Un pouco máis abaixo da confluencia dos ríos Deza Superior e Asneiro, na zona denominada "Xunta dos Ríos, atópase un espazo situado a unha altura media de 450 metros, seccionado polo curso fluvial do río Deza, que transita encaixado a uns 350 metros sobre o nivel do mar. Esta superficie aplanada sempre foi unha zona importante para o establecemento das comunicacións en sentido leste-oeste, que se atoparon cun obstáculo dificilmente salvable como era o profundo val do río Deza.

Por esta razón se situaron entre a Xunta do Ríos e a confluencia do arroio Faquintas (entre as parroquias de Anzo-Noceda), nun tramo de tan só catro quilómetros, unhas seis pontes: ponte Taboada románica, ponte Taboada do ferrocarril da época de Franco, ponte Taboada Vella da N-525, Ponte Taboada Nova da N-525, ponte da autopista e ponte do AVE. Estas pontes fóronse desprazando en dirección sur-norte, sendo a máis antiga a Ponte Taboada románica, á que sucederon as restantes na orde anteriormente sinalada.

En canto a súa época de construcción pódese decir que experimentaron un desenvolvemento acorde coa evolución histórica. A ponte románica ou Ponte Taboada I, na súa construcción definitiva, data do ano 912, século X, sendo o único lugar de paso para carruaxes ata 1862, que é cando se constrúe a Ponte Taboada II na N-525. Durante mil anos o tránsito de persoas, animais e mercadurías recorría as quebradas da Devesa de Liñares, para vadear o río Deza, por esa importante ponte románica.

Nun reducido intervalo temporal de 150 anos, desde 1862 ata hoxe, despois da Revolución Industrial, construíronse cinco pontes para a mellora dos transportes por estrada e ferroviarios, incorporando en cada caso as técnicas de construcción acordes a cada momento histórico. As técnicas de construcción modernas, baseadas na utilización do aceiro para as estructuras, fixeron posible que as pontes tiveran cada vez unha menor influenza do medio no seu trazado e arquitectura, á vez que rompían a súa consonancia co mesmo.

A ponte Taboada I ou ponte románica é un exemplo de sorprendente adaptación ao medio físico do entorno e isto pode comprobarse no terreo ao observar como se construiu sobre un potente filón de rochas granitoides, as pegmatitas ou dente de cabalo, que atravesan o río Deza case na mesma dirección ca ponte. De feito a ponte románica, construída con rochas graníticas (cantería), parece ser unha continuación dese marcado filón.

O filón ou dique de pegmatita corresponde a un tipo de rocha que ascendeu desde capas máis profundas da "corteza terrestre" ocupando fendas da mesma que, nesta zona, está conxugadas con fallas e filóns de cuarzo de idéntica dirección. Dentro dun contexto xeolóxico rexional Ponte Taboada está nunha zona granitizada que baixo a superficie se prolonga ata o stock de Fiestras-Siador, unha das zonas graníticas máis importantes das comarcas Deza-Tabeirós.

O dique pegmatítico que cruza tranversalmente o río Deza e sobre o que se asenta a ponte románica, construída en 912, está afectado por unha complexa rede de fendas ou diaclasas que delimitan bloques rochosos irregulares. Estas fendas teñen unha importancia crucial nas formas de relevo resultante, tanto na forma dos bloques rochosos como na verticalidade que presentan as paredes laterais do dique.

O río Deza, como corrente fluvial única neste lugar, trala confluencia do Deza Superior e Asneiro, encaixase no terreo e abre unha engroba ("garganta fluvial") que resulta disimétrica ao atravesar o dique. Este dique presenta unha altura desigual a ámbolos dous lados do río. Na vertente dereita O Castelo, situado a 403 metros de altura, marca o seu punto culminante pero, na vertente esquerda, a altura máxima acadada son 376 metros fronte a aldea de Ponte (Silleda). A distancia que hai entre os dous extremos é de 136 metros, por iso as pendentes que van desde o río ata O Castelo, no concello de Lalín, chegan ao 59%, mentres que do outro lado, no termo municipal de Silleda, a pendente media resultante é do 48%.

Esta configuración topográfica na base do asentamento da ponte fai que, os viaxeiros que pasan por este punto, experimenten unha sensación contrastada segundo se dirixan o un lado ou ao outro. Cando se vai na dirección Lalín-Santiago, ao pasar polo medio da ponte parece que se entra nun espazo aberto que lle dá saída a este angosto entorno, pero cando se viaxa na direccón oposta, Santiago-Lalín, unha vez pasada a "medianeira" da ponte, o viandante ten a sensación de que se adentra nunha zona cerrada, sen saída aparente.

Outro aspecto máis a ter en conta sobre a propia estructura do dique de pegmatita, segmentado en innumerables bloques de diferente tamaño, delimitados por fendas horizontais e verticais. O patrón de fendas que se observa aquí, en Ponte Taboada, é bastante irregular e tanto se poden atopar bloques laminados como bloques abombados. Un bloque significativo, abombado, é o que se localiza a carón do camiño da ponte, na marxe esquerda, seguindo a dirección Lalín-Santiago (concello de Silleda), que foi utilizado para gravar a inscrición fundacional LABORAVERUNT....etc.

As fendas que articulan os bloques do dique de pegmatita teñen unha grande importancia na circulación da auga de chuvia, que se infiltra por eses planos ata niveis profundos, onde se estabiliza no nivel freático, que debe atoparse á altura do curso fluvial pero, tamén actúan como puntos de debilidade fronte a acción meteórica, facendo que as rochas sofran un lento proceso de alteración. En ocasións este fenómeno ten lugar na superficie e, por iso, aparecen as pozancas ou pías, que almacenan auga por encima das rochas, aínda que nesta clase de materiais ese aspecto non sexa o máis característico.

Sen embargo, os procesos de meteorización son máis intensos baixo a superficie do solo onde a auga permanece durante moito tempo, facendo que os bloques se mobilicen por propio peso (acción gravitatoria) sobre o "xabre" ou "alterita" resultante. Na linguaxe popular isto ten un nome apropiado: "asentamento dos bloques", proceso que é permanente ao longo do tempo e que interven activamente na evolución da paisaxe, formando parte da súa natureza cambiante.

Se temos en conta todo isto, podemos apreciar os seus efectos na propia ponte, que ten unha antigüidade de 1.100 anos, un período de tempo pouco significativo a nivel xeolóxico. O "arco de medio punto" ou arco románico da ponte está apoiado sobre os bloques de pegmatita de ámbolas dúas marxes, bloques que presentan un grao de estabilidade desigual. O bloque de apoio da marxe dereita (ttermo municipal lalinense) presenta unha elevada inclinación sobre o río e nos sillares da base da ponte, ubicados a carón do comezo do arco, apreciase unha lixeira separación, como consecuencia dun pequeno afundimento do bloque no lado proximal, que bascula sobre un punto de apoio situado por debaixo da base do arco da ponte, onde o peso da estructura é maior.

Este movemento compénsase na parte distal, a que está dentro do marxe de inundación do río, onde o bloque presenta unha separación maior respecto dos bloques rochosos nos que se apoia. Cabe apuntar que isto denomínase un "movemento en palanca", coincidindo o eixe menor da palanca coa base da ponte.

Todo parece indicar que puideron intervir forzas alleas neste movemento, como é a presión exercida pola auga do río nas grandes enchentas.