09 de noviembre de 2010
09.11.2010

Gambino albíscase na talla do San Miguel de Arén

A imaxe do San Miguel de Arén reforza a tese en prol da intervención de Xosé Gambino na feitura do Ecce Homo de Cerdedo

09.11.2010 | 07:30

Acaroando a brasa á nosa sardiña, foi Rodríguez Fraíz quen leu nos arquivos da parroquial de Cerdedo –e así o publicou en Faro de Vigo no ano 1957– todo o referente á adquisición por 880 reais da imaxe do Ecce Homo a un obradoiro compostelán, a finais do ano 1776 -un ano despois da morte de Gambino. Rodríguez Fraíz intúe, sen poder demostralo, a sublime inspiración de gambino ou de Ferreiro, ou dos dos, na feitura das imaxes do Ecce Homo, da Dolorosa e do Nazareno, para loor da que foi unha das procesións de Semana Santa Máis importantes de Galicia. A entrada en escena do San Miguel de Arén pode axudar a clarexar o enigma.

Experimento un agradábel arreguizo cada vez que, na miña teima por enxalzar o depauperado patrimonio cerdedense, bato co fío de ouro que me leva ao nobelo do tesouro. Desta volta, esculcarei na obra escultórica do inmorredoiro Gambino, por ver de incrementar o seu legado en terra de Cerdedo.
Xosé Gambino, eximio representante da escola barroca compostelá, naceu en O Faramello, aldea da freguesía de Ribasar (Rois-A Coruña) en 1719. Xacobe Gambino, seu pai, orixinario de Italia, aveciñárase neste lugar, onde funda a primeira fábrica de papel de Galicia. Xosé Gambino, á fronte do seu obradoiro de escultura en Compostela –vila na que faleceu o 25 de agosto do ano 1775–, elevará até cotas inigualábeis a arte imaxineira galega e universal. No tocante á súa produción artística e, segundo os seus biógrafos, pouco se sabe do que agromou do enxeño de Gambino na última etapa da súa vida (anos 1765-1775). O asunto enceréllase dende o momento en que, neste período, o mestre contrata os traballos conxuntamente co seu xenro e avantaxado discípulo Xosé Ferreiro (1738-1830). É motivo de debate, entre especialistas, establecer a correcta atribución de pezas á autoría do mestre e á autoría do alumno. Verbo das influencias na obra escultórica de Gambino, Ceán Bermúdez, primeiro, e Manuel Murguía, despois, difunden a noticia da súa formación no obradoiro do escultor portugués José de Almeida. Pola súa banda, Isabella di Liddo mantén a tese italianizante en base á influencia paterna na súa obra, dando tamén por escultor a seu pai, Xacobe. Por último, a profesora da USC Marica López Calderón, desbotando as teses anteditas, salienta o influxo do escultor compostelán Miguel de Romai, baixo cuxo maxisterio Gambino dá forma ao conxunto escultórico da capela do pazo de Oca (1750-51). A peza máis temperá atribuída á habelencia de Gambino é a imaxe do santo Antonio de Padua (1745-49), conservada no convento de Santo Antonio de Herbón (Padrón-A Coruña).
Acaroando a brasa á nosa sardiña, lémbrolles que foi Rodríguez Fraíz quen leu nos arquivos da parroquial de Cerdedo –e así o publicou en Faro de Vigo no ano 1957– todo o referente á adquisición por 880 reais da imaxe do Ecce Homo a un obradoiro compostelán, a finais do ano 1776 –un ano despois da morte de Gambino.
Rodríguez Fraíz intúe, sen poder demostralo, a sublime inspiración de Gambino ou de Ferreiro, ou dos dous, na feitura das imaxes do Ecce Homo, da Dolorosa e do Nazareno, para loor da que foi unha das procesións de Semana Santa máis importantes de Galicia. Mais, a entrada en escena dunha cuarta escultura pode axudar a clarexar o enigma. Velaquí o san Miguel de Arén. A talla do Arcanxo, conservada na capeliña de Arén, pode ser a clave para confirmar definitivamente que os pasos procesionais da parroquial de Cerdedo son obra de Xosé Gambino ou de Xosé Ferreiro.
Defendo a miña tese baseándome noutras cinco tallas do Arcanxo, nas que a intervención de Gambino non é discutida polos expertos: a imaxe de san Miguel, conservada no santuario da Nosa Señora da Escravitude (Padrón-A Coruña), datada en 1754-55; a imaxe de san Miguel do convento do Carme (Compostela), datada en 1760; a imaxe do Arcanxo de San Pedro de Présaras (Vilasantar-Lugo), datada en 1759-62; a imaxe do Arcanxo, a recado en Santa María de Soutullo (Laracha-A Coruña), datada en 1763; e unha quinta talla do santo, pertencente á ultima época de Gambino, datada en 1770, conservada en Santa Baia de Oza (Teo-A Coruña).
É incuestionábel que, a primeira vista, a figura do san Miguel de Arén é obra, cando menos, da mesma escola escultórica. Non é desatino afirmar, entón, que a imaxe de Arén, ben é de Gambino, ben é do seu discípulo Ferreiro, ou ben, dalgún dos escultores do seu obradoiro compostelán. Lémbrese que a fundación do actual templo de Arén data do século XVIII. Neste senso, cómpre engadir que a relevancia da capela de Arén, antiga parroquial, propiciou, no mesmo século XVIII, o traslado dende a igrexa de Cerdedo dun retablo, cadrando coas reformas acometidas no templo cerdedense; retablo que, dende aquelas, loce no santuario de Arén. Trasladouse algo máis?
A profesora Marica López Calderón, experta na vida e obra de Gambino, describe deste xeito a orixinalidade gambiniana plasmada na talla do san Miguel Arcanxo de Santa Baia de Oza, xemelga coa nosa de Arén-Cerdedo, desvirtuada polos repintes: "la imagen responde al cambio iconográfico [...] consistente en primar la idea de victoria del Arcángel sobre la de lucha que imperaba en la imaginería gallega anterior, merced a la serenidad que ahora emana de toda la figura, a partir de la cual revela un dominio perfecto de la situación, frente a la contrariamente exasperada agitación de Satanás. A ello contribuye, en primer lugar, el sentimiento que ya antes apuntábamos de sosiego que evidencia su rostro y que contrasta con el notoriamente airado de su enemigo [...] en segundo, el delicado y pausado movimiento de su cuerpo, prácticamente congelado en una pose elegante y completamente ajeno al esfuerzo último que aún se descubre en la figura del demonio por revolverse en su contra [...] en tercer lugar, la quietud de los paños que no hacen sino más que realzar el movimiento petrificado del Arcángel y, en definitiva, su atemporalidad que asimismo actúa como contrapunto a la instantaneidad bajo la cual ha sido concebida la imagen de su adversario".
A imaxe do san Miguel que Gambino tallou para a igrexa de Oza custou 250 reais, polo que, quizais, os 880 reais desembolsados supostamente pola talla do Ecce Homo sexan, mellor, o montante da compra de varias pezas: o Ecce-Homo, o Nazareno, a Dolorosa, ao abeiro da igrexa de Cerdedo, e, a maiores, o san Miguel de Arén. "Maiorum gloria posteris lumen est".

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia