11 de julio de 2010
11.07.2010

Unha terra de bandas (IV)

Prado, agora recuperada, e Soutolongo tiveron agrupacións efémeras; as de Vilatuxe e Lalín son as máis novas

11.07.2010 | 08:30
Unha terra de bandas (IV)

Un capricho entre compoñentes da agrupación de Bendoiro deu orixe á creación da efémera Banda de Prado (1927-1930). Foi logo do casamento nesta parroquia do músico Benito Villar, clarinete de Bendoiro, que, á vista das diferencias existentes no seu desta banda, invitou a algún compañeiros a que a abandoasen para formar outra. Ao pouco tempo tivo que facerse coa dirección Andrés Fiuza, madeirista de profesión, que xa estivera antes na de Lantaño. Con él ao mando, Prado chegou a ter vinte músicos. Pero a boa reputación que naquel momento tiña a de Bendoiro impediulle levantar cabeza e levouna á súa disolución só tres anos despois da súa fundación. Relata Alvarellos que "los mismos vecinos de ambas parroquias no veían con buenos ojos el hacerse mutuamente la competencia, ya que hombres de Prado tocaban en la de Bendoiro, y, por otra parte, entre una y otra parroquia no querían discordias". Benito preparou a "dos o tres músicos, e iso floxos", lembran as fontes consultadas polo autor, polo que Prado acabou por esmorecer, como o faría, co paso do tempo, a súa feira do 13. Terían que pasar case oito décadas para que Prado vise renacer unha agrupación musical: A Lira, fundada o ano pasado, da man de tres músicos da Nova Banda de Vilatuxe, Antonio Costa, Joaquín Bombardino e Manolo Buxán. Baixo a batuta doutro ex da mesma formación, Gregorio Mosteiro, A Lira debutou o 14 de novembro en Dornelas (Silleda). Composta por músicos de Vilatuxe, Silleda, A Ulla e mesmo A Coruña, a xoven banda comeza a gañar actividade.
A que non chegou a ser
Similar duración tivo a Banda de Soutolongo, activa só entre 1933 e 1936. En plena II República, un grupo de amigos decidiu organizar unha banda e contratou a Don Pedro, mestre da de Sanxurdo, para poder arrancar. De relevalo encargaríase Miguel de Mingos, o intérprete máis destacado. Os ensaios tíñanos en Ludeiro, na casa de Lama, apunta Alvarellos. Ata dezaoito compoñentes chegou a ter a banda. Entre os seus animadores, destacan o acordeonista Pedro de Lalín, Ramón de Brígida ou Pepe de Eirexe, tío do autor de Bandas de Música de Galicia e encargado de poñer os instrumentos a punto. "Todo marchaba con grandes ánimos, pero sobrevino la guerra, y se descompuso. En ella murieron el hijo de Pedro Grande, Luis de Carneiro, José de Felipe, Antonio de Rudesindo? En Soutolongo nunca más se volvió a hablar de la banda, que no llegó a actuar en público", narra o escritor, criado na parroquia. Foron case tres anos de ensaios e organización sen poder chegar a debutar, pois parte dos seus membros morreron no frente ou terminaron no cárcere por motivos políticos. Ao propio Pepe Alvarellos, "cuyo gran delito era ser de izquierdas", librouno unha prematura morte, aos trinta anos, a causa das complicacións derivadas dunha operación de apendicite. Na súa casa aparecerían multitude de instrumentos (clarinetes, bombardinos, sacos, cornetíns ou platillos) e accesorios, testemuños mudos da banda que non chegou a ser.
Músicos sen batuta
Que o pequeno lugar de Vilatuxe acabase por dar nome á banda da parroquia pode deberse, segundo Alvarellos aos intentos de fundar unha banda por parte das familias González e Carballés que houbera nesta aldea. O proxecto non callaría ata 1943, con Manuel Sánchez, Anseán, á fronte. Tocaba o clarinete na de Gresande e debía o seu alcume á condición de caseiro da casa de Tallón. A primeira actuación tería lugar o 10 de agosto de 1945, co gallo da festa patronal de San Lourenzo, cun repertorio mínimo: O pasodobre El Exprés, Marcha Fácil de Procesión e o Himno Nacional. Logo dun par de anos, sucedérono Bernardino da Xesta, que só estivo nove meses, e o xastre Eliseo Pedreira, de Moimenta, localidade desde a que se trasladaba en bicicleta. Joaquín Rodán Siles, andaluz ex subdirector militar en Oviedo, casado en Castro de Abaixo, tiña un soldo de 500 pesetas mensuais; durante os seus tres anos, a banda empezou "a interpretar obras, cosa que antes no había sido capaz". Outros mestres foron: Enrique García Rey, nos anos 50; o salmantino José Ochoa, subdirector da Municipal de la Ciudad de Tormes; ou Ricardo Jordán. Logo dun tal Contiña, a formación ficou sen batuta durante doce anos, con só músicos. Os irmáns Fernández Bernárdez, cos ánimos do seu pai Pedro, O Xastre da Carretera, e algúns compañeiros máis resistiron nos tempos difíciles da década de 1960, en que a emigración fixo estragos entre os seus compoñentes; por iso, a miúdo tivo que xuntarse con outras bandas para eventos de gran trascendencia. Un día, Eliseo Pedreira organiza unha nova agrupación en Lalín, cos doce sobrevivintes de Vilatuxe e outra ducia reclutada de antigas bandas, que dura dous anos e pón fin á primeira etapa de Vilatuxe.
En 1978 comeza unha nova singladura co pulo de antigos membros para a incorporación de xente nova; o tenente retirado José Barros Sada, subdirector de Isabel La Católica, toma o mando, no que se manterá doce anos. A banda alcanza axiña os corenta compoñentes, case todos saídos da canteira que José Fernández, O Xastre, fixo no colexio da parroquia. Por primeira vez aparecen mulleres no cadro e a agrupación pasa a denominarse Nova Banda de Vilatuxe. Participa en distintos certames e festivais, e en 1985 logra o segundo posto no Nacional de Bandas Populares de Madrid. En 1990 asume a dirección Ramón Vigo Deza, ao que sucede Xosé García Fernández en 1994, que permanece tres anos. Xa con Gregorio Mosteiro fúndase, en 1998, a Escola de Música, pola que pasan rapaces de distintas parroquias de Lalín ou de concellos limítrofes como Silleda ou Rodeiro. Isto da orixe á Banda Xuvenil de Vilatuxe, que debuta o 25 de decembro de 1999 na Sala Victoria. Desde hai case un ano, a dirección da banda recae en Víctor Vilariño, procedente da Unión Musical de Ponteledesma.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
En estas fiestas, sobran los motivos para beber elaboraciones de vino gallego. En 2018, Galicia firmó la segunda mejor cosecha de su historiay nuestras bodegas despiden el año con un buen balance en todos los sectores