27 de mayo de 2012
27.05.2012
EN DIRECTO
España supera el millón de contagios | Moción de censura de Vox al Gobierno  | Champions: Madrid - Shakhtar

José Rodríguez González. O matemático de Bermés

En 1809 o Goberno español encárgalle que estude os medios cos que conta Inglaterra para o estudo da astronomía

27.05.2012 | 02:16
Busto e escultura do científico lalinense en Bermés. // Bernabé/Gutier

Poucos lalinenses teñen sido tan "internacionais" no desenvolvemento da súa actividade profesional como o Matemático Rodríguez. A das matemáticas €foi o primeiro matemático galego de relevancia€, a agronomía, a xeodesia e a mineraloxía son as facetas que marcaron a súa vida. Este claro expoñente da Ilustración ten entre os seus méritos o traballo desenvolvido á fronte dunha cátedra na Universidade da cidade do Apóstolo. Pero ademais desta tarefa na universidade hai que destacar os servizos prestados aos gobernos de España, o Reino Unido, Francia e Rusia.

José Rodríguez González naceu en Bermés en 1770 e finou en Compostela en 1824. Aprendeu a ler el só e foi o cura da súa parroquia quen, consciente da súa mente privilexiada, o recomendou para estudar, primeiro en Monforte e logo en Compostela, cos xesuítas. Bacharel en Filosofía en 1790, pasa logo a realizar estudos de Teoloxía. En 1798 xa imparte clases de matemáticas na facultade de Medicina e gaña a cátedra por oposición no 1800. Non deixa de estudar e, durante os tres anos seguintes, cursa Botánica, carreira que remata en 1803, antes de se trasladar a París para realizar estudos de matemáticas e astronomía. Será na capital francesa onde coñeza o científico Jean-Baptiste Biot, con quen manterá relacións profesionais no futuro inmediato.
Con só 26 anos, José Rodríguez González xa se ten feito un nome, froito do seu traballo como catedrático e das aportacións que vai facendo durante a súa estadía en París. Chegan a España boas a abundantes referencias ó goberno da nación que, dende 1806, o incorporará a numerosos traballos científicos internacionais, principalmente relacionados con medicións de arcos meridianos. Son anos de liortas con Inglaterra €o ano anterior librárase a batalla de Trafalgar€, anos de "afrancesamento á forza" da sociedade española, que en 1808 verá a José Bonaparte coroado rei. Nestes anos, outro lalinense vive en Madrid os últimos anos dunha gloriosa carreira: Francisco Gil Taboada, que fora vicerrei do Perú e por esas datas era capitán xeral da Real Armada de España €coa ocupación dos franceses foi o único membro do Gabinete que se negou a seguir no "goberno títere" e na segunda invasión, xa octoxenario, negou xuramento de obediencia ó "rei intruso", José Bonaparte€.
Pero volvamos a 1806. Nese ano, o Goberno do Estado desígnao, con José Chaix, para un comisariado español que se encargaría das medicións do arco meridiano, tarefa que desenvolve xunto ós franceses François Arago e Jean-Baptiste Biot, co obxectivo de prolongar o arco "francés" até a illa de Formentera; rematan este traballo pero non poden seguir coa prolongación sur ante a situación política que se está a vivir en 1808. O mesmo Rodríguez explica nunha carta que "las circunstancias políticas no permitieron operaciones subsiguientes, como medio de comprobar los resultados, por la medición de una base que fuese independiente de la obtenida antes en Francia". O feito histórico é que a primeira grande operación xeodésica do século XIX foi a prolongación cara a España deste "meridiano de Francia", realizada anos antes por Mechain e Delambre. O encargo foi realizado polo Bureau des Longitudes, e no traballo interviñeron, como xa apuntaramos, François J. Dominique Arago e Jean-Baptiste Biot, por parte de Francia, e José Chaix e José Rodríguez González, por parte de España.
Eminente astrónomo, físico e xeodesta, Arago foi secretario do Bureau des Longitudes e director do Observatorio de París, e colaborou con Biot na medida do índice de refracción do aire. Pola súa banda, Biot, un dos máis relevantes físicos, astrónomos e matemáticos da historia francesa, descubriu a xeración de campos magnéticos e a polarización da luz. Como outro lalinense, Ramón Aller Ulloa, un cráter da Lúa leva o seu nome, honra reservada a uns poucos científicos.
Rodríguez González chegará tamén á Rusia dos zares para realizar diversos traballos xeodésicos por iniciativa de Alejandro I, quen o invita a dirixilos logo de se facer mundialmente coñecido pola súa participación, xunto a Biot e Arago, no enlace das illas Baleares coa triangulación da Península.
Anos despois, o astrónomo lalinense Ramón María Aller recollerá no libro que escribiu sobre Rodríguez para o Seminario de Estudos Galegos que nas actas da Universidade de Santiago, da que Rodríguez era catedrático, se pode ler: "Tuvo este Claustro la mayor satisfacción al ver con cuantas instancias fue V. convidado pª que tomase a su cargo el importante destino de la dirección del depósito geográfico del vasto Imperio de todas las Rusias, que S.M.I. sabe grangearse la estimación de los sabios atrayendo a sus dominios los de todas las naciones. Pero si bien este Cuerpo se honra en que un catedrático suyo hubiese merecido tantas distinciones, no puede menos que confesar cuanto se complace al ver que con firme y heroica resolución supo V. preferir a estas ventajas el destino de Profesor de Astronomía en el Museo de Ciencias Naturales y el encargo de la organización del Observatorio de Madrid con que S.M. acaba de agraciarle".
Finalmente, Rodríguez González renuncia ós traballos xeodésicos en Rusia, que foron realmente iniciados baixo a dirección de Frederick G. Struve, astrónomo alemán ó servizo do zar, e o xeneral Tenner, que "observaron una cadea de 258 triángulos que cubrían un arco de meridiano de 25º 20´ dende o Danubio até o norte, enlazada posteriormente coas redes europeas".
Se non a máis importante, cando menos a máis coñecida faceta do noso lalinense ilustre foi a dos traballos desenvoltos para a coroa británica. En 1809 o Goberno español encárgalle que estude os establecementos e medios cos que conta Inglaterra para o estudo da astronomía, así como as súas posibles aplicacións para a xeografía e a navegación. Chega a formar parte do grupo de científicos que foron quen de triangular o meridiano 0 (máis coñecido como de Greenwich, que na Península pasa por Monte Perdido, nos Pirineos, e Denia, en Alacante), corrixindo un erro que persistía na época. Durante a súa estadía inglesa, que remata en 1812, publica os resultados do traballo realizado baixo o título Observations on the measurement of three degrees of the meridian, que é presentado na Royal Society. Nel corrixe as conclusións tiradas das observacións e cálculos realizados por William Mudge na medición do arco entre Clifton e Dunnose, poñendo en evidencia os seus erros de observación. Contemporáneos seus como Delambre ou Von Zarch conviñeron no axeitado das súas conclusións.
Volve á súa cátedra en Compostela, aínda que un par de anos máis tarde collerá de novo as maletas rumbo a Alemaña. A mineraloxía semella ser a principal razón para aceptar un traballo, tamén "por encargo" gobernamental, que o levará a residir alí entre 1815 e 1817, onde é coñecido como Joseph ou Pedro Joseph. A súa primeira parada é a Escola de Minas de Friburgo, na Saxonia, onde establecerá contactos con Abraham Gottlab Werner, o pai da xeoloxía e mineraloxía modernas. Logo pasará pola Universidade de Göttingen. Alí escribirá Ueber die Gröfsenverhältnisse des Erd-Sphäroids, publicado en 1817 na revista Zeitschrift für Astronomie und verwandte Wissenschaften. Neste traballo aborda diversos aspectos relacionados coa xeodesia e, nomeadamente, sobre as "proporcións do esferoide terrestre", analizando o "achatamento" do globo. José Rodríguez introduce este traballo coa seguinte afirmación: "Pero, se ben todas estas medicións conveñen en outorgarlle á Terra unha forma elíptica, ensanchada no ecuador e achatada nos polos, non concordan o suficiente entre elas como para poder deducir diso o valor do achatamento e outras proporcións".
De volta de Alemaña, unha longa estadía en París sérvelle para entrar en contacto con René-Just Haüy, que lle regalará unha colección dun milleiro de modelos cristalográficos, depositada ó seu pasamento na Universidade de Santiago. Retorna a España logo de aceptar a oferta do Museo de Ciencias Naturais para desenvolver a cátedra de Astronomía do Observatorio de Madrid.
Ilustrado, liberal e comprometido co seu tempo, exercerá como deputado por Galicia nas Cortes españolas entre 1821 e a súa morte, en 1823. Del só se conservan, como documentos escritos, os dous traballos citados, elaborados en Inglaterra e Alemaña, así como os escritos ou rexistros de comunicacións epistolares coa Universidade de Santiago. Estes últimos constitúen o centro do traballo desenvolto por Ramón Aller Ulloa para o Seminario de Estudos Galegos sobre a vida e obra do seu paisano e "colega" matemático.
P.D. A biografía de José Rodríguez González aínda está por escribir. Quero reflectir con esta afirmación o pouco que se ten profundizado na súa figura. É un traballo por desenvolver o de "sacar á luz" a vida e obra dun fillo ilustre cuxa figura non foi suficientemente analizada (nin no humano nin no científico) até os recentes traballos de Víctor Naverro ou dos profesores Docobo e Iván Fernández, do Observatorio Astronómico Ramón María Aller de Santiago. Se cadra, unha maior divulgación nestes anos do traballo de Ramón Aller sobre o Matemático de Bermés tería contribuído a paliar o descoñecemento desta figura.
Dun xeito especial, damos as grazas a Iván Fernández Pérez pola súa colaboración, nomeadamente sobre a pouco coñecida etapa "alemá"(ver Revista da Real Academia Galega das Ciencias€2011) e, como lalinense, polo traballo de difusión da figura do Matemático Rodríguez.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia