01 de mayo de 2012
01.05.2012

A aldea medieval das Cortellas de Pedre

Xente e animais compartían teito nas construccións, que logo se adicaron á gandaría itinerante e foron abandonadas nos corenta

01.05.2012 | 08:30
Unha vista actual dunha das casoupas da aldea medieval das Cortellas de Pedre.

O poboado fantasmal das Cortellas consta dunha trintena de ruinosas casoupas que se erguen á dereita da antiga estrada, dirección Cerdedo. O conxunto principal ocupa uns 7.000 metros cadrados de laxedo. Malia que, no eclesiástico, As Cortellas se adscriben á freguesía de Pedre, polo civil, e por mor dun controvertido corremento de marcos, o usufruto das lombas correspóndelles hoxe aos comuneiros das parroquias de Cotobade. Emporiso, As Cortellas sempre serán As Cortellas de Pedre. Cítanse na Danza das Cortellas das cantareiras Leilía, beneficiarias da admirada Manuela Cortizo Medal.

O poboado fantasmal das Cortellas esténdese á beira dun treito abandonado da estrada Pontevedra-Ourense –antigo camiño real– antes de atravesar o rueiro de Pedre. Hai unhas décadas, as reformas efectuadas na N-541, posibilitaron que o tráfico rodado acadase os lindes do concello de Cerdedo sen negociar a revolta da ponte do Barco (uns 2 km de arrodeo). A ponte é vao do río do Barco ou dos Cabaleiros, afluente do Lérez.
Tras as obras, os automobilistas aforramos un revirado e malfadado quilómetro, xa que, cómpre non dar a esquecemento, foi na aconchegada contorna da ponte do Barco onde, en agosto do 36, unha partida de fascistas locais torturaron e deron morte aos veciños Francisco Arca e Severino Bugallo, homes leais á República. Seis anos despois da súa inauguración, impertérrita fronte á intolerancia, aínda reina a lápida que ergueramos grazas ao contributo do canteiro amigo Xosé Neto "Xidavante", en memoria e honra dos mártires cerdedenses.
Unha trintena de ruinosas casoupas érguense, como dixen, á dereita da antiga estrada, dirección Cerdedo. O conxunto principal ocupa unha superficie aproximada de 7.000 m2 de laxedo, devindo en matogueira. A mouta foi, recentemente, pasto do lume. O casarío edificouse sobre a laxeira, reservando o terreo de mellor calidade –choído con valos de pedra– para o cultivo.
As Cortellas sérvense de dous carreiros enlousados –que as atravesan de norte a sur– para ben comunicar o quinteiro co monte. Nas lousas, alíñanse fondas as rodeiras do carro. Cara ao norte, discorre a auga dun manancial. Cara ao sueste, o desnivel atinxe os 500 metros de altitude.
Malia que, no eclesiástico, As Cortellas e a súa redonda se adscriben á freguesía de Pedre (Santo Estevo), polo civil, e por mor dun controvertido corremento de marcos, o usufruto das lombas montesías correspóndelles hoxe aos comuneiros das parroquias do estremeiro Cotobade. Emporiso, As Cortellas sempre serán As Cortellas de Pedre.
Os afloramentos graníticos que salfiren a paisaxe forneceron os canteiros de material construtivo. No terreo circundo, son abondosos os penedos trabados polo punteiro e as cuñas de carballo, empregados na racha da pedra.
O topónimo, As Cortellas, levaríanos a pensar en construccións subalternas destinadas á estabulación de porcos ou gando miúdo, mais, se visitaren o lugar, decataranse de que a súa denominación ou é despectiva, por mor do reducido tamaño das dependencias habitacionais, ou ben fai referencia ao seu posterior emprego.
Antano, nas Cortellas, viviu xente. O grao de deterioro das estruturas só redunda na antigüidade do poboado, con certeza, medieval. Nas Cortellas, o ser humano compartiu teito cos animais. Na face interior dalgúns muros aprécianse os buracos nos que, sobre pontóns, asentaba o sobrado. No nivel inferior, acomodaríase o gando.
Ao meu entender, As Cortellas de Pedre constituíron, xacando, un populoso asentamento. Descoñécese cal foi a causa do seu despoboamento –cecais, a peste?–. O seu abandono propiciou o desmantelamento e carrexo de materiais construtivos cara a outros lugares. Hai quen pensa que As Cortellas configuran o poboado fundacional da parroquia de Pedre. Ao fío e segundo o Nomenclátor, o topónimo Cortellas nomea na Galiza catro entidades de poboación, pertencentes aos concellos do Incio e O Vicedo, en Lugo, e Ponteareas e Soutomaior, en Pontevedra.
Posteriormente, a gandaría itinerante reutilizou as edificacións, adaptándoas á nova función co erguemento de paredes divisorias. As construcións orixinais, cecais, unhas cincuenta, deron cabida a máis de cen habitáculos nos que se gardaban ovellas. Na década dos corenta –a famenta posguerra–, abandonáronse definitivamente. O seu afastamento dos núcleos habitados dificultaba a vixía da facenda encortellada, a mercé do ladroízo acirrado pola escaseza. Árbores de bo porte, invaden hogano as estancias.
Paga a pena achegarse ás Cortellas de Pedre, abesullar intramuros, percorrer os seus resíos, malia que o seu estado de acabación poida pór en perigo a integridade do visitante; daquela, prudencia. Mal non viría un mínimo investimento que desbravase aquelas lombas e consolidase algúns muros.
Feito o pedimento, arrédome do lugar asubiando "Danza das Cortellas", peza acaída das cantareiras Leilía, beneficiarias, coma moitos, da admirada Manuela Cortizo Medal: Palmira, lará, Palmira; Palmira, lará, trastrás...

A bandida Pepaloba e a súa gavela acubillábanse na aldea
É conto vello que, acubillados nas Cortellas, a bandida Pepaloba e a súa gavela facían conclave. Ao abeiro daqueles pardiñeiros, acougaban, repartían o botín, dábanlles alento ás cabalarías, sandaban algunha ferida e facían nova escolla de pazos e reitorais. Os canteiros da bisbarra, en homenaxe á ardideza desta lendaria fuxitiva do XIX, ao enfeitaren a obra co ramo, con orgullo, exclamaban: "Aprobado pola Loba nas Cortellas de Pedre!". A retranca arghina facía brincadeira co dobre sentido da palabra "corte": institución política e cubil.
As Cortellas localízanse, aproximadamente, a un quilómetro en liña recta do tamén abandonado Casal de Pedro Touriño, nas Fortosas, cara ao sudoeste, aldea cuxo despoboamento data do século XVI, tras a acometida da peste negra. Así mesmo, As Cortellas distan un quilómetro da aldea de Pedre, en liña recta cara ao nordés.
Dende o punto de vista arquitectónico, As Cortellas caracterízanse pola súa robusteza, en contraste coas pequenas dimensións da superficie habitábel. Chama a atención o bo tamaño e concerto da cachotaría empregada nalgunha das paredes. Non hai apenas vestixio das cubertas, dispostas mormente a dúas augas. Polo xeral, nas Cortellas, a porta principal vese precedida dun cerrado de cachote –nalgúns casos, aportalado–, a xeito de curral. Nas paredes, abríronse xanelas e bufardos –nalgúns casos, abucinados–. Nas soleiras e capialzos, son visíbeis os batentes e os furos da couzoeira. Nas xambas, labráronse cruces e calvarios; tamén, os topes do tarabelo. No interior, non faltan lacenas e pousadoiros. Botamos en falla cambotas ou tornalumes.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
selectividad 2018 Galicia

Toda la información sobre la selectividad

Consulta aquí toda la información sobre las pruebas de acceso a la Universidad: notas de corte, resultados y noticias


GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia