Foi no ano 1964 cando, tras arduas e froitosas pescudas, o investigador cangués Euxenio Eiroa Ermo (f. en 2009), nun artigo aparecido no xornal FARO DE VIGO, readxudicou a autoría do cruceiro do Hío (Cangas do Morrazo) en beneficio do mestre canteiro Ignacio Cerviño Quinteiro (1839-1905) e en detrimento do seu colega, veciño e coevo -mais non parente- Xosé Cerviño García (1843-1922), ambos os dous, naturais da freguesía de Augasantas (Cotobade). Até ese ano, a asignación que Castelao fixera do cruceiro do Hío en As cruces de pedra na Galiza (1950) en favor de Xosé Cerviño, Pepe da Pena -corroborada, entre outros, polo tamén cotobadense Antón Fraguas- atinxira a categoría de dogma.

Ignacio Cerviño morreu, pobre e cego, o 28 de outubro de 1905 no Porriño, a onde se deslocara (vida errante e dura, a dos canteiros!) por motivos laborais. Alí, no cemiterio da Santa María, repousan os seus restos. Xosé Cerviño, soterrado en Augasantas, sobreviviuno case vinte anos. É doado pensar que, voluntaria ou involuntariamente, o canteiro Xosé Cerviño viu arrequecer os seus méritos co legado do canteiro Ignacio Cerviño. Eu prefiro afirmar que tanto Ignacio coma Xosé forneceron a lenda do inmorredoiro "mestre Cerviño". De calquera xeito, Ignacio Cerviño Quinteiro foi, en opinión de moitos e á luz das súas sublimes creacións, o mellor tallador de cruceiros de todos os tempos, un canteiro de mestría incomparábel.

Tras os necesarios e esclarecedores antecedentes, fago arestora fincapé no rico legado do mestre Ignacio Cerviño, inventariado no concello de Cerdedo: o cruceiro da ermida do Pego (Parada), o panteón da familia Peleteiro, sito no camposanto de San Xoán de Cerdedo, e un segundo cruceiro, misteriosamente desaparecido, que se erguía na praza da igrexa de Cerdedo (ou nas súas inmediacións). Ao meu entender, estes tres monumentos cerdedenses virían corroborar o argumentario dos que defenden a Ignacio Cerviño como creador do cruceiro do Hío.

Antonio Rodríguez Fraíz (Canteiros e artistas de Terra de Montes e ribeiras do Lérez, 1982) consigna a Ignacio Cerviño como pai de Xosé Cerviño. Hoxe, ben sabemos que Ignacio e Xosé non compartían vencello de sangue ningún, só de veciñanza e coetanidade. Porén, cómpre engadir que Ignacio Cerviño Quinteiro era fillo do tamén mestre canteiro cotobadense Antonio Cerviño Couceiro.

Segundo lemos en Rodríguez Fraíz, nos anos 1859 e 1860, Ignacio Cerviño aparece aveciñado en San Xoán de Cerdedo. No ano 1859, Cerviño conclúe e entrega o cruceiro da ermida do Pego, templo sito á beira dereita do río Lérez, felizmente restaurado en 2011. Os labores de talla e montaxe da peza custaron 400 reais. Así o testemuña un recibo conservado no arquivo parroquial de Santa Mariña de Castrelo. Ao ano seguinte, Ignacio Cerviño debe acometer a restauración do dito cruceiro, malogrado por causas descoñecidas. Nun segundo recibo gardado no arquivo da igrexa de Castrelo, lese que o custo das ditas tarefas ascendeu a 220 reais.

Xa que logo, Ignacio Cerviño Quinteiro, á idade temperá de vinte anos, aveciñado en Cerdedo, labra o cruceiro do Pego trece anos antes de acometer a grandiosa empresa do Hío, mais nesta obra máis modesta (obra de xuventude) xa se albisca a imaxinaría do mestre de Augasantas.

Tanto o cruceiro do Pego coma o cruceiro do Hío enfeitan o seu baseamento con escenas bíblicas. Nas catro caras frontais do pedestal cúbico do cruceiro do Pego, en altorrelevo, represéntanse catro escenas de cando os nosos Primeiros Pais sucumbiron á tentación: 1) Adán e Eva, ledos, no Paraíso 2) O demo gaioleiro 3) A serpe enrodelada na maceira e 4) A parella amosando vergoña e contrición tras cometer o pecado orixinal. O pedestal do cruceiro do Pego é un cómic de pedra narrado en catro viñetas.

No cruceiro do Hío, nun dos catro fornelos da base, represéntase a Eva aceptando a mazá que lle ofrece a diabólica serpe e, noutro, a Adán no intre da fatídica deglución; ambos os dous, a carón da árbore do ben e do mal, ateigada da gorentosa froita prohibida.

Tanto o Adán e a Eva do pedestal do cruceiro do Pego (escena 1) coma o Adán e a Eva dos fornelos basais do de Hío disimulan a súa nudez inocente tras a fronde do Paraíso, resolta en circunvolucións. Así mesmo, tanto o Adán do pedestal do cruceiro do Pego (escena 4) coma o Adán (exento) do fuste do cruceiro do Hío levan unha man, a esquerda, á cabeza.

Na actualidade, o cruceiro do Pego, próximo á capela homonima, érguese decapitado, é dicir, desprovisto da cruz, xa que, en decembro de 2001, os veciños da contorna a atoparon escachelada no chan, quizais, como resultado dunha frustrada tentativa de roubo. Segundo o amigo Xosé Carballo, estudoso dos cruceiros locais, algúns fragmentos da cruz gárdanse nunha casa particular da aldea da Insua (Parada), en espera de cartos que permitan a súa compostura e reposición.

O anverso da cruz representa a Cristo crucificado, co lombo afastado do madeiro, a testa alzada e a ollada perdida no infinito. No reverso, súa Nai, coa cabeza abaixada, amosa unha actitude de suplicante resignación. Esgazada do conxunto, descoñécese o paradoiro da imaxe da Virxe.

O estado de conservación do cruceiro do Pego, xoia do patrimonio arquitectónico cerdedense, é, xa que logo, lamentábel. No fermoso libro Cruceiros e cruces do nordeste da provincia de Pontevedra (1985), da autoría de M. Reimóndez Portela, atopamos dúas fotografías nas que a cruz do cruceiro do Pego aínda conserva íntegra a súa expresividade.

Amais do cruceiro do Pego, durante a súa estadía cerdedense, o mestre Ignacio Cerviño esculpiu outras dúas obras de mérito: o panteón dos Peleteiro (ou das Capitanas) e un outro cruceiro, ergueito na praza da igrexa de Cerdedo (ou arredores), cuxo extravío segue sendo un enigma.

O fastoso panteón das Capitanas acolle os despoxos de Isidro Peleteiro (1852-1894), indiano cerdedense que fixera fortuna no Brasil ao se beneficiar da explotación dun enxeño de azucre. Isidro Peleteiro descansa no nicho superior (o panteón componse de tres sepulturas), ocupando en exclusiva o moimento, posto que as fornelas non son amplas abondo para acoller os cadaleitos actuais. A arquitectura mortuoria coróase cun baldaquino en cuxo cimo pousa unha imaxe da Fe (muller cos ollos vendados). Baixo o pétreo dosel gorécese un santo Isidro, labrego de paxe ao brazo, canda unha parella de bois.

Seguindo coa nosa liña argumental, durante a súa tempada en Cangas, Ignacio Cerviño tamén esculpirá o panteón de Francisco Graña O Ranqueta (f. en 1899), cuxa feitura, mutatis mutandis, é moi semellante ao de Isidro Peleteiro en Cerdedo: baldaquino curvilíneo, imaxe coroante...

En orixe, o cruceiro que hoxe campa no adro da parroquial de Cerdedo localizábase no centro da praza terreira (hoxe, praza de Fernando García Leiro). Naquel tempo, o templo e a casa reitoral se comunicaban a través dun pasadizo elevado de pedra. O cruceiro da igrexa de Cerdedo (1900) é obra de Antonio Ferreiro, mestre canteiro natural de Quireza.

Na dita praza (ou nas proximidades) tamén se erguía estoutro cruceiro cuxa labra se lle atribúe a Ignacio Cerviño. Sería o cruceiro de Cerviño o primixenio da igrexa de Cerdedo? Consonte os meus informantes, "o cruceiro foi roubado hai moitos anos e era moi parecido ao cruceiro do Hío". Concluímos, xa que logo, que o cruceiro desaparecido tamén debía representar a escena do desencravo.

Non cabe dúbida que estas afirmacións poden axudar, definitivamente, a conciliar posturas verbo do "Cisma do Hío", mais, ao mesmo tempo, acirran as especulacións arredor de cómo se perpetrou a substracción do desencravo cerdedense.

Tratándose dunha peza desaparecida a finais do século XIX ou comezos do XX, a hipótese do roubo paréceme pouco críbel. O máis probábel é que fose vendido baixo corda e trasladado fóra do país. Eu non demoraría, daquela, dar parte do "affaire" ao resolutivo xuíz Taín, mentres nos laiamos polo dispendio inútil do chamado Museo da Pedra de Cerdedo.