conto recollido en Pedre), o Vello e a Vella, o Bousán e a Bousana (tradicións recollidas en Tomonde)..., casais dos que xa me ocupei en "O código da vincha" (2012). Para o particular, o touporroutou da muiñeira esixe que "perna", "Servilleta" e "Cachana" se fagan oxítonas, é dicir, muden o acento para a derradeira sílaba.

Os dicionarios achegan dous significados para o substantivo "pentello": crecha de pelo ou de la, ou tamén rodela para acomodar a carga na cabeza (coñecida na zona por "mulido"). Daquela, a forma "pentello" (guedella) alumearía o verso "a meu irmán caeulle o pelo pola perná". Así e todo, en Cerdedo, "pentello" posúe a categoría gramatical de adxectivo, sinónimo de testán, cabezán, carneirán, teimudo, testalán, testudo, turrón, túzaro..., en fin, designando un individuo recalcitrante. O adxectivo deu o verbo "empentellar" (teimar, porfiar, cismar), aínda vivo na fala, e mesmo un alcume, "o Pentello", sobrenome dun veciño, xa falecido, da parroquia -quizabes, o personaxe aludido na cantiga-, cuxo forte carácter e obstinación deron en facelo merecente.

Deixei, parágrafos atrás, a miña avoa co amoado da sobremesa. Dicíalles que, así como para remexer na auga enfariñada, a señora Isolina escollía a "Muiñeira de Rebordelo", xa perante a tixola, a vella cociñeira mudaba para a "Carballeira de San Xusto, carballeira derramada...", un outro "hit" do noso cancioneiro popular.

Non é por "empentellar", mais, os ares da coñecida xota trouxéronme os ecos daquel heroico movemento veciñal que, no Cotobade dos 90, defendeu en boa lide a propiedade comunal da carballeira fronte aos intereses da Igrexa e a rapina dalgún dos seus ministros. O 31 de maio de 1997 festexouse por todo o alto a xusta e espallada vitoria. Dez anos despois, en xuño de 2007, ergueuse naquel reconquistado arboredo un monumento conmemorativo. Eu aínda conservo o pin do crego fuxindo cun carballo ao lombo.

A "Muiñeira de Rebordelo" e a "Carballeira de San Xusto" non son patrimonio exclusivo da miña avoa. Abofé, ambas as dúas composicións integran o elenco de cantares de Manuela Cortizo Medal, "Manuela de Barro", outra das miñas máis queridas e admiradas cantareiras.

Malia non teren ido moito á escola, malia seren adoito aldraxadas por falar na súa lingua -nugalla de mestres!-, a tebrosa ditadura non foi quen de extinguir a luciña do seu celme, pois aquel alumnado revía galeguidade por todos os poros da súa pel.

Sinto devoción por Manuela de Barro e, así mesmo, infinda gratitude por me ter confiado a custodia do milleiro de coplas que, na súa portentosa memoria, foi preservando coma quen garda os aforros no xergón de follato. Os de Cerdedo aínda ben non estiman o valor deste tesouro.

No inverno de 2007 acudín ao chamado de Manuela. A muller non se andou con arrodeos. Tras o café de pota e a inescusábel roda de filloas -ditosas filloas!-, Manuela, "alma mater" das Pandeireteiras de Barro de Arén, propúxome facer un libro co monllo de manuscritos que, roubándolle horas ao sono, fora arranxando para servizo da súa agrupación de música tradicional.

As Pandeireteiras de Barro de Arén, unxidas da dignidade aldeá, convertéronse nun chisgarabís na mellor embaixada de Cerdedo e, na súa delongada e aclamada "tournée" polo país adiante, difundiron a esencia dun concello raiano na desaparición. As cantareiras de Barro entoaron primorosamente o noso canto do cisne. Mala chispa, as autoridades nunca estiveron á altura e a súa incapacidade para dotar esta terra de futuro converteranos antes ou despois en apátridas.

Ignoramos que nos deparará o porvir, mais, ende mal, cómpre que nos vaiamos afacendo ao tratamento de estradenses do sur ou forcareicenses do oeste.

No ano 2008, saíu do forno de Edicións Morgante a primeira edición dos "Cantares de Manuela de Barro". A finais de 2012, ao abeiro do mesmo selo editorial, a terceira edición. Ogallá posuamos folgos para testemuñar, cando menos, outras tantas.

Ao respecto da utilización que outros fan da refulxente imaxe de Manuela de Barro, só direi que, alén das merecidísimas homenaxes, considero de pésimo gusto vincular os seus méritos artísticos e vida intachábel con políticos de moral laxa e dubidosa reputación, por moito que fachendeen da súa invicta condición de caciques.

Manuela de Barro é patrimonio de todos os galegos e orgullo dos cerdedenses, mesmo daqueles que teñen optado pola estratexia dos lemmings, xa que, chegado o caso, cadaquén escolle, a comenencia, o mellor xeito de suicidarse.

Dende o meu humilde gabinete, desexo entregarlle á irrepetíbel Manuela de Barro unha simbólica medalla, áureo galardón dotado co encomio dos seus paisanos e o agarimo e admiración de quen asina. A señora Manuela tenme por irmán e eu a teño a ela por anxo da garda. Así sexa por moitos anos. Ai, dos que levan na fronte unha estrela! Ai, dos que levan no bico un cantar!