Tras un convoio de borrascas, o domingo 25 de novembro, tarde solleira, o incondicional Ignacio Grande e quen escribe viaxamos dende Pontevedra até a parroquia cerdedense de Figueiroa coa intención de localizar e inspeccionar o predio montesío coñecido pola Roda da Ameixoada.

Antes de metérmonos en fariña, convén facer fincapé en que Figueiroa é a correcta denominación desta parroquia e lugar de Cerdedo que, a comezos do século XIX, chegou a ser concello. Figueiroa "figueiriña" (do latín "Ficariola", diminutivo de "ficaria", a árbore dos figos) e non "Figueroa", como aparece nos sinaladores, forma desgaleguizante e deturpada. Figueiroá, Figueiró e Figueirúa son fitotopónimos equivalentes e todos catro, comúns no noso país. Dito queda.

A nosa recente excursión (9-9-2012) ao depósito arqueolóxico do Coto da Roda (Parada/Castrelo) servíranos para establecer que aqueles restos construtivos, máis alá da Idade do Ferro, se podían remontar á época neolítica. As mesmas sospeitas encirraron o noso interese pola Roda da Ameixoada.

Ao respecto do Coto da Roda, a súa localización preeminente e ribeirá, as pequenas dimensións do recinto (uns 2.000 m2 de superficie), o grao de colmatación dos paramentos, a proximidade da "megalópole" do castro das Cercas (Parada), localizada a uns 1.000 m de distancia cara ao sueste; en definitiva, o que vimos e o que non vimos, desbotaron a tese castrexa e alentaron en nós a hipótese do curro prehistórico, espazo circular e cercado destinado a aconchegar greas e rabaños.

A ortofotografía tirada polo "Voo americano" dos anos 56-7 (vai para os 60 anos) mostra, no lugar, un amplo laxedo, hoxe oculto baixo o manto vexetal. Na parte máis alta da lousada, dexérgase unha construción oval, de pedra, duns 100 m de lonxitude e 50 de largura. Hogano, na ortofotografía facilitada polo SIXPAC, aínda é apreciábel a elipse do chouso.

De maior ou menor consistencia e durabilidade, e xa dende a Idade da Pedra, os curros ou cerradas son arquitecturas inherentes á actividade agropecuaria. No Neolítico, mesmo coa sedentarización das comunidades, os pegureiros valíanse deles para encortellar, durante a estación seca, os rabaños suxeitos á itinerancia. Os curros permitían achegar o gando aos mellores pastos, resgardándoos da acometida das alimarias noitevas. Algúns destes curros se dotaban de vivendas eventuais, nas que, a carón do armentío, se gorecían os seus guieiros, a semellanza, mutatis mutandis, dos chouzos do Suído.

A denominación "Roda", que evoca unha construción circular (de cachote ou estacas) está presente nos topónimos Coto da Roda e Roda da Ameixoada, tamén si, na Roda do Castro (Quireza), mais, neste caso, o pobo, sempre meticuloso, non obviou especificar a orixe da estrutura.

Aínda que se aveña adscribilos ao período neolítico, cómpre salientar que os ditos curros (ou rodas) ben se puideron empregar, cos mesmos fins, ao longo dos séculos, por mor da súa privilexiada e escolleita localización. Para a cuestión non son tan relevantes os materiais empregados nas edificacións senón os lugares elixidos para dispoñelas.

O meu compañeiro mais eu chegamos ao lugar de Figueiroa a iso das 16'30 h. O medo a non atopar quen nos dese razón do obxectivo axiña se esvaeu. A nosa aventura cadrou no tempo cun "gran acontecemento" deportivo, porén, así puxemos pé en terra, unha amábel muller orientou axeitadamente os nosos pasos, facéndonos partícipes, a maiores, dunha saborosa historia referente ás minas do castro de Vilar que, seica, se estenden dende a citania (ao noroeste) deica o subsolo de Figueiroa (uns 600 m en liña recta). Non faltou a galiña dos pitos de ouro. A tarde comezaba ben.

Embocamos o coche cara ao rueiro de Portugal, ao leste do núcleo principal. Alí, fomos recibidos agarimosamente pola veciñanza: a señora Celia, a señora Lola que, con moita graza, nos aclarou que non nos atopabamos "no Portugal de Lisboa".

Seguindo as súas precisas indicacións, xa a pé e "sempre á dereita", enfilamos unha corredoira que nos levou, en descenso, até un regato muiñeiro. Após, sen abandonar o camiño dereito e ao abeiro dunha sombriza carballeira, iniciamos, sen abafo, a ascensión cara ás lombas da Roda da Ameixoada. Nada puidemos obter en Portugal verbo do aparato lendario asociado ao lugar: "A Roda sempre foi roda e nunca de alí se moveu", explicáronnos.

Consonte a Carta arqueolóxica do concello de Cerdedo (2009), nos arquivos de Patrimonio gárdase unha sucinta descrición do sitio, datada no ano 1990: "Trátase dun outeiro arrodeado polo río Lérez. A primeira vista non atopamos nin cerámica nin estruturas defensivas, inda que é posíbel identificar unha especie de terraza. A xente do lugar non o relaciona directamente cos mouros, pero din que alí pasan cousas raras. Cando hai treboada, as pedras botan chispas".

Unha liña de tendido eléctrico serviu de certeira referencia e facilitou a aproximación. Había pouco que se desbravara o mato baixo a fileira de torres. Fenosa dera co xacemento antes ca nós é, como de adoito, os labores de instalación do cableado aéreo (fura e cimentado) se fixeron sobre o depósito arqueolóxico. Dende o camiño até o coto, houbemos de superar cinco ribazos, resultado, probabelmente, destes traballos, desenvolvidos, ben seguro, sen a pertinente supervisión.

Xa no alto, por riba dos 400 m, contemplamos sen atranco, cara ao noroeste, a aldea de Figueiroa. Na orientación oposta, o Lérez discorría cantareiro polo seu canón. Alén do río, A Torre dos Mouros, A Cerrada das Mámoas, O Embigo do Becho..., recunchos selleiros aos que tamén lles haberá que facer oco nestas páxinas.

Na Roda da Ameixoada (coordenadas: 42º 32' 31'' N ? 8º 23' 19'' W), cotarelo colonizado polo toxo cachar -moito se decataron as nosas pernas-, advertimos unha morea de cachotes e rebos ciscallados aquí e acolá (vestixios de antigas muradas) e mais os despoxos dun poldro, festín de lobos. Malia que a nosa inspección ocular, sen o auxilio dunha pertinente escava, tampouco obtivo resultados concluíntes, a toponimia nos provera dun ás co que saír airosos.

A voz "ameixoada" deriva do latín (ad)mansionata. O étimo emparenta co substantivo mansione(m), "estancia, lugar de reunión, morada", que deu en galego "meixón", e tamén co verbo mansionare do que obtivemos na nosa lingua "ameixoar", forma verbal que, segundo Gonzalo Navaza, posúe a acepción "xuntar ou recoller o gando". A Roda da Ameixoada revelábasenos, daquela, como o terreo choído onde, noutrora, se xuntou e recolleu a rabañada. O valor semántico de "reunir" corrobórano, entre outros lexicógrafos, Leiras Pulpeiro, Filgueira Valverde, Eladio Rodríguez, Franco Grande e Elixio Rivas quen, apostila, "xuntar as ovellas".

As 18'30 fíxose noite. Cumprida a nosa misión, desandamos o andado. A lúa xogaba ás agachadelas por entre os carballos. Ubicuo na súa invisibilidade, ouleaba o bufo real: uuu-juú!