Felipe Antonio Gil Taboada (Bergazos, 1668-† Sevilla, 1722). Fillo dos señores de Bergazos, logo de formarse cos xesuítas en Compostela, estudou Leis e Canons na Universidade de Santiago, da que logo sería catedrático.

Desenvolveu altos e importantes cargos civís e relixiosos ó longo da súa vida. Da man do inquisidor xeral Diego Sarmiento Valladares consegue a praza de fiscal da Inquisición en Canarias, posto que non chega a ocupar ó ser nomeado vicario eclesiástico de Madrid; despois foi presidente da Real Chancillería de Valladolid e comisario xeral da Santa Cruzada. Baixo o reinado de Felipe V foi ministro para os asuntos eclesiásticos e presidente do Consejo de Castilla. Logo da súa designación, en 1715, como bispo de Osma, en 1719 é nomeado arcebispo de Sevilla, cidade na que falece en 1722, sendo considerado unha das máis preclaras personalidades que deron as terras lalinenses.

A súa figura está fondamente unida á devoción pola Virxe do Rocío, da que se conserva un gravado na que o arcebispo Gil Taboada garante "40 días de yndulgencia a quien rezare vna salve delante de la milagrosa ymagen de Nuestra Señora del Rocío".

Nas súas últimas vontades dispuxo a reedificación da igrexa de Donsión, de estilo barroco, na que se atopan as sepulturas dos seus pais.

Cayetano Gil Taboada (Barcia, 1688-† 1751). Arcebispo de Santiago de Compostela e, antes, bispo de Lugo, estudou Filosofía en San Xerome e Xurisprudencia en Fonseca e Valladolid. Rematados os estudos, chegaría a reitor en 1713, só catro anos despois de doutorarse. Afillado de Felipe Antonio Gil Taboada, foi este un sólido apoio na súa carreira relixiosa.

Pertencentes ámbolos dous á poderosa familia dos Gil Taboada, en 1718 o seu tío noméao provisor e gobernador eclesiástico e no 1725, canónigo e inquisidor de Sevilla, función que máis tarde desenvolverá en Compostela, onde desempeñou ademais o cargo de administrador do Real Hospital.

En 1735 é nomeado bispo de Lugo, onde realizou grandes obras, como a do edificio do bispado, que exhibe os seus escudos en fachada e patio. En 1745 é presentado como arcebispo de Santiago, coincidindo o seu mandato coa construción da fachada do Obradoiro, na que se aprecia o seu escudo.

Juan Roque Gil Arias y Somoza (Palio, 1693-†?). Fillo do escribán Fernando Gil, cursou estudos eclesiásticos. Con 22 años é nomeado presbítero e axudante do arcediago de Deza. Pasou a ser secretario do bispado de Lugo en 1734, cargo que conciliou co de arcediago de Deza até 1750.

Nos seus labores de inspección, propios do papel que desempeñaba en Lugo, contribúe a melloras importantes nalgúns dos centros de culto da comarca de Deza; mostra diso é o escrito que redacta logo dunha visita á igrexa de Moneixas, o 13 de xullo de 1730, no que informaba: "y respecto no tiene sachristia acosta de dhos alcances la mande hazer en la parte mas comoda q le pareciere y surta cha. Iglesia de lo mas necessario a su culto y dezencia". Exerceu parte do seu labor sendo bispo Cayetano Gil Taboada.

José María López Castro (Noceda, 1870-† 1955). En diversos escritos cítaselle como veciño de Santa María de Barcia e presbítero. Cursou estudos eclesiásticos, licenciouse en Sagrada Teoloxía e ordenouse sacerdote en 1895. A súa carreira eclesiástica comeza deseguida, pois con 26 años xa ocupa o cargo de arcipreste de San Salvador de Dozón. En 1915 pasa a ser párroco de Lalín e, en 1942, arcipreste de Deza e consultor até o seu pasamento. Durante o seu período no cargo inaugurouse a actual igrexa parroquial de Lalín e outras obras, como o cemiterio (antigo). Foi, ademais, tesoureiro da Comisión Promonumento a Loriga.

Ramón María Aller Ulloa (Donramiro, 1878-† Lalín, 1966). Comenza os seus estudos en Lalín e cursa o bacharelato na Guarda cos xesuítas, que espertan a súa triple faciana intelectual: relixiosa, matemática e astronómica. Alá coñece o padre Merino, que tiña construído no centro escolar un observatorio meteorolóxico de gran nivel para a época. Cando remata os estudos, no 1894, a semente científica xa estaba instalada nel.

Nos seminarios de Lugo (onde se ordenará sacerdote en 1900) e Santiago cursa a carreira sacerdotal, que remata dous anos antes do habitual, con só vinte anos, razón pola que se fai precisa unha dispensa. Xa doutor en Sagrada Teoloxía, nesta época a súa avoa Camila agasállao cun anteollo de 67 milímetros. Desprázase entón a Oviedo para estudar Ciencias Exactas e un ano despois de principiar esta carreira traslada a súa matrícula a Madrid, cidade na que a remata en 1904.

O teodólito T&S súmase ó anteollo e con estes dous instrumentos torna á casa familiar, onde sistematiza o seu traballo de astrónomo que dá lugar á súa primeira publicación froito das observacións do cometa Johannesburgo en 1911. Por esas datas xa tiña feito numerosos seguimentos e anotación de relevancia: o tránsito de Mercurio perante o Sol (1907), o eclipse de 1905, os pasos de estrelas... Son anos nos que se traslada periodicamente a Castro Urdiales para facer uso dos excepcionais instrumentos con que estaba dotado o observatorio desa vila. Como matemático publicou importantes traballos, como Algorítmia, principios fundamentales de la ciencia de los números (1918) ou o texto completo Astronomía.

En 1917 constrúe no xardín da súa casa dúas casetas nas que instala os dous equipos de observación dos que dispón e desenvolve ducias de traballos sobre astronomía e matemáticas, publicados polas revistas máis reputadas do momento. É o caso da Revista de la Sociedad Astronómica de España e América, Ibérica, a Revista Matemática Hispanoamericana, a alemá Astronomische Nachrichten, a francesa L´Astronomie...

Os seus parentes están detrás do financiamento das súas "necesidades técnicas". A morte de Saturnino Aller e o usufruto da súa herdanza permítenlle, xunto a novas axudas de María Lajosa, mellorar os seus medios. Chega así o refractor Steinheil de 120 milímetros e a modificación do observatorio, ó que se lle engade unha cúpula. Son os anos do descubrimento e das medidas de estrelas dobres (especialidade na que máis salientou), o exame de superficies planetarias e as observacións ocasionais froito das horas que botou sentando diante dos aparellos: eclipses, tránsitos, ocultacións, choivas de meteoros, auroras e cometas. En 1933 describe a choiva de estrelas fugaces Dracónidas e na mesma época deseña un astrógrafo para a empresa Zeiss co carimbo "Observatorio Astronómico de Lalín".

Ó remate da Guerra Civil incorpórase, en 1940, á Universidade de Santiago como mestre de Xeometría Analítica e Análise Matemática e tres anos despois inaugúrase o observatorio do campus, ó que se trasladou o refractor, o teodólito e boa parte da súa biblioteca dende Lalín. Doutórase en 1943, con 65 anos.

Na súa biografía pública e publicada transcende pouco da súa espiritualidade e das súas tarefas e relación coas institucións relixiosas. De feito, ó rematar os estudos sacerdotais o padre Aller manifestara a súa vontade de non desempeñar cargos relixiosos nin percibir retribucións polas actividades que, neste eido, puidera desenvolver. No seu haber están 75 publicacións, 4 libros e 5 teses dirixidas... e, como non, as 4 estrelas descubertas e debidamente documentadas.

P.D.: A publicación desta miniserie (á que daremos continuidade na seguinte entrega) dos nosos "ilustres con sotana" evidencia a escasa altura de miras dalgúns que, apreciando e recoñecendo con todo o merecemento a uns, gardan no caixón do esquecemento outras figuras que marcaron unha época.