01 de abril de 2012
01.04.2012

César Oro García

Participou no Congreso Internacional sobre Rosalía en 1985 e no II Congreso de Estudos Galegos, da Brown University, en 1988

01.04.2012 | 04:32
Casa natal do profesor, na parroquia da Veiga, agora deshabitada. // Bernabé/Javier Lalín

César Oro García foi o profesor de vocación tardía que aprendeu a falar galego (e castelán, e portugués...) a centos de mozos de raza negra americanos (afroamericanos disque é a fórmula politicamente correcta) e a mestizos, mulatos e brancos de procedencia hispana, nomeadamente caribeña. Dunha simple ollada, resultaba difícil entender o seu engado para o sexo feminino... mais cando se tiña ocasión de escoitalo, no momento en que facía uso da palabra, coa cadencia do catedrático experimentado que era, canto máis baixaba a voz máis atención obtiña do seu auditorio; o éxito era plausible.

Nestes últimos anos vive alleo ó mundo por mor dun alzheimer que lle roubou a memoria, que lle invadiu un cerebro até hai poucos anos privilexiado e do que tiveron a oportunidade de gozar, durante varias décadas, na Universidade de Howard (que non Harvard, como adoita lerse nos seus perfís biográficos; un erro case tan habitual como o da súa data de nacemento: 1924, vinte anos antes do que se acostuma consignar).
Vén de cumprir os 88 anos. Nace coa primavera na hoxe abandonada casa do Luís, na parroquia lalinense da Veiga, no seo dunha numerosa familia. Sendo aínda un rapaz deixa a aldea para comezar un longo periplo que lle permite formarse persoal e intelectualmente: pasantía en Monterroso, logo a Mondoñedo cos padres pasionistas, cos que completa a súa formación no País Vasco e, finalmente, en Melide. Unha peregrinaxe de máis de dez anos que semella non satisfacelo en demasía, sobre todo o período de estancia en terras vascas. A piques de rematar a carreira eclesiástica renuncia á sotana, á gola e ás parroquias e cumpre o servizo militar na Coruña. No ano 56 apadriña o seu curmán, o padre Oro, na súa ordenación sacerdotal e agasállao coas Obras completas de Rosalía de Castro.
Aproveita a súa estadía na cidade herculina para sacarse a titulación de Náutica. Logo de varios intentos por embarcar cun posto axeitado á súa cualificación profesional sen conseguilo, e debido á falla de perspectivas de futuro, decide marchar coa súa irmá Domitila á "nova Cuba", á que chega ó mesmo tempo que alí triúnfa a Revolución. Oro traballa e, ademais, estuda na Universidade de La Habana. Simpatiza abertamente coa incipiente Revolución e co seu líder, Fidel Castro; simpatiza tanto como a despreza xa ós poucos meses, tras ver en que se vai convertendo o réxime. Decepcionado, emprende o camiño cara ós Estados Unidos. Miami era o punto máis próximo e alí chega cunha man diante e outra detrás ó inicio dos anos 60 e xa camiño de cumprir os 40 anos. Traballa no que vai xurdindo, entre outras cousas, de taxista, pero non deixa de avanzar nos seus estudos, desta volta na Florida Atlantic University. Ó comezo da década dos setenta xa tiña rematados varios traballos de investigación, entre eles The Regulation of Spanish Irregular Verbs, publicado pola Florida A. U., Boca Ratón, 1970. Os contactos e recomendacións polo seu labor permítenlle ir conseguindo bolsas de estudos e, finalmente, marchar á Maryland University, unha das máis representativas do sector das universidades públicas dos Estados Unidos. Seica namorou definitivamente destas terras e niso influíron os seus territorios verdes e as vacas leiteiras, tan abundantes neste estado do noreste americano. É aquí onde, con 50 anos, remata a súa tese de doutoramento no ano 74, o que lle abre as portas da veciña Universidade de Howard, onde ingresa como docente e xa non abandonará até a súa xubilación salvo para dar conferencias e colaborar noutros centros.
Á Howard University coñéceselle como a Harvard negra, por ocupar os afroamericanos boa parte das cadeiras das distintas facultades e por ser na que máis mozos desta raza se gradúan nos Estados Unidos. Fundada en 1867, atópase en Washington D.C. e debe o seu nome ó ilustre xeneral Oliver Howard, que participou na súa creación e foi considerado como o gran artífice da integración na vida civil dos negros libertos logo da guerra civil, na que loitou contra a escravitude.
Na Howard University atópase o College of Arts and Sciences, unha das primeiras facultades coas que contou a institución e cuxos corredores, aulas e laboratorios viron pasar durante anos o abondoso bigote do profesor Oro García e as súas eternas lentes, que ían escurecendo conforme a intensidade da luz medraba.
Na centenaria institución compatibilizou as súas tarefas como profesor e como investigador do Departamento de Linguas Romances. Longos anos de esforzo convérteno nun dos máis importantes especialistas nos campos da literatura medieval española e galego-portuguesa, así como toda unha eminencia en lingüística.
Sobre estes temas publicou distintos traballos que tiveron gran repercusión nos ámbitos académicos de Galicia e Portugal: o xa citado The Regulation of Spanish Irregular Verb, La perífrasis verbal gallega, El romero engañado: una aproximación sintáctica, Fluctuaciones de los verbos gallegos en "-ar" al comienzo de los lexemas, Las formas del verbo galaico-portugués seer según los textos, siglos XII y XIII; En torno a una polémica: la normalización del gallego, Algunas consideraciones sobre las desinencias -an, -ano, -ao, en gallego actual e Fluctuaciones morfológicas en el gallego: verbos en "er". Foi membro de varias sociedades e colectivos profesionais e docentes, entre eles, a Sociedade Nacional Hispánica e The American Association of Teachers of Spanish and Portuguese (AATSP).
As súas viaxes a Galicia cóntanse por ducias co gallo de conferencias en Compostela e colaboracións coa Facultade de Filoloxía da USC (participou, entre outros, no Congreso Internacional sobre Rosalía celebrado en 1985 e no II Congreso de Estudos Galegos, que tivo lugar na Brown University en 1988). E moitas, moitas visitas a Lalín: á Veiga (onde tentou quedar coa casa na que nacera para rehabilitala), á súa afillada Hermelinda (á que seguía recoñecendo cando a enfermidade lle fixo esquecer outras cousas), ó piso que mercou e nunca estreou ou á casa do xastre de Donramiro (onde tiven, en repetidas ocasións, a honra e pracer da súa conversa ou de velo gozar dos tomates mollados en sal acabados de arrincar da rama).
Remata a década dos noventa... A enfermidade do esquecemento comeza a facerse visible na súa faciana. En 1998 deixa de pertencer á importante The American Association of Teachers of Spanish and Portuguese e a súa semente intelectual, en forma de alumnos, permite un relevo xeracional na universidade. Vén por última vez a Lalín en xullo de 2002, xa con mostras evidentes da doenza. Deixara resolta a súa atención persoal e médica, mais todo torna borroso, como o seu cerebro.
Hoxendía vive mentalmente anulado e físicamente asistido por catro coidadoras no seu apartamento de Washington. O seu cerebro e o seu verbo seducían, convencían, ilustraban... Órgano e sentido, perdidos xa para sempre. Na súa última visita a Lalín díxolle á súa afillada Hermelinda, cando atopou a súa casa logo de terse perdido e ó bromear ela se aínda a entendía: "voume esquecendo de todo... pero o último do que me vou esquecer é do galego".
P.D.: Quen isto escribe ten coñecemento de que, entre as súas últimas vontades está a doazón da súa biblioteca e dos seus traballos á terra na que naceu e amou (previsiblemente a través da Facultade de Filoloxía de Santiago). Sería un bo momento para que o termo municipal que o viu nacer abrira, en colaboración coa USC, un camiño para a recuperación desta figura e do seu traballo. Os seus apoderados e albaceas exercen aínda na universidade na que impartiron docencia con el.
A súa intención era retornar a Galicia a "facerse vello". Incumprida esta, sería importante que ao remate dos seus días poidese regresar o que del quede e a súa obra.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
En estas fiestas, sobran los motivos para beber elaboraciones de vino gallego. En 2018, Galicia firmó la segunda mejor cosecha de su historiay nuestras bodegas despiden el año con un buen balance en todos los sectores