07 de febrero de 2012
07.02.2012

Serrapio, a inacabada historia dun espolio

Tal vez pola inexorábel inundación que sepultará Serrapio, as autoridades esquecen a restauración da Pontapedre, que cae aos cachos

07.02.2012 | 09:02
Unha vista actual da ponte medieval que conecta Pedre e Serrapio. // Bernabé / Luismy

Probabelmente, a inexorábel inundación, que converterá Serrapio noutra das aldeas míticas galegas sepultadas baixo as augas, sexa a causa pola que as autoridades teñen esquecido a restauración da Pontepedre. Xa non porque o desleixo permitise o roubo da cruz que a enfeitaba, senón porque o estado das cacarexadas ponte medieval e calzada romana é ruinoso. Obsérvese, río abaixo, a Derruba parcial dun dos estribos ou contrafortes. A Pontapedre cae aos cachos. Os veciños de Serrapio séntense abandonados. Nas webs promocionais do concello de Cerdedo, faise gabanza e reclamo turístico da "atmósfera fantasmagórica" destes predios. Rir por non chorar.

Desafiando o incerto porvir, unha ducia de casas mantéñense hoxe en pé no lugar de Serrapio (Pedre-Cerdedo), a ambos os dous lados da serpeante estrada PO-230 e na ourela dereita do río Lérez. Como é sabido, na década dos setenta, Fenosa, adoecida pola construción do encoro de Dorna (Cotobade), someteu a expropiación a feracísima ribeira do Lérez. A usurpación legal e o anunciado asolagamento motivaron a derruba dunhas vinte e cinco edificacións, venda e dispersión de hórreos, traslado a Codeseda do fermoso muíño da Pontapedre (de catro moas), despoboamento... O macroencoro de Dorna, unha constante ameaza, sumarase, se ninguén o remedia, ás represas xa construídas na maltreita madre do Lérez, pechando un novo e disparatado capítulo da destrución do noso patrimonio.
Probabelmente, a inexorábel inundación, que converterá Serrapio noutra das aldeas míticas galegas sepultadas baixo as augas, sexa a causa pola que as autoridades teñen esquecido a restauración da Pontapedre. Xa non porque o desleixo permitise o roubo da cruz que a enfeitaba, senón porque o estado das cacarexadas ponte medieval e calzada romana é ruinoso. Obsérvese, río abaixo, a derruba parcial dun dos estribos ou contrafortes. Repárese no peitoril zafreado. A Pontapedre cae aos cachos. A pedra que poida escusar o "paseo" do eirado da Pena úrxelle á ponte de Pedre. Os veciños de Serrapio séntense abandonados –así mo fixeron saber–, porén, nas webs promocionais do concello de Cerdedo, faise gabanza e reclamo turístico da "atmósfera fantasmagórica" destes predios. Rir por non chorar.
No ano 1937, nunha das lousas do lombo de mula, un tal Manolo C. O. riscou o perfil da ponte e, no gravado, amais dos tres arcos, non esqueceu engadir a cruz. Este é o único testemuño da súa pasada existencia.
Serrapio é topónimo espiñento, pois, alén de o considerar un orotopónimo derivado de "serra" –terreo montañoso por oposición ao terreo chan e ao campo aberto–, ou como escribiría Sarmento, "apretura entre dos sierras", tamén se podería enxergar, segundo Martínez Lema, un hidrotopónimo derivado da raíz prerromana *ser-/*sor- "fluír, manar" –lembremos a proximidade do río–; ou como interpretan Alonso-Lada para o Serrapio do concello asturiano de Ayer, un haxiotopónimo vencellado co deus pagán Serapis, equivalente antropomorfo da vacúa divindade exipcia Apis, o touro que porta entre os seus cornos o disco solar.
Nun promontorio rochoso localizado ao leste da aldea, ergueuse no século XVIII unha capela na honra de san Lourenzo mártir (séc. III) que fora queimado vivo nunha grella. Conta a lenda que, mentres o abrasaban, o santo retranqueiro pronunciou aquilo de: "Dádeme a volta que por este lado xa estou no punto". En tempos do papa Sixto II e do emperador Valeriano, época na que os cristiáns padeceron persecución, entre os tesouros eclesiásticos postos ao coidado do diácono Lourenzo, figuraba o Santo Grial. Curiosamente, a igrexa de san Vicente de Serrapio, no amentado concello de Ayer, de evocación templaria, coquetea coa custodia do sagrado cáliz.
En Serrapio, o san Lourenzo de inverno festéxase o día de Reis e o de verán, o 10 de agosto. Os fieis sacan o santo en procesión na compaña de santa Lucía: ao saíren, viran á esquerda, arrodean a capela e volven entrar pola dereita. Mediado o mes de agosto, tamén se pode contemplar no ceo da noite o fenómeno astronómico coñecido polas "Bágoas de san Lourenzo", ou "Perseidas", unha cativadora chuvia de meteoros. O día 13 de decembro, como é preceuto, os veciños de Serrapio celebran a santa Lucía, patroa dos cegos e tamén dos labregos. En 2009, visitei, na veneciana igrexa de San Geremia, o sartego que contén o corpo incorrupto da mártir (séc. III).
A capela de Serrapio foi roubada en cinco ocasións. Nunha delas, os ladróns mesmo tencionaron prender lume no interior. As tallas orixinais: unha Purificación, un san Francisco, un san Fernando... foron substraídas; non así o padroeiro, san Lourenzo, pois, ao parecer, sendo como é unha imaxe de escaiola, non lles encheu o ollo ás rapinas.
A peneda, a carón da cal se ergueu a capela, non é cousa de pouco. O terreo adxacente noméase As Torres. Dous cruceiros e un pombal acompañan o acceso ao adro pedrento. En tempos recuados, nunha das penas, labrouse toscamente, a uns dous metros do chan, unha sorte de podio orientado cara ao nordés. No cimo, non faltan as pías, luídas no gran formiguento. Dende alí, cara ao sueste, sobrancea nos agros, a carón do río, o coto das Sínsoas (Insuas).
Sáenos ao encontro un aldeán, acompáñanos amabelmente na visita á capela, ábrelle a billa a un chafariz e, mentres escoitamos a auga bater no pío, conta que hai uns días lle entraron na casa; confesa contrariado que lle riparon dúas motoserras, unha do trinque, e algunha máis cousa. Indefensión. Facendo un alto no avío do xantar, outro veciño amosa unha fotografía aérea do Serrapio preexpropiado. Que desfeita! A postergación "sine die" das obras do pantano animou algúns a tornar á casa que os vira nacer. O gando volve pacer pousón nas veigas. A solleira mañá tráeme á memoria o querido Manuel Monteagudo quen, ao longo de vinte anos, plasmou na prensa a súa oposición á todopoderosa hidroeléctrica: "Ustedes me desarraigan, ustedes rompen mi círculo social, mi comunidad de vida, el paisaje, el aire, aquel camino, aquel recuerdo, mi historia como ser humano y hasta los muertos (22-10-1978)".

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
selectividad 2018 Galicia

Toda la información sobre la selectividad

Consulta aquí toda la información sobre las pruebas de acceso a la Universidad: notas de corte, resultados y noticias


GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia