A comarca dezá recibiu, por terceira vez dende 2010, ao presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, para presentar o seu terceiro libro, Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez. En Lalín xa dera a coñecer as súas outras dúas obras sobre sociolingüística, En castellano no hay problema e Como defenderes os teus dereitos lingüísticos. Esta vez, o evento foi na biblioteca Daniel Castelao, de Silleda.

-Esta terceira obra leva un mesa na rúa e xa esgotou a primeira edición. ¿Demostra que existe unha resposta social contra a discriminación do galego?

-É certo que, aínda que o galego estea a perder falantes, os que sí o empregan son cada vez máis conscientes dos seus dereitos. Eu prefería non ter que publicar estes libros, se non fora que existe esta problemática en torno á lingua. Nestes últimos tres anos, o galego vai perdendo espazos sociais e está tamén en perigo de ir perdendo os seus trazos distintivos. Cada vez é máis frecuente que se empregue léxico do castelán, que non se utilice o infinitivo conxugado ou que coloquemos mal os pronomes. Pero quero deixar claro que este libro non é un volume de gramática ao uso, senón que boto man de anécdotas e contos para que a xente use de maneira correcta o idioma.

-¿Non cre que os continuos cambios da normativa poden axudar a que a xente desista de empregar o galego?

-Queremos combatir ese prexuízo de que o galego se somete a modificacións cada pouco tempo. En realidade, a nova normativa do galego vai cumprir 10 anos, mentres que neste tempo o español modificou varias cuestións como o uso de prefixos ou o nome dalgunhas letras. Os cambios da normativa son necesarios porque van parellos aos cambios que experimenta o propio idioma. Por outra parte, aínda seguimos con ese autoodio cara ao galego dialectal, cando en realidade os dialectos e a forma de falar dos nosos maiores teñen que ser a fonte limpa de onde bebamos.

-A Xunta acaba de recorrer as sentenzas contra o seu Decreto do Plurilingüismo e o Ministerio de Educación pretende financiar a escolarización dos rapaces que non queiran aprender en galego. ¿Que opinión lle merece esta actitude das administracións?

-É un despropósito que o ministro Wert queira financiar a ignorancia dun idioma. Isto non se está producindo en ningún outro país. É máis, o Consello de Europa realiza informes cada tres anos sobre a situación dos idiomas, e dende hai seis vén alertando de que o goberno español debería facer algo contra o movemento de intolerancia que existe contra a diversidade lingüística.