26 de julio de 2012
26.07.2012

Capitán Gosende descobre gravados rupestres en Pedre

O colectivo atopa, no lugar de Os Castelos, unha nova inscultura que decide bautizar co nome de "Laxa das Filloeiras"

26.07.2012 | 10:46
Integrantes do colectivo, sentados ao pé da bautizada como Laxa das Filloeiras.

A terceira xornada de limpeza no sitio arqueolóxico dos Castelos –no monte comunal de Pedre (Cerdedo)– permitiu aos integrantes do colectivo Capitán Gosende o descubrimento, a pasada fin de semana, dun novo gravado rupestre oculto baixo unha camada terrosa de manto vexetal. Esta inscultura, bautizada como Laxa das Filloeiras, componse de 44 cazoletas e coviñas de tamaño diverso. A meirande acada os 23 centímetros de diámetro, mentres que a máis pequena atinxe os 4 centímetros. Na tarde do sábado celebrarase a primeira visita guiada ao entorno.

O domingo 22 de xullo, día de sol e moscas, o colectivo Capitán Gosende enfrontou a terceira xornada de limpeza no sitio arqueolóxico dos Castelos, depósito localizado no monte comunal de Pedre.
Participamos na xeira de roza e limpa María e Pedro Peón, Joseph Ghanime, Anxo Torres, Manuel Fortes e quen escribe, membros do dito colectivo cultural e ecoloxista de Cerdedo.
Os labores consistiron na retirada do mato (toxo, uz, carrasco, herba alta...) que colonizaba as regañas do laxedo e mais o brión que tapizaba superficialmente o soporte das insculturas. Así mesmo, abrimos unha faixa de seguranza en todo o perímetro do xacigo (ocupado por toxo alto, piñeiros novos, silveiras...), co propósito de que a zona desbravada actuase, en caso de incendio, de tornalume.
A media mañá, cando procediamos á retirada do mesto raiceiro e abondoso restroballo do recanto norte da laxa, a uns catro metros dos coñecidos círculos concéntricos, descubrín con aglaio e emoción incontida outro conxunto de gravuras que, con certeza, levaban décadas, senón séculos, ocultas baixo unha camada terrosa de manto vexetal.
O novo gravado rupestre componse, tras os primeiros traballos de destapado, de 44 cazoletas e coviñas de tamaños diversos. A meirande acada os 23 centímetros de diámetro, mentres que a máis pequena atinxe os 4.
Da corentena de cazoletas, dezanove foron gravadas sobre unha veta de pedra de gran fino que atravesa o panel na orientación leste-oeste. A veta ten uns 20 centímetros de ancho. As outras vinte e cinco cazoletas distribúense a ambos os dous lados da veta, sobre a rocha de gran groso.
Mentres que as coviñas presentan a súa peculiar concavidade, as cazoletas, de meirande tamaño, caracterízanse pola pouca profundidade e fondo plano. Foi o compañeiro Pedro Peón quen advertiu a semellanza das cazoletas coa pedra de facer as filloas, polo que, por unanimidade, decidimos bautizar o novo gravado rupestre co nome de Laxa das Filloeiras. Só de pensalo, xa lambo nos dedos.
Sospeitamos que, en orixe, no adro dos Castelos, a superficie ocupada polas gravuras era moi superior á actual. A morfoloxía da pedra (gran groso), após uns 4.500 anos, aturou mal o labor erosivo dos axentes naturais (erosión hídrica, xelifracción, raíces...). Non se aprecian cortes relacionados coa extración de material construtivo.
Repostos da conmoción, proseguimos as nosas tarefas, levando a cabo, satisfactoriamente, a nosa porfiada misión. Urxía abrir unha devasa arredor do xacigo, en previndo –ogallá nunca aconteza– os efectos devastadores das lapas. Neste senso, e como xa recomendaramos nun anterior artigo –véxase Faro de Vigo do 22 de xullo de 2012–, ao monte comunal de Pedre cómprelle un perentorio rareamento e reordenamento que atenúen o seu alto grao de combustibilidade.
Agardamos que a descuberta e divulgación dos petroglifos localizados no monte de Pedre vallan para contrarrestar as innúmeras e desaxeitadas intervencións padecidas pola parroquia nos últimos anos, entre outras, a segregación do poboado por mor do trazado da N-541, as expropiacións executadas por Fenosa (proxecto do encoro de Dorna) na aldea do Serrapio que comportaron a derruba de boas mostras de arquitectura enxebre, a desaparición do tradicional eirado terreiro de Pedre baixo o cascallo de obra, a grotesca combinación de cruceiros de nova traza, farois e porterías de fútbol deseñada para a dita Eira Grande, a improcedente e sancionada urbanización do máis do lugar e a futura desfeita do AVE.
Os integrantes de Capitán Gosende sentímonos moi orgullosos e satisfeitos de poder ofrecerlles ao pobo de Cerdedo e a quen nos visita o feliz achado da Laxa das Filloeiras, bela testemuña de recuados tempos, xoia selleira do patrimonio histórico cerdedense.
Visita guiada o sábado
Temendo que as autoridades nada fagan pola súa difusión e conservación, Capitán Gosende organizará o vindeiro sábado, día 28, se a meteoroloxía é favorábel, unha primeira visita guiada ao depósito arqueolóxico dos Castelos. Daquela, todos aqueles que sintan curiosidade pola novidade (sexan cales sexan as súas motivacións) quedan convocados ás 20.00 horas na Eira Grande de Pedre. Veñan con ansia de estarricar as pernas e dispostos para sucumbir ao engado da Laxa das Filloeiras.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia