O domingo 9 de setembro de 2012 o compañeiro Ignacio Grande e quen escribe ascendemos até o cimeiro nomeado Coto da Roda, cotarelo que debuxa a estrema entre os concellos de Cerdedo e Forcarei e, así mesmo, fixa un máis antigo deslinde: o das freguesías de Parada (Cerdedo), ao sur, e Castrelo (Forcarei), ao norte. Cómpre dicir que a parroquia de Castrelo pertenceu ao concello de Cerdedo até o ano 1872.

Á primeira hora da tarde, estacionamos o vehículo á entrada da aldea de Lerce, o máis recomendábel dos accesos posíbeis. Ben chegados, corroboramos a localización exacta do noso destino grazas ás amábeis indicacións duns veciños que, nese intre, abandonaban o lugar.

A aldea de Lerce, pertencente á parroquia de Castrelo, localízase a uns 450 m en liña recta do Coto da Roda, cara ao noroeste. O río Lérez discorre a uns 600 metros da aldea, cara ao leste. É evidente que os topónimos Lerce/Lérez están emparentados. Ambos os dous son o resultado da síncopa dunha presunta forma orixinal Lerice. Probabelmente, os hidrónimos Lerce/Lérez, derivan da raíz prerromana l-r (*ler), cuxo significado se vencella coa auga. Sen dúbida, foi o río quen lle deu o nome á aldea.

Sen máis demora, atravesamos o rueiro de norte a sur. Na zona, o material empregado para a construción de vivendas, alboios e valos é a folla de xisto. Os nosos ollos, afeitos á irregularidade regañuda do cachote granítico cerdedense, axiña se decataron da diferenza.

O poboado de Lerce recibiunos silandeiro, durmido, case fantasmal. O arrecendo da herba empalleirada e o cheiro a esterco provinte das cortes abertas alagou as nosas ventas, reconfortante indicativo de aldea viva. Aquela tarde non vimos gando por ningures, só o intuímos. Nin os cans fixeron por argallar un comité de benvida, como é adoito nas nosas excursións.

A rúa central do poboado virou cara ao leste, embocando nunha corredoira, amenizada, no seu treito final, pola sombra de caducifolias. O camiño enlousado permitiunos atravesar a vizosa agra (300 m). Abandonada a foresta, a congostra levounos até unha pista forestal. A senda, enxabreada e retorta, conduciunos deica o pé do outeiro (600 m). Alí puidemos comprobar como a fotografía aérea que nos servía de guieiro non se trabucaba un nadiña. Unha ampla devasa, de recente apertura, permitía o ascenso até o cumio (150 m), ocupado pola misteriosa "roda".

O rechamante topónimo, Coto da Roda, encirrou a miña curiosidade. As ortofotografías servidas polo visor do SIXPAC (Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas) e do IET (Instituto de Estudos do Territorio) -esta aplicación opera con imaxes máis actualizadas- permitíronme albiscar no curuto do outeiro as pegadas dunha construción circular. As horas investidas diante do computador, arremedando o voo do miñato, deran por fin os seus froitos.

A devandita devasa, que risca o lindeiro dos concellos de Cerdedo e Forcarei, atinxiu a sección norte do depósito arqueolóxico. Aledounos constatar que, nesta ocasión, os labores desenvolvidos na zona se limitaran á roza da mesta vexetación (toxo, carrasco, carqueixa...). Non houbo desterramentos nin remoción do solo, polo que o xacigo, desta volta, non viu apenas alterada a súa integridade.

O depósito arqueolóxico do Coto da Roda localízase a uns 529 m de altitude, axustándose ás coordenadas: 42º 33´ 54´´ N - 8º 21´ 25´´ W. O río Lérez, no seu avanzar norte-sur, lambe a base do outeiro polo leste (a escasos 200 m de distancia, monte abaixo). O máis da extensión do Coto da Roda localízase en terra de Cerdedo. Eis un outro exemplo de inmobiliario arqueolóxico de carácter demarcatorio.

Dende aquela atalaia, enxérganse, cara ao sur, a cimbra do monte do Seixo (Outeiro do Coto, 1.015 m de altitude), a uns 7 km de distancia en liña recta. Cara ao norte, a uns 2 km en liña recta, sobrancea o "skayline" de Forcarei. O monte de Cerdedo impide contemplar a aldea, localizada a uns 4´5 km, cara ao sudoeste.

Os vestixios construtivos do Coto da Roda describen unha elipse. In situ, apréciase unha pequena elevación do terreo (parapeto colmatado) que bosquexa o contorno, encadrando un espazo chan. O eixe maior do óvalo acada os 115 m. O eixe menor, os 75 m. A superficie aproximada do xacigo é duns 6.770 m2 aprox. O seu perímetro acada os 300 m de lonxitude aprox.

Feitas as preceptivas consultas, sempre coas debidas reservas e á espera do ditame dunha futura e necesaria prospección, atrévome a conxecturar que temos descuberto xa non un castro, senón un curro neolítico, é dicir, os vestixios dun cercado de pedra ou estacas (ou mixto) que os pegureiros prehistóricos ergueron no alto daquela lomba para protexer os seus rabaños da pillaxe ou das alimarias. Estamos falando pois dun depósito arqueolóxico cuxa antigüidade pode roldar os 6.000 anos.

Impelidos polo decurso estacional, os gandeiros neolíticos, seminómades, transhumaban cos seus animais (vacas, ovellas, cabras...) na procura dos mellores pastos. O curro do Coto da Roda, amais de coutada para o gando, ben puido dar cabida ás eventuais vivendas dos pastores que, na estación seca, escollían as feraces ribeiras do Lérez para apacentar a súa habenza pecuaria. Seguiremos informando.