Artoño, Baíña, Brántega, Cultural de Brántega (xermolo da Municipal de Agolada) e Ventosa son as formacións agoladenses recopiladas en Bandas de Música de Galicia, do lalinense Enrique Alvarellos Iglesias.

A última desta relación foi a primeira no tempo. Naceu por iniciativa dun tal Cuñarro, segundo o libro de Enrique Alvarellos, no ano 1862, ao que sucederon Juan Fernández Juanito, José Fernández Alvarellos, Clemente Fernández (fillo de Juanito) e Manolo do Cureixas, con quen finou a banda en 1959. Clemente e Alvarellos eran primos irmáns; o primeiro tocara a trompeta en Cuba, con moi boa consideración. Co tempo, sería obxecto dunha homenaxe a título póstumo, coa colocación dunha placa no palco do pobo coa seguinte inscrición: "La parroquia de Ventosa a su insigne músico Clemente Fernández Lamela, año 1980". Tamén foi dirixida esporadicamente polo compositor español Luis Araque, que casara coa mestra de Ventosa e que deixou o pasodobre Golada. Seica era moi esixente, non permitía fumar nos ensaios –e daquela nin se oíra falar por estes lares das medidas antitabaco– e interrumpíaos ao mínimo fallo. Durante unha época a banda foi subvencionada polo concello, que esixía a denominación "Municipal de Agolada", pero tal título non durou moito tempo. Entre as anécdotas, cabe reseñar á acontecida logo dunha festa do San Martiño de Asperelo (Rodeiro), da que non regresaron á noite máis que a metade dos músicos. Disque os restantes ficaran "a jugar lo ganado… y algo más". Así é que ao día seguinte "todos se habían quedado sin un céntimo y tuvieron que regresar en el coche de San Fernando", relata Alvarellos. A Banda de Ventosa mantiña unha eterna tirantez coa de Brántega, algo que se constataba ano tras ano na parroquia de Berredo, que as contrataba ás dúas para que coincidisen nas festas patronais.

Precisamente, a segunda agrupación aparecida no municipio foi a de Brántega, baixo o mando dun trombonista chamado Estebo, en 1864. Marcial Sarandeses (clarinete), Javier García (baixo) e un fillo de Estebo (fliscorno) eran os outros integrantes. Dos catro, en ocasións só ían tres ás festas. Aínda así, eran quen de dividirse, como sucedeu dunha volta en Camba: Os mozos da parroquia non se poñían de acordo sobre onde tiñan que tocar os tres músicos e Marcial, "hombre de mucha paz", tomou a salomónica decisión: "Que non haxa lío, divídese a banda". Co paso do tempo, Brántega chegou a ser unha banda nutrida. Á morte de Estebo asumiu a dirección Andrés Vilariño Porral, que chegou a ter 27 números ao seu cargo. En 1942 partiuse en dúas e deu orixe á de Baíña. Aínda que Brántega seguiría como tal ata 1956, en realidade quedou moi tocada pola Guerra Civil Española. Raimundo Vilariño, José Oro Val Filgueira e Amadeo Agra Fernández foron outros mestres.

Baíña tivo banda de música entre 1942 e 1963. O seu primeiro director foi o elegante Contiña, discípulo de Andrés Vilariño, que xa tocara o clarinete e o saxo tenor en Brántega e que máis tarde dirixiría á de Mato (Lalín). José Piñeiro Vázquez outorgábase ante Enrique Alvarellos Iglesias a responsabilidade da secesión desta banda que deu orixe á de Baíña. Unha ducia de compoñentes decidiu marchar por mor dos "caprichos" xurdidos ao respecto de quen debía tocar a caixa, se Campos de Agra ou Lois de Brántega. Trinta músicos chegou a ter a formación, da que outros mestres foron Gustavo Caramés Piñeiro ou Urbano Pulido, con quen desaparece.

A de Artoño creouse en 1951 e tivo unha existencia máis ben efémera, pois a penas durou tres lustros. Hai quen a considera unha prolongación da anterior, coa que mantivo vínculos estreitos. De feito, o seu impulsor, Urbano Pulido Bernárdez, pertenecera á Banda de Baíña antes de cumprir o servizo militar no rexemento Isabel La Católica, de A Coruña, durante o que tocou o saxo alto na súa agrupación. Ao rematar quixo volver á formación, pero a súa "lánguida situación provocó la necesidad de una rápida reestructuración", cita Enrique Alvarellos Iglesias, o que deu como resultado a creación da Banda de Artoño por parte de Urbano Pulido. Chegaron a ser 25 músicos; ensaiaban na casa de Carromao, que logo sería bar; viaxaban no camión de Sixto da Guillerma ou no coche de Torres de Brántega. Nos últimos tempos botaron man de músicos de Antas e Ventosa, ata a súa extinción en 1965. A súa última actuación foi, precisamente, na festa do Pilar de Baíña. Os postreiros intentos por reorganizala non arribaron a bo porto.

A parroquia de Brántega recupera a súa tradición musical o 1 de decembro de 1982 coa Cultural. A afición dos mozos, herdada dos maiores, e a presenza do mestre José Oro Val –falecido en datas moi recentes– favoreceron a creación da agrupación. Oro fora discípulo de Andrés Vilariño na súa infancia e dirixira a banda que o Regimiento de Caballería tiña en Lugo en 1944 e logo impartiría os seus coñecementos nas de Valladares, Rianxo ou Guláns. Ensaiaban diariamente no local da antiga escola, cedido polo concello, e a súa media de idade estaba entre 18 e 20 anos, segundo Enrique Alvarellos. Éste recolle tamén un testemuño de Oro Val en defensa dos instrumentos en diapasón brillante que tiñan naqueles primeiros anos: "O normal da un sonido moito máis xordo, e asegúroche que, aínda que tiveramos con que, nunca mercaríamos instrumental normal; non sei se estou ou non nun erro, pero eu penso así".