06 de mayo de 2012
06.05.2012

O mal da moda: a gripe de 1918 en Cerdedo

O virus da gripe aviaria castigou duramente a zona, con testemuñas que falan dunha época marcada polo medo

06.05.2012 | 14:19
A morte, representada nunha lápida do cemiterio de San Martiño, en Figueiroa. // Calros Solla

O virus da gripe aviaria chegou a Europa na Primeira Guerra Mundial traída polos soldados estadounidenses. No vello continente extendeuse rapidamente ata chegar a lugares alleos a esta liorta, como foi caso de Cerdedo. A zona foi atacada especialmente polo virus no ano 1918, con numerosas testemuñas e textos que falan dunha dura epidemia que levou o medo a todos os rincóns do Concello. Outros sen embargo falan dun virus anterior, sobre 1912, con síntomas diferentes pero co mesmo poder de mortandade. Nada se sabe con certeza desta primeira epidemia.

As campás anunciaron o século XX a toque de defunto. Unha cepa recalcitrante do virus da gripe aviaria (Influenza virus A, subtipo H1N1) alancou polo mundo no alborexar da centuria, levando por diante, segundo diversas estimacións, de 50 a 100 millóns de persoas durante o bienio 1918-19. Cerdedo non foi unha excepción, arrequecendo as fúnebres estatísticas da pandemia cun oneroso quiñón.
O virus da influenza viña chocando nas aves, mais, aquel fatídico agromo do ano 18, nomeado gripe española ou morte púrpura, inzou inopinado nos mamíferos –entre eles, os humanos–, volvéndonos propensos ao contaxio. Dende aquelas, o nefasto parasito remuda e rolda a nosa porta cada 10 ou 15 anos –lémbrese a indesexada visita de 2009–, desprovistos de remedio que o disuada. Antano e hogano, a selección natural opera ás caladas, axustándose escrupulosamente ao coñecido refrán "Aquilo que non te mata faite máis forte"; velaí os fundamentos da nosa supervivencia.
O sambenito de "española" non establece o foco de irradiación da gripe, pois, é sabido que aquela doenza se orixinou en Norteámerica (Fort Riley-Kansas) e acadou Europa, hospedada nos soldados estadounidenses combatentes na Primeira Guerra Mundial (1914-1918). Os gobernos dos países implicados no conflito determinaron censurar informativamente a virulencia do andazo, co adaxo de preservar a moral das tropas. España, economicamente deficitaria e allea ao enfrontamento dos imperios europeos, optou pola neutralidade. Sen intereses que salvagardar, a prensa española mantivo informado ao mundo da evolución da crise sanitaria. En España, a morte púrpura, o mal da moda, extinguiu unhas 300.000 vidas. Malia non ser eficaz contra o virus da gripe, Alexander Fleming non descubrirá o antibiótico penicilina até o ano 1928.
A influenza do 18 que, entre outros notábeis, segou as vidas do pintor Gustav Klimt e do poeta Guillaume Apollinaire, incidía de xeito determinante no aparato respiratorio. Os afectados –unha boa parte, xente nova e sa– adoptaban unha tonalidade azulada, cianótica, por mor do colapso pulmonar. A sintomatoloxía primeira era ben coñecida: esgaracemento, tose, febre alta, vómitos, furriqueira...
En Cerdedo, a aplicación de samesugas nos costados, os bafos de eucalipto ou a tintura de iodo empregáronse desesperadamente, para combater o mal fulminante: "A xente morría, morría toda...; era o mal da moda, estaba de moda morrer...", escoitei de boca dun meu informante octoxenario. "Oínlle a miña nai que a xente se pechaba nas casas por medo a enfermar...; deixouse de tocar a defunto, para non desmoralizar o pobo...", engadía conturbado.
Durante o quimestre agosto-decembro de 1918 viviuse, en Cerdedo, o acme, o punto crítico da enfermidade. O Diario de Pontevedra do 4 de novembro informaba nestes termos: "En Cerdedo se halla el mal en su período álgido, pasando de 1.500 los atacados, desde que hace veinte días se dieron en aquel término los primeros casos de la epidemia gripal, siendo graves el diez por ciento. A consecuecia de la epidemia fallecieron ya 87 personas. El día 30 ocurrieron nueve defunciones. De cuatro médicos que hay en Cerdedo, tres están enfermos, prestando servicio solamente el municipal don José Cachafeiro". Cara á fin do ano 1918, a situación tornaría á normalidade. O peor xa pasara.
Hai uns días, caeu nas miñas mans o volume 2 d´A Estrada. Miscelánea histórica e cultural, do ano 1999. Na páxina 209, Mª do Pilar Regueiro Ovelleiro asina o artigo intitulado "Cando o ceo escurece. Crónica da epidemia da gripe de 1918 na parroquia de Sabucedo". Mª do Pilar Regueiro recupera de entre os traballos escolares dirixidos polo seu avó don Francisco Regueiro Moreira (1884-1962), primeiro mestre nacional da Escola Mixta de San Lourenzo de Sabucedo, unha redacción elaborada polo alumno Adolfo Ovelleiro Garrido, verbo do ocorrido na aldea durante o bienio da mortandade.
A freguesía estradense de Sabucedo estrema coas setentrionais cerdedenses de Quireza e Tomonde. Segundo lemos no devandito artigo, "o contaxio da temíbel epidemia gripal penetrara en Sabucedo desde o limítrofe concello de Cerdedo".
O alumno Adolfo Ovelleiro narra, deste xeito, os terríbeis acontecementos: "Todos, tanto jóvenes como ancianos, se hallaban recogidos en sus casas, silenciosos, aislados y con gran pesadumbre de espíritu, esperando la hora tremenda de la llegada de la maligna infección.
No hubo bailes nocturnos, ni romerías ni ferias, ni apenas se ha podido asistir a la misa dominical. Aquí, en este lugar, se propagó desde Tomonde, cuando se hallaba ya extendida por toda la comarca. [...] En Tomonde no tocaban ya la campana a señales y enterraban a todas horas. Los familiares no acompañaban los cadáveres al cementerio [...] Casas de siete, ocho o más personas de familia estaban todas infectadas, encamadas, tosiendo y tosiendo, porque toda la infección tenía su asiento en el aparato respiratorio. No había medicinas y menos aún médicos, ya que los que había no llegaban a nada y ellos estaban también atacados. [...] No rezaban en casa de los difuntos ni los visitaban, y en la conducción del cadáver se situaban lejos, bien delante bien detrás. No paraban nada con ellos en el atrio sino que le daban tierra acto seguido. [...] Nadie, ni por primo, visitaba a otro y andaban siempre con desinfectantes y ramas de eucaliptus en las ropas, en las casas, en las visitas y en los entierros..."
Cando xuntaba materiais para o meu Almanaque de encantos (2005), pregunteilles aos decanos polo nomeado "mal da moda". A meirande parte identificábano coa pandemia do ano 18, mais, non poucos, mormente veciños da freguesía de San Xoán de Cerdedo, afirmaban que se trataba dunha epidemia diferente. Segundo estes testemuños, o mal da moda antecedera no tempo á funesta gripe, podendo situar a súa afectación no período 1912-13. Outra das particularidades da "moda" era a de sobrevir sen síntomas ningúns: "Hoxe deitábaste con toda a saúde e mañá amañecías morto", confesoume unha anciá da aldea de Abelaíndo.
A muller non aforrou detalles estarrecedores na súa resposta: "Aquel ano, puxéronse todos os santos en novena; nin o Ecce-Homo se vía competente... O camposanto de Cerdedo quedou pequeno, uns enterrábanse por riba dos outros; algúns foron vivos para o burato... Deus queira que non volva outra".
Nas gráficas de poboación de comezos do século XX sobrancea a curva mortuoria do ano 1918, porén, non se consignan alteracións no referido bienio 1912-13. Cecais, algún cerdedense centenario poida aínda esclerecer o misterio.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia