No ano 2002, saíu do prelo Materiais para o estudo da freguesía de San Xoán de Cerdedo. Inventario xeral. O capítulo VII do libro ocupouse, entre outros asuntos, de salientar o estreito vínculo existente entre frei Martiño Sarmento (Pedro Xosé García de Ceraxe Gosende Valboa e Sarmento) e a casa-pazo dos Gosende, os seus antepasados, sita no lugar das Raposeiras (Meilide).

Tamén en 2002, viu a luz Cerdedo na obra do Padre Sarmento que, coma o anterior, volvía facer fincapé na natureza cerdedense do relixioso, sumándose á restra de publicacións que, no "Ano Sarmento", se ocuparon por extenso da figura do polígrafo ilustrado. Desta maneira, Cerdedo expresaba con voz propia a loanza e agradecemento dos que o frade das Raposeiras era merecente.

A tese cerdedense, en detrimento da berciana, defendida por min nas páxinas das anteditas monografías, sería, anos despois (no 2008), corroborada polo profesor José Santos Puerto, da Universidade de La Laguna. Tras moito abesullar, Santos Puerto atoparía nos arquivos do convento de San Martín, en Madrid, acaído papelorio que probaba -en ausencia de refutación fundamentada- a nacenza de Sarmento no pazo das Raposeiras de Meilide (Cerdedo) o 9 de marzo de 1695. O Padre Sarmento, monxe bieito, ingresara neste mosteiro madrileño á idade temperá de 15 anos.

Se a soa ascendencia cerdedense de Sarmento era motivo abondo de orgullo e ledicia, canto máis, ao socairo das probas documentais, a certeza do seu nacemento á beira do río do Seixo. Porén, para as autoridades locais, a feliz evidencia traduciuse, como de adoito, en mutismo. Xa en 2011, o Concello decidiu rebautizar a costa de Meilide, outorgándolle a pomposa denominación de "Avenida do Padre Sarmiento", malia que para tal fin, houbese que choela con quintais de bloque imitación pedra e cemento a esgalla. Pola contra, o pazo das Raposeiras (séc. XVI) ameaza con virse abaixo, así o dispoñan as inclemencias.

En 2002, co gallo da presentación dos meus libros en Cerdedo, entendín oportuno deseñar un itinerario cultural co que, ao tempo que se honraba a memoria de Martiño Sarmento, se dese a coñecer, tomándoo como guieiro, o patrimonio do concello. Co apoio da asociación cultural Verbo Xido, en maio de 2002, celebrouse a primeira edición do "Roteiro Sarmento".

Na viaxe a Madrid de 1710, co gallo do seu ingreso en San Martín e por se despedir dos seus parentes de Meilide, Sarmento abandona Pontevedra e acada a aldea de Pedre percorrendo o camiño real (hoxe, N-541). Dende Pedre, cruza a Limeres pola verea do monte. Dende Limeres, diríxese á Revolta, vadeando o río das Cervas na súa embocadura. Da Revolta a Cavenca, polo camiño das Lameiras, e de Cavenca até as Raposeiras, descendendo pola corredoira do Rapenlo, cruzando o río do Seixo por uns antigos peares e, finalmente, subindo a congostra dos Portamuíños.

Sempre consonte o seu diario de viaxe, de retorno a Madrid tras o periplo galego de 1745, o Padre Sarmento achégase de novo á casa familiar dos Gosende. O 2 de decembro chega a Pedre, avanza pola ourela esquerda dos ríos Lérez e Castro (o seu afluente) e sobe a Cerdedo, cruzando a ponte de Santo Antonio. A seguir, baixa a Piñoa, pasa a súa ponte e ascende, por camiños de servidume (expeditos naquela altura do ano), até As Raposeiras. O trazado deste antigo camiño de serventía (anterior ao parcelamento de Meilide) aínda é visíbel na fotografía aérea tomada polo "Voo americano" dos anos 1956-7.

O día 5 de decembro de 1745, despois de pernoctar tres xornadas no pazo das Raposeiras, o frade reemprende viaxe cara a Madrid, arrodeando polo alto do monte do Seixo. Ascende, daquela, pola costa da Ghalghareta, a costa do monte de Meilide, acadando o cume do Outeiro do Coto (1.015 m), co desexo insatisfeito de albiscar o mar dende a altura.

O "Roteiro Sarmento" de Cerdedo, composto por quen escribe, pretende conciliar estes dous itinerarios. Xa que logo, situados os paseantes na praza da igrexa de Cerdedo -comezo do roteiro-, convídaselles a descender pola Torrente e cruzar o río do Castro pola ponte de Santo Antonio, até a ermida do santo portugués (en sentido contrario ao camiño descrito por Sarmento en 1745). Após, a aldea da Revolta e, pola senda das Lameiras, deica Cavenca. De Cavenca até As Raposeiras (en base a rota seguida polo frade en 1710). Das Raposeiras até a capela do Loreto (patroa de Meilide) e, dende o Loreto, pola costa do monte, até o cimo do Seixo (outra vez, conforme a rota de 1745). Eis, o "Roteiro Sarmento" en Cerdedo, confeccionado en base aos apuntamentos do freire, fidel á tradición e co obxectivo de espremer todo o potencial do privilexiado escenario.

O "Roteiro Sarmento" callou, abofé, entre os andaríns. Tempo despois, sen consulta nin gratitude, o Concello de Cerdedo apropiouse da iniciativa e redeseñou arbitrariamente o itinerario, desencarreirando os viaxeiros e guiándoos por vereas nunca transitadas por Sarmento. Non contentos con isto, en 2008, asfaltaron groseiramente a antiquísima corripa das Lameiras que une as aldeas da Revolta e Cavenca. O carballón das Lameiras, se ninguén o remedia, engadirase á restra de árbores senlleiras damnificadas pola tolemia arboricida decretada pola autoridade. Como non podía ser doutro xeito, na Internet, innúmeros excursionistas ofrecen testemuño do lamentábel estado de conservación do PR-G 69.

O denominado "Sendeiro Frei Martín Sarmiento" ou PR-G 69, instituído ás toutiñas polo Concello, obriga os camiñantes -en nome de Sarmento- a percorrer Cerdedo sen fundamento. En base aos minuciosos escritos do monxe, o PR-G 69 pode ser nomeado de calquera xeito agás "de Fr. M. Sarmiento".

Pola contra, a miña proposta segue os pasos do ilustrado viaxeiro e consegue sumar os atractivos do tránsito polo fondo do val (rota dos poboados) á prodixiosa beleza da montaña do Seixo (rota montesía), alicerzando o denominado "Proxecto Montaña Máxica": a valorización integral dos recursos turísticos da parroquia de Cerdedo.