06 de enero de 2013
06.01.2013

A Veiga dos Muíños, o verdadeiro Museo da Pedra

Un conxunto arquitectónico senlleiro érguese nunha paisaxe de fábula de Cerdedo - Somos morgados dunha riqueza sen parangón

06.01.2013 | 12:42
Muíño do Santés, unha das xoias etnográficas da Veiga dos Muíños.

A Veiga dos Muíños é unha superficie chá de 2 hectáreas pola que se estarrica o Lérez e na que se ergue un conxunto arquitectónico senlleiro, nunha paisaxe de fábula. Localízase preto do rueiro de Cerdedo. O traxecto (pouco máis dun quilómetro) que une o fondal de Santo Antonio (ermida, cruceiro e ponte sobre o río do Castro), a igrexa parroquial (mais praza, cruceiro e casa reitoral), a eira da Pena (dez canastros sobre eirado comunal) configura o conxunto etnográfico-artístico-arquitectónico máis notable que Cerdedo e Terra de Montes lles poden ofrecer aos curiosos visitadores.

O domingo 23 de Nadal, a tropa do Capitán Gosende visitou o predio ribeirán coñecido pola Veiga dos Muíños. No esplendor do Cerdedo agrícola, mentes escorreitas enxeñaron no eido largacío a infraestrutura necesaria para espremer o potencial hidráulico do río Lérez sen que a contorna natural se vise, apenas, alterada.

Naquel treito fluvial, o Lérez cingue unha lenta chaeira de labor, hoxe verdecente pradaría. A sabedoría de antano soubo furtarlle ao río un retallo do seu pulo vital, domealo, embridalo e polo a traballar en proveito do pan noso de cada día. A canalización, que burla o arrodeo da corrente principal, atravesa a agra riscando unha diagonal na orientación NE-SO. A canle afástase da madre pola beira esquerda e, percorridos 250 m, a auga torna ao seo materno, non sen antes se lles insinuar infrutuosamente a cinco muíños fariñeiros e un serradoiro, hoxe imposibilitados pola ruína. Xa que logo, non debemos falar de furto, só comensalismo cordial.

Por se prouguer o paseo, dende a ponte Valoutas, a poñente do vilar de Cerdedo, na intersección das estradas de cara a Deán e Figueiroa, o camiñante debe transitar uns 500 m por unha verea dereita que, río arriba, guiará os seus pasos até o nacedoiro da presa.

A Veiga dos Muíños componse de oito parcelas chás que, en por xunto, conforman unha superficie triangular dunhas 2 hectáreas, derregadas, ao sur, pola levada da moenda e o carreiro de acceso e, ao norte, pola reconca do curso fluvial. O río Lérez, superado o encaixamento do monte de Cerdedo, estarrícase lizgairo na súa travesía por San Xoán, até recibir, alén da estrada xeral, a xenerosa achega do río do Castro: o Lérez leva a fama e o Castro, a auga.

A Veiga dos Muíños, xa consignada no Catastro de Ensenada (1752), revélasenos unha e outra vez como un deses lugares privilexiados que, a por de auga murmurada, atinxiu adormentar o tempo no seu regazo.

Con frecuencia, deixo que o Lérez me leve até a Veiga dos Muíños. Cando, por vez primeira, visitei o lugar (soidades de mozo explorador), deime conta de que algo non marchaba ben en Cerdedo. Antollábaseme inexplicábel o seu abandono. Facíaseme incomprensíbel como aquel senlleiro conxunto arquitectónico, ergueito nunha paisaxe de fábula, fora cedido, sen dó, ao arbitrio das silveiras. Hoxe, home descrido, xa nada me abraia. Éche o que hai.

Viaxo moito polo país, atraído pola frauta das innumeras beldades que o adobían. Son consciente -sete vidas tivese- de que aínda me restan tantos destinos incógnitos e marabillosos coma capacidade de admiración, malia que as inmutábeis e tendenciosas directrices políticas teñan condenado o máis do noso patrimonio ao travestismo ou ao mero indicio.

Mesmo así, os meus periplos téñenme dotado de perspectiva abonda para afirmar con fundamento que o noso concello atesoura unha chea de recantos únicos e irrepetíbeis, inaccesíbeis á clonación, herdanza da pródiga natureza e das mans sabias e habelenciosas dos nosos labregos e canteiros. A súa pertinente valorización repercutiría xaora moi positivamente na economía local. Ende mal, o calamitoso estado de conservación da Veiga dos Muíños explica con claridade meridiana por que Cerdedo non é Allariz. No célebre concello ourensán souberon extraer ouro das súas "pésimas palleiras".

A Veiga dos Muíños localízase nas proximidades do rueiro de Cerdedo. O paseo a pé, dende calquera punto do poboado, convértese nunha actividade saudábel, apetecíbel e levadeira, ben pola rampla de San Xoán, ben polo camiño hortelán que, dende a praza do Concello, nos conduce, á vista dos hórreos da Pena, deica o río.

Non fai falla ser moi espelido para decatarse de que o traxecto (pouco máis dun quilómetro) que une o fondal de Santo Antonio (ermida, cruceiro e ponte sobre o río do Castro), a igrexa parroquial (mais praza, cruceiro e casa reitoral), a eira da Pena (dez canastros sobre eirado comunal) e a Veiga dos Muíños (cinco aparellos aliñados na ribeira do río Lérez) configuran o conxunto etnográfico-artístico-arquitectónico máis notábel que Cerdedo e Terra de Montes lles poden ofrecer aos curiosos visitadores que, ben afagados, axiña se converterían en hóspedes ou comensais.

Eu, dende estas páxinas, exhorto a quen incumba en prol da axeitada promoción destes catro relanzos da nosa historia, entendidos como un todo excepcional, un pack turístico -desculpen a modernidade- baseado no denominador común da pedra utilitaria, a pedra transformada polo home.

Promocionalos non consiste en facelos constar nunha restra de webs, descoidadas e desactualizadas, senón en actuar, alí onde conveña, favorecendo a conservación e dignificación dos nosos atractivos. Cómpre, daquela, abstérmonos de crear falsas expectativas, o turista esixente só permite ser enganado unha vez.

Temos o privilexio de sermos e sabérmonos morgados dunha riqueza sen parangón. Esixamos de quen nos goberna a habilidade necesaria para meterlla polos ollos a quen fai un pouso en Cerdedo. No tocante á súa dignificación, eu comezaría por afastar de Santo Antonio o aberrante tendido eléctrico que tanto mal lle fai á panorámica e, acto seguido, exoneraría a Veiga dos Muíños da ameaza dos proxectados viadutos (variante, AVE).

Lin na prensa, días atrás, que o Concello proxecta un ambicioso plan de restauración dos muíños do río do Seixo. Debo confesarlles que, naquel intre, un arrepío desacougante rabuñou o meu espiñazo, xa que coñezo sobradamente o que, neste país, se entende por restauración: pedra lavada a presión, enfuscado de chiculate -cando non, recebado integral- e placa inaugurativa. Estas intervencións teñen pouco de "restauración", pois, desvirtúan sen arranxo a fasquía orixinal.

Hai tempo, expresei en Faro de Vigo (30-7-2009) a posibilidade de aplicar na restauración da ermida do Pego (Parada) o concepto de "ruína nobre". A escaseza de recursos públicos e o desleixo manifesto da Igrexa convidaban a optar por este sistema: desbravar a contorna do edificio, consolidar os muros que ameazan derruba, retirar a armazón e outros elementos expostos que poñan en perigo a integridade dos vivos, permitir o libre acceso ao interior, previamente saneado, e engadir un sutil panel informativo. Dado o despoboamento, a insuficiente vixilancia e a crise asoballadora, as portas trancadas só acirran o ladroízo (véxase, se non, a ermida do Pego).

Esta sorte de intervención urxente é a que esixen, cando menos, as cinco construcións da Veiga dos Muíños. Ditas tarefas non esixirían grandes investimentos, polo tanto, se a autoridade obvia realizar ou promover nelas algunha mellora, non será por falta de liquidez, senón por falta de sensibilidade.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Noticias relacionadas

selectividad 2018 Galicia

Toda la información sobre la selectividad

Consulta aquí toda la información sobre las pruebas de acceso a la Universidad: notas de corte, resultados y noticias


GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia