Carlos Labraña Barrero é o gañador da sexta edición do Premio Estornela de Teatro para Nenos, convocado pola Fundación Xosé Neira Vilas, de Gres (Vila de Cruces). O xurado decantouse pola súa triloxía Teatro de xoguete, que comprende as obras: A procura das andavías xigantes, Os xoguetes esquecidos e Voa, voa, papaventos. Son tres pezas independentes, co denominador común de estaren protagonizadas por xoguetes. Tamén obtivo unha mención especial o autor e editor estradense Xosé Luna Sanmartín, polo seu traballo "Tulipáns vermellos", que aborda a polémica da utilización de velos islámicos por parte das rapazas.

O xurado que decidiu o resultado do concurso na noite do xoves estivo formado polo propio Xosé Neira Vilas e os membros da fundación Valentín García e Juan Andrés Fernández. Concurriron un total de 18 traballos. O gañador recibirá un premio en metálico de 1.000 euros e verá publicada a súa obra por Ediciós do Castro, como vén sendo costume nesta convocatoria, que se alterna con periocidade bienal coa do Premio Arume de Poesía para Nenos. A entrega dos galardóns terá lugar o vindeiro día 19 de decembro na sede da fundación en Gres. Ao acto, previsto para as 17 horas, está convidado o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo.

Nacido en Cedeira en 1969, Carlos Labraña vense dedicando ao teatro infantil desde moi novo. De feito é socio fundador, en 1987, do Colectivo Garola, de Cedeira, dedicado á creación e difusión do teatro infantil, e codirector da colección dramática A Biblioteca Ambulante da Garola. Aínda que pensou en dedicarse profesionalmente ao teatro –mesmo chegou a facer unha proba para a Escuela de Arte Dramático de Madrid–, finalmente optou por facer valer os seus estudios de arquitectura técnica e actualmente exerce como aparellador na Xunta de Galicia. Como autor exclusivo de teatro infantil ten gañado o concurso Xeración Nós coas obras O segredo de Daniel e A escada en 1988 e 1994, ano este último no que tamén foi finalista con O teatro dos soños. Onte mostrábase "moi contento" coa consecución do Estornela, despois de terse presentado nas súas cinco edicións anteriores: "É un premio moi especial, porque se basea en facer teatro para que o representen os nenos, non só para que o vexan", declaraba.