Cóntase que estando un destes ermitáns orando ou laborando no afastado recuncho do Pego, padeceu o ataque dun xigantesco dragón. Uns afirman que, encomendándose á Nosa Señora, o penitente deu cabo da besta escordándolle a queixada coas súas propias mans ou que, como mandan os cánones, botou man dun espello para morrelo co reflexo da súa fealdade (maña coa que se frea a acometida dos basiliscos). Outros argumentan, pola contra, que o eremita foi vítima da fereza e voracidade do animal.

Os que dan por vitorioso o anacoreta aluden a existencia dunha arca que, custodiada no interior do templo, contiña os agudos cairos do dragón. Así mesmo, falan da imaxe dun san Brais que, no seu fornelo do altar mor, á esquerda da Virxe, lucía sobre o hábito unha capa feita dunha pelica escamenta. San Brais considérase a cristianización do mito grego de Orfeo, o amansador de feras.

Os que acreditan no deceso do ermitán, din que foi soterrado ao pé da parede norte da capela (á dereita da porta principal). Alí, ano tras ano, cadrando coa morte do noso home, agroma "unha flor diferente ás outras". Preto da tumba, manou en tempos un illó de augas menciñeiras.

Cóntase tamén que, no sitio, un dragón (ou lagarto xigante) ripou unha nena dos brazos dos seus pais mentres apacentaban o gando. O lagarto, coa rapariga no papo, mergullouse no pozo e nunca máis se soubo. Isto recórdanos o vezo da Coca de Redondela e doutros espécimes emparentados.

Un terceiro caso refire a experiencia dunha velliña que, pasando a ponte vella do Pego, foi sorprendida por outro lagarto descomunal (ou o mesmo) que emerxera das profundidades. A muller, postrándose de xeonllos, rezoulle con moita devoción á Virxe, conseguindo afuxentar a terrorífica aparición.

Magóame nada saber do paradoiro da hucha coa dentame do Cancodrilo nin da imaxe do san Bras ataviado cos despoxos do réptil, pois ben se podían exhibir, para goce e beneficio de todos. En 2006 puiden comprobar como na portada da catedral do Wawel (Cracovia), templo edificado no século XIV sobre a cova dun dragón, se conservaba para delicia dos turistas a osamenta do monstro. Da miña estadía por terras polacas trouxen sabido que o dragón do Wawel morreu ao papar unha ovella acugulada de xofre que un ardido zapateiro local lle ofrecera como engado. Adoecido pola sede, o dragón foi beber das augas do Vístula e estalou coma unha castaña. Nós tamén haberiamos estoupar por palermas.