18 de julio de 2010
18.07.2010

Cando a convivencia torna en arte

A exposición das obras dos participantes, a creación de estampados sobre vestidos e a entrega da medalla Amigos da Solaina pechan a X Xuntanza

18.07.2010 | 02:24
A creación de estampados sobre vestidos centrou as actividades vespertinas. // Bernabé/ Gutier

A Fundación Casa Museo A Solaina de Piloño, en Vila de Cruces, clausurou onte a X Xuntanza Obradoiro Internacional das Artes plásticas, durante a que conviviron 16 artistas de moi diversas orixes mentres levaban a cabo as obras que serán expostas en novembro no museo lalinense Ramón María Aller. As xornadas remataron cunha última pintura, na que un vestido fixo de lenzo.

Na Solaina de Piloño conviviron dende o pasado domingo 16 artistas procedentes de moi distintos lugares do mundo por mor da X Xuntanta Obradoiro Internacional das Artes Plásticas, que chegou onte ao seu fin. Ao longo de todas estas xornadas, os creadores adicáronse a traballar nas súas obras, que cederon á Solaina e que serán expostas no museo da capital dezá. Pero non só se centraron nesta labor senón que visitaron diferentes lugares da comarca de Deza e da xeografía galega, dos que os estranxeiros quedaron abraiados.
Ocupando cada recuncho da casa fundación, as obras reclaman protagonismo ao visitante. Composicións, pinturas e esculturas son reflexo de historias únicas contadas polas mans de cada autor. Gavin Malone, de Australia, deu forma a Stones soup (sopa de pedras) unha escultura de máis dun metro de alto e dous de largo feita con madeira, lá de ovella, patacas e pedras, xa que empregou unicamente "materiais que proveñen da terra"; con ela intenta representar a tensión entre o home e a muller. Álex Ferreiro, artista dezao que participou na xuntanza, levou a cabo Fibra sensible, Tres en raia e Organismo, esta última, feita con carbón e acrílico sobre cartón fino, é unha composición de varias láminas nas que plasma detalles do museo cruceño que cre que pasan desapercibidos para a maioría; confesa que son tres obras "orgánicas" e que a máis fermosa de todas as experiencias desta semana foi "a convivencia cos meus compañeiros e o lugar". Nesta valoración coincide cos demais participantes, que loan e agradecen á Solaina a oportunidade e a experiencia que lles brindan cada dous anos.
Durante a mañá as obras foron colocadas para seren visitadas. E, pola tarde, tivo lugar o obradoiro A moda é arte, con Lidia Poza e as primas Paula e Marta Montoto, e un estampado de deseños de Carmen Barcala e María Porto (Saturna Modas), con Monique van Steen e algunha participante como modelos. Tamén se achegou a artista aurosá Marta Rial.
Continuaron os actos cun sorteo dun cadro doado por Lucía Dubra, e a entrega de diplomas aos participantes e das medallas Amigo da Solaina a Xosé Luis Rivas Mini, Mero Iglesias e Carlos Loureiro. Paco e Carme Lareo encargáronse do acto de clausura, representando a todo o equipo anfitrión. Un ágape, no que non faltaron as filloas de Xosé Molina, de Merza, e a música dos Dezas de Moneixas pecharon a velada.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Calendario laboral y escolar 2017/2018

Calendario laboral 2018 en Galicia

Calendario Laboral 2018 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2017/2018 .

 

 

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia


Enlaces recomendados: Premios Cine