30 de diciembre de 2010
30.12.2010
40 Años
Xosé Neira Vilas - Autor de Memorias dun neno labrego

"O Balbino de hoxe viste e come mellor, ten xoguetes mercados e mellores colexios"

"Puiden convertelo nun emigrante retornado, pero non sempre son boas as segundas partes"

30.12.2010 | 07:30
Xosé Neira Vilas, diante da fachada da fundación que leva o seu nome, en Gres. // Bernabé/Javier Lalín

É o libro galego máis vendido. Hai un ano, a data de 31 de Nadal de 2009, Memorias dun neno labrego tiña 600.000 exemplares distribuidos por todo o mundo. Acaba de ser traducido ao esperanto e o vindeiro mes de xaneiro fará 50 anos da súa publicación en Bos Aires. O seu autor, Xosé Neira Vilas (Gres, Vila de Cruces, 1928) amósase moi satisfeito coa edición conmemorativa que a Editorial Galaxia ten previsto poñer nas librerías co gallo das bodas de ouro dun dos cumios da literatura galega contemporánea.

–Lembra como naceu o libro?

–No libro conmemorativo hai un apunte editorial onde se conta a súa xestación. Rematouse en Bos Aires no segundo semestre de 1960 e saiu da imprenta de Alfonso Ruíz o 5 de xaneiro do 61. O feito de velo publicado foi unha grande emoción para min porque antes só publicara un libro de versos. Lembro que Luis Seoane ofreceuse a publicalo na súa editorial, Citania, porque dicía que lle lembraba moita a súa infancia, pero díxenlle que o faríamos na nosa, Follas Novas. De todos os xeitos, Seoane fixo a fermosa ilustración da cuberta do libro que, afortunadamente, agora vólvese a reproducir na edición conmemorativa.

–Qué significa para vostede Memorias dun neno labrego?

–Este é un libro simbólico. Tamén lembro que o escribín polas tardes, cando podía, despois das horas de traballo, nun café da rúa Cullen, que tiña un camareiro ourensán que se quedaba mirando o que facía e me preguntaba qué era o que estaba escribindo. Antes de marchar, líalle o que escribira aquela tarde para que soubera o que fixera. Tiráronse dous mil exemplares na primeira edición, e Francisco Fernández del Riego pediu tres centenares para a editorial Galaxia.

–Non son un pouco abraiantes os records que acumula unha obra que pode encadrarse na literatura infantil?

–A verdade, un pouco si. O libro xa tivo unha moi boa acollida tanto na prensa galega como arxentina cando foi publicado. En Galicia publicouse por primeira vez en 1968 cun limiar de Alonso Montero e na edición número vintecinco, no 2007, tiráronse dez mil exemplares. Si, son cifras importantes pero tamén é certo que para min é un orgullo saber que o traduciron a linguas como o chinés, checo ou romanés, e recentemente ao braille.

–Como sería Balbino, o protagonista, hoxe?

–O Balbino de hoxe viste e come mellor, ten xoguetes mercados e mellores colexios. Hai moitos Balbinos e Balbinas na Galicia profunda actual. O de hoxe ten unha referencia de familia que o leva a ese mundo. Unha vez, un filólogo alemán díxome que a un rapaz de Berlín ou de Francfurt tamén lle interesan as vivencias de Balbino.

–Por qué segue sendo unha obra vixente?

–Un día preguntéille a Isaac Díaz Pardo o mesmo e díxome que no libro hai un enfrentamento de clases cunha pedra polo medio que o fai actual. Cando o fixen non había testemuñas da vida labrega. Había, iso si, libros sobre labregos onde se burlaban deles, moi humillantes. O que eu quería era, a través da voz dun neno, contar esa peripecia dun xeito indirecto e narrar unha situación moi real por aqueles tempos.

–Nunca tivo a tentación de convertir a obra nunha saga?

–Houbo un poeta arxentino que me insinuou algo semellante, pero non sempre son boas as segundas partes. Puiden convertelo nun emigrante retornado, pero non quixen. En Cartas a Lelo e Xente no rodicio reaparece dalgún xeito Balbino porque nas dúas obras abórdase de novo a situación do campesiñado galego de maneira moi crúa.

–Chama a atención que en pleno século XXI o libro sexa aínda un referente no eido educativo dentro e fora de Galicia.

–É certo. Síntome moi halagado porque trátase dunha obra que despois de cincuenta anos séguese lendo con tanto interese como cando foi publicada no 61. Sempre que vou a feiras o certames é o libro que máis teño que adicar aos lectores. En galego utilizouse nos colexios pero tamén nos de Cantabria ou Cuba, por non contar que en varias universidades alemanas tamén sucede o mesmo, claro, traducido ao alemán. Foi moi reconfortante que a UNED de Lalín lle adicara un curso de tres días ao que asistín e onde participaron xente da talla de Xesús Alonso Montero. E tamén foi estimulante a presentación do libro Homenaxe a Neira Vilas e Balbino, de Ismael González, no Verbum de Vigo, que foi publicado por Ir Indo.

–Leva viuvo dende outubro de 2009, cando morreu a sú dona Anisia Miranda. Cómo combate a súa ausencia?

–Lévoo mal. Cúroa máis ou menos traballando e cos amigos. Anisia foi todo para min, media vida. Participou conmigo en todo e consagrou a súa vida á escritura para nenos. Algún día publicarei un libro que levará o seu nome porque fun recopilando os seus orixinais, como diarios inconclusos, poesías, cartas e diferentes escritos que aínda hoxe atopo na nosa casa. En 17 anos estivemos en toda Galicia. Anisia chegou a ser a coordenadora de todas as publicacións para nenos de Cuba e, por exemplo, estivo moi vencellada á revista Zunzun, que era todo un fenómeno na illa. Tirábanse 250.000 exemplares todos os meses pero desaparecían dun xeito moi rápido unha vez que estaban nos quioscos, porque os rapaces cubanos mercábanas con verdadeira devoción.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia