A mañá do sábado 4 de febreiro de 2012, agasallado polo destino, atopei no cuadrante nordés do coto das Insuas da aldea do Serrapio (Pedre-Cerdedo) un pétreo antropomorfo que bateei, pola súa foupeira disposición, o "Xacente do coto das Insuas". O lume intencionado que desolou a carballeira do coto das Insuas no fatídico verán de 2006 e as fortes chuvias dese inverno propiciaron, abofé, a emersión do xacigo e, daquela, a súa descuberta. O achado localízase nas coordenadas 42º 32´ 4,23´´ N – 8º 26´ 27,31 W, a uns 328 metros de altitude sobre o nivel do mar. Dende o lugar, albíscase, cara ao noroeste, a capela de San Lourenzo.

A escultura, non exenta, labrouse no cimo dun afloramento rochoso (pedra de gran groso) que se ergue uns 10 m sobre a chaira circunda. A pedreira, orientada cara ao leste, está distribuída en intervalos. Un camiño de acceso ás veigas que, antano, conducía asemade os defuntos do Serrapio até o camposanto de Pedre, cingue a base do outeiro. Após unha urxente, indispensábel e superficial limpeza do lugar (uns 25 m2) e, escoitado o ditame dos arqueólogos (visita do 11-2-2012), podo achegarlles as seguintes e provisionais conclusións.

O "Xacente" é, con certeza, unha pedra figurativa –é dicir, un capricho da natureza– que, en época non precisa, cecais no Calcolítico ou na Idade do Bronce (hai máis ou menos 4.000 anos), a man humana interveu para outorgarlle a fasquía dun dormente ou dun defunto. Cotéxese, mutatis mutandis, coa pedrafita do Carrizo (Santaballa-Vilalba).

A escultura do "Xacente" déitase ao cumprido case en paralelo co discorrer do río de Quireza que, nese punto preciso, desemboca no río Lérez, formando insuas –illotes fluviais– e, xa que logo, xustificando a toponimia. Cecais, 2.000 anos a. C., a intersección dos ríos convertía o Coto das Insuas nunha insua, de aí os coios amoreados á súa roda.

Probabelmente, o penedo primixenio presentaba, na súa parte anterior (orientación SE), unha leve prominencia que animou o escultor prehistórico a remarcar unha cabeza: desbasta dos perfís, punteirado dos ollos, riscado da boca –unha físgoa natural bosquexaría o nariz–, corte da barbadela e lene empenamento do cocote. A cabeza, lixeiramente inclinada cara á dereita, repousa encol dun pétreo almadraque (80x55 cm), singularizado por fenda transversal. Un artífice moderno (cecais, do medievo) engadiulle ao cabezal un risco cruciforme (8x6 cm) de pé ancheado. A pedra figurativa dista uns 200 m da Pontapedre (cara ao sur), sobre o Lérez, fermosa mostra de arquitectura baixomedieval (séc. XIII?), en cuxos perpiaños son visíbeis as marcas de canteiro. Nunha lousa do piso da ponte, no ano 1937, Manuel C. O., veciño de Pedre, bosquexou con amoras e punteirou a súa sinatura e o alzado da construción. Alguén, quizais o propio Manuel, no ano 1984, confirmou o gravado con outra inscrición (30-7-1984).

O vulto cefálico (45x40 cm), trapezoidal, únese co tronco por medio dunha labra curva, ben definida, a xeito de pescozo (18x6 cm). Pola esquerda da figura (orientación O), o segmento troncal (128x60 cm), levemente pandado, saliéntase do máis da laxa por medio dunha fenda lonxitudinal. Alén do tronco, a laxa foi obxecto dun rudo picado de desbaste. O noso artífice moderno contribuíu cun outro gravado cruciforme (14x7 cm), riscado, esta vez, no peito do xacente.

Na parte posterior (orientación NO), a figura presenta un avultamento regañado (13 cm de alto), querendo significar uns pés (32x26 cm). De novo, o noso axente moderno completou a súa intervención cunha terceira cruz (11x10 cm), raiada por debaixo e á dereita do podomorfo.

Dende o cocote até os pés, a escultura mide uns 2 metros de lonxitude. Dende os pés até o cabo do afloramento rochoso, anotamos 80 cm. O conxunto mide, en total, uns 3´50 metros.

Pola dereita (orientación L), a figura disponse en banzo de escaleira ou escano (50 cm aprox. de alto). A contrapegada presenta un traballo de labra máis coidado. Na pegada do chanzo entallouse unha pía semicircular de basta feitura (110x90 cm). Dende o vulto podomorfo discorre unha canle estreita que, primeiro ao través (38 cm) e acaroándose á contrapegada despois, descende en curva (1 m) até desaugar no centro da pía.

O achado da escultura, sendo como foi causa de satisfacción, non é, porén, causa de estrañeza. O poboado do Serrapio e a súa contorna, ameazados polo abalo das augas do anunciado encoro de Dorna, moven indefectibelmente ao abraio. Dende Pedre, os socalcos do cotarelo do Serrapio, onde asenta o poboado orixinal, lembran os banzos da Torre de Babel que pintara o holandés Pieter Brueghel o Vello (séc. XVI). O "zigurat" pedroso do Serrapio sobrancea como lugar de culto á divindade, privilexiado recanto onde escenificar o transo hierofánico. O Serrapio, santuario ao ar libre, precede, daquela, ao Serrapio habitacional. O outeiro espido e a embocadura dos ríos Lérez e Quireza, obra dos elementos naturais, arroubaron o espírito da humanidade primitiva, que os erixiu templo (nemeton), asemblearia encrucillada (oenach).

Non é difícil identificar o penouco do Serrapio como a pedra da tribo, a céltica trebopala. Non é difícil entrever un primordial culto ao Sol –o deus Lug– na substitutiva devoción cristiá a san Lourenzo, padroeiro da aldea, pois ben o testemuña a cantiga popular: O sol chámase Lourenzo e a lúa, Catarina; Catarina anda de noite e Lourenzo polo día.

Ben seguro, o outeiro no que silandeiro repousa o "Xacente" e a aldea que o vela calan moitos máis segredos. Cómpre daquela teimar no seu esclarecemento.