20 de enero de 2013
20.01.2013
CERDEDO

Cerdedo nas míticas xenealoxías

O municipio tivo a súa pegada como marco de historias sobre seres da mitoloxía galega, persoeiros capaces de adiviñar o futuro ou facer falcatruadas aos veciños

20.01.2013 | 01:00
O Tecelán de Carballás, segundo o pintor Francisco Sutil.

A recolleita e estudo da mitoloxía popular cerdedense tenme deparado moitas e moi saborosas revelacións. Do material espulgado, o tema das xenealoxías míticas esmuxica como unha das achegas máis orixinais. Vexamos.

No quinteiro de Barro de Arén asentou, xacando, unha póla da liñaxe dos Cortizo, oriúndos do casal de Carballás, portela do Seixo. Os Cortizo de Barro sábense parentes do lendario personaxe coñecido polo Tecelán de Carballás, con certeza, apelativo indíxena dunha vedra divindade. Cando, en data non precisada, o Tecelán ordenou vadiar polo mundo pregoando o seu evanxeo, encarnou nun ancián enrugado, esguízaro e canilongo, de cabelos e barbas da borralla, mans bacelás e asoleirados pés descalzos. O Tecelán apoiaba o seu vagaroso camiñar nun retorto e anoado caxato de buxo.

Malia o seu chamadeiro, "Tecelán", xamais nunca se lle viu enfiar unha agulla ou abanear ao xeito un tear e, consonte o dito "En cas de ferreiro, coitelo de pau", as súas roupaxes dicían máis a farrapos ca a galas. A súa idade sempre aboiou no misterio, tamén a súa pousada. Do seu nome deducimos o vinco coa aldea de Carballás, mais, no lugar, ninguén soubo dar razón da súa nenez ou mocidade e tampouco non, do seu paradoiro certo. O Tecelán parírano as corredoiras xa vello entrego e, na hora da morte, as mesmas carrouchas acolleron agarimosas o seu espírito.

Intúese que foi o relento da noite quen o trouxo a Cerdedo e, dende aquelas, o Tecelán visitou sen aviso o casarío, mormente, a cociña matriz dos Cortizo de Barro. A súa prédica xamais empeceu o labor, pois adoitaba comparecer no bico da lúa, cando o clan, arrombada a facenda, se arremuiñaba á roda da lareira.

O Tecelán cinguía a estola do luscofusco e, no amortuxo do remol, aseñorábase do lar labrego. Aconchegaba dous tallos a carón do lume, deitaba o caxato encol dos cepos e, coa mesma, pousaba na vara a súa meiga liviandade.

Xa no seu trono inxel, pois "non sentaba onde sentaban os outros", prodigábase no relato miúdo do pretérito e do futuro. O Tecelán detentaba a senlleira facultade de adiantar con precisión o porvir, no entanto, do pasado calquera é profeta, mesmo en terra propia. O Tecelán non atendía preguntas do auditorio, nin gustaba de ser interrompido -non había quen ousase-; el ben sabía cales eran as inquedanzas dos paisanos. Moito do que o Tecelán anticipou, antes ou despois, tivo cumprimento.

Dos monólogos do Tecelán, o pobo lembra, coma se fose hoxe, o asunto da inminente apocalipse. O prognóstico, gravado a ferro na acordanza da xente, concrétase nestes termos: "Cando os coches anden sen cabalos e as persoas vaian polo ar e o monte do Seixo se vexa cruzado de estradas, a xente non se entenderá unha coa outra, non haberá pai por fillo nin fillo por pai e, daquela, axiña ha chegar a fin do mundo".

Na parroquia e, en concreto, no rueiro de Carballás, se lle ten tanta lei á verba do Tecelán que, cando por mor da instalación do eólico do Seixo, o planalto apareceu labrado de pistas, entendeuse que o final estaba próximo. Houbo mesmo quen enfermou ao contemplar a evidencia, doenza que os médicos diagnosticaron como depresión.

Ao noso entender, entre os profetas "que en el mundo han sido", o Tecelán encabeza a cativa restra daqueles cuxos vaticinios atinxiron realidade. As palabras do Tecelán son metáfora do éxodo rural, da ruína e abandono das aldeas. Valla o exemplo: a freguesía de San Xoán de Cerdedo, composta de quince poboados espallados ao longo e largo duns 26 km2 de superficie, suma hoxe en día (salvante a capital) non máis de 100 habitantes. Segundo o censo de 1910, o número de habitantes da parroquia (agás a capital) ascendía a 1.182. Terra dentro, o país padece o mesmo mal. Daquela, non hai dúbida, estamos sendo testemuñas do postremeiro alento dun mundo, dos estertores dunha ancestral forma de vida.

Vedoiros, agoiradores, clarividentes... a historia ten dado moitos, mais, o exclusivo Tecelán adobiaba o ollal da súa habelencia coa flor dos prodixios: Cando recortado na contraluz do atardecer, o vello falador atravesaba o soarego da porta, antes de sentar, se desprovía da súa capa raída e a penduraba dunha raiola do sol que, como artística luminotecnia, se coaba por un fachinel da estancia. Tales eran os milagres cos que se anunciaba.

Este costume marabilloso, como ben salientou Antonio Reigosa, tamén se lles apón ao presbítero aquitano san Goar (sécs. VI-VII d. C.), ermitán de nomeada taumaturxia; e así mesmo ao eremita irlandés san Deicolus (sécs. VI-VII d. C.), ao bispo italiano san Lucano (séc. V d. C.) e á irlandesa santa Bríxida (sécs. V-VI d. C.).

Cecais non sexa casualidade que todos catro beatificados personaxes vivisen mediado o primeiro milenio. Cecais o noso Tecelán fose coetáneo. De cadraren no tempo, a súa profecía se remontaría uns 1.500 anos.

Fascina que os Cortizo de Barro de Arén acrediten pertencer á árbore xenealóxica do Tecelán. Por outra banda, é un misterio como os seus ósos foron dar á Mamoa Grande, túmulo megalítico pertencente á necrópole de Chan de Mamas, no alto Seixo, porén, alí repousan os seus despoxos segundo a súa derradeira vontade.

Vaiamos con outro caso. Na aldea da Cavadosa, dende o alborecer da agricultura, os aldeáns rexen a súa angueira polas sombras que o sol proxecta, ora no outeiro de Penarredonda, na lomba oeste do Seixo, ora no outeiro da Pedra da Cuba, na lomba leste do monte de Medelo. Polo verán, no outeiro de Penarredonda as sombras dan as doce do día; no outeiro da Pedra da Cuba, as sombras marcan as oito do serán. O comareiro de Penarredonda, reloxo de sol, é a morada do olláparo Boucigha, miúdo personaxe dotado dun só ollo, regalado no medio da testa.

Boucigha fai de oráculo e conselleiro para as xentes da redonda. Como ben relatou o señor Vinicio Fortes, todos aqueles que degoxan coñecer as consecuencias das súas decisións, ascenden até Penarredonda e, alí, invocan o homiño: "Boucigha, vés ou vou!?". Se está de querer, Boucigha fai acto de presenza. "Oe, Boucigha, e logho venderei a becerra?; cebarei dous porcos este ano?; e este mozo serame formal?...". Pronunciado o ditame, o anano ollareiro estarrica a man aberta para que, en troco, se lle aboen en especies os seus servizos: unha presada de cigarros, pois é fumador encastado.

Se xa é fabuloso que os aldeáns anden en trato cun ser que polo seu hábitat e morfoloxía semella unha manifestación do deus Lug, a deidade suprema dos celtas, aínda o é máis, escoitar que o tal Boucigha é natural de Caritel, lugar do veciño concello de Pontecaldelas. Boucigha viñera casar namorado á Cavadosa, mais, pouco despois, ficou viúvo, polo que, amuado, determinou afastarse do mundo. Alucinante.

Suma e segue. A miña avoa das Raposeiras, en pretendendo que o sono prendese axiña en min, moito me contou do tataravó Gregorio Sueiro "Ghoriño", meu terceiro avó por vía materna. O tal Ghoriño, oriúndo de Lourido, de cabelo rubio e andares trencos, era un fodido pillabán: amedoñaba as vellas ataviado con carapucho e coroza, facía salmoira do xantar, pechaba os gatos no forno, agochaba nos avíos da casa...

Ghoriño mesmo tivo unha porfía co reitor vello de Cerdedo por ver se era quen de segar nunha soa xornada un herbal da súa propiedade (o chamado Campo do Cura). O crego, cando viu que a media mañá o ceifeiro case vencera o traballo, decidiu envelenalo, dándolle para comer o caldo dunha galiña choca. Ghoriño esfurricouse todo, aliás, decatándose da manobra, baixou as zaragolas e afanouse na tarefa. Mentres cimbraba a gadaña, entoaba acompasado: "Suco de herba..., suco de merda!". Escuso dicir que gañou a aposta.

Todo quedaría nunha anécdota ben churrusqueira se non fose porque cada unha das proezas atribuídas ao meu parente tamén se lles colgan aos trasnos, porvisos ou perellos, como ben se comproba no "Dicionario dos seres míticos galegos". Posto que, de caste lle vén ao galgo, agardo que saiban desculpar as miñas aduanadas, consubstanciais á demóncara condición.

Á luz dos feitos, non me cabe na cabeza que, sendo como somos fillos, netos, bisnetos e tataranetos de deuses, puidésemos ter deixado a Cerdedo sumirse nesta prostración. Non lles estaremos acendendo candeas aos santos equivocados?

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
selectividad 2018 Galicia

Toda la información sobre la selectividad

Consulta aquí toda la información sobre las pruebas de acceso a la Universidad: notas de corte, resultados y noticias


GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia