Cercio, Mato e Palio son tres denominacións diferentes para referirse á mesma banda, activa entre 1904 a 1953, que tamén se coñeceu como Val de Mato ou Mato de Val, probablemente en alusión ao topónimo Val do Carrio. Fundada por Evaristo Mato, a agrupación foi coñecida popularmente como Banda de Mato, ben polo apelido do seu mentor e un dos seus fillos, que tamén a dirixiría, ben pola existencia dun lugar dese nome. O caso é que en certos documentos aparece citada como Banda de Cercio, caso do libro de bandas da época de Alcalá Zamora, onde ocupa o posto 26º das de Pontevedra. Chegou a ter vinte músicos e a facer moitas festas canda a de Bermés, moito máis numerosa, “aunque más moderna y superior en calidad”, valora Alvarellos. Nos seus anos 50 pasou a denominarse Banda de Palio, por ser deste lugar a maioría dos seus compoñentes.

“A Xesta es una parroquia que encierra algo distinto a otras. Cada vez que llegas allí te encuentras con un músico, o con alguien que, si no lo ha sido, está relacionado con la música”. Así describe Alvarellos a paixón musical desta freguesía lalinense. Xa no século XIX gozara de grande fama como gaiteiro O Tío Xan da Xesta, comparado ao de Ventosela ou ao de Soutelo de Montes; tamén eran recoñecidas as súas festas, daí o dito “Festa por festa, o Carme da Xesta”. A parroquia tivo banda propia entre 1908 e 1954, fundada por Edelmiro Fernández Villar, que tocaba o clarinete; Os Mingos; Antonio do Herdeiro, que tocaba o fliscorno coma poucos, malia á súa xordeira; Avelino do Coto; Manuel de Santos… Eran catorce, baixo a dirección de José Antonio Rodríguez, do Carballiño, que tocaba requinto, clarinete e saxo e que permaneceu á fronte durante moitos anos, mesmo alternando coa de Bendoiro. Outros mestres foron Andrés Vilariño, de Brántega, ou Arturo Téllez Chipel Gitano, moi esixente: “Aínda que era baixiño, tiña moi to carácter. Subíase a un caixonciño, case sempre sen batuta, e levábanos maxistralmente”, lembraba Edelmiro nos anos 80. Julián Doallo e Juan Lodeiro foron os últimos directores. A Xesta mantiña relacións cordiais coa Banda de Cea, ata o punto de que se cedían mutuamente músicos. Dúas características sobresaíntes da Banda da Xesta eran: O esmerado coidado dos uniformes e un gran sonido. “Siempre destacó principalmente por sus maderas, cuerda que llamaba poderosamente la atención a donde quiera que fueran”, relata Alvarellos.

Un cornetín, Manuel Coexo, máis coñecido como “Espinosa”, foi o fundador da Banda de Bendoiro en 1923, case á par que se desfacía a de Noceda. Logo dun tempo na dirección foi substituido por José Antonio, do Carballiño, que tamén dirixía a da Xesta, a onde “viaxaba a pé para aforrar os cartos do coche”. Ata que un día, pola festa do Montserrat en Donramiro, estaban as dúas agrupacións contratadas e José Antonio decidiuse por dirixir primeiro á da Xesta, polo que os de Bendoiro preferiron actuar sen director. A formación, que chegou a ter 35 músicos, foi dirixida un tempo por Arturo Téllez Chipel Gitano, que tamén estivo na da Xesta, aínda que non ao mesmo tempo. Outro mestre foi un vasco chamado Enrique, que fora deportado por tocar nunha festa a Marcha Real e que estivera na de Merza e logo foi para a da Estrada, antes de retornar a súa Guipúscoa natal. Un dos seus músicos foi Luis Cuiña, pai do finado político lalinense Xosé Cuiña Crespo. Alvarellos fixa en 1949 a desaparición da formación de Bendoiro.

A “Republicana” de Bermés

Manuel Moure, trombón da Municipal de Santiago, puxo en marcha a Banda de Bermés en 1925 cunha ducia de músicos. Os traxes de caqui e unha gorra rodeada coa bandeira da República valéronlle o alcume de “banda republicana”. Logo da desfeita da guerra, en 1941, reorganízase conxuntamente coa de Mato e incorpórase o mestre José Fernández García, trompeta e “auténtica atracción tocando o saxo”, que a dirixe ata 1958. Despois veñen Fiuza, o Grande de Chantada (disque “non cabía nas camas”), Manoliño de Santiago e Pedreira; chegan a ser 38 compoñentes. A agrupación permaneceu longos anos á espera do retorno de José, que emigrara a Suiza, pero terminou por esmorecer sen conseguilo na década de 1970. Foi a primeira banda en utilizar un “elegante y vistoso uniforme”, lembra Alvarellos. Nos seus inicios, Bermés cobraba por 6 reais por día, mantidos. Case todos os músicos “cantaban muy bien, circunstancia que sabían explotar en las fiestas, ganándose con ello los aplausos del público”, subliña Alvarellos. Apunta que interpretaban misas nas igrexas, como a de Hoc est corpus meum, de Lorenzo Perosi, a tres voces graves. En tempos chamouse Banda de Mato, aínda que a inmensa maioría dos músicos eran de Bermés, parroquia onde tamén ensaiaban e da que acabou por tomar o nome. A súa denominación oficial era La Unión de Bermés, segundo recolle José Ángel López Gutiérrez nun extenso traballo sobre esta banda incluído no segundo tomo do Anuario Descubrindo Deza. Un pequeno grupo de Mato resistiuse e seguiu pola súa conta como Banda de Palio, da que xa se tén dado conta.

Borracheira e desfeita

Polo campo do Montserrat, en Donramiro, pasaron innumerables bandas de música de toda Galicia. O seu máis ca centenario palco foi construído cando as agrupacións bandísticas eran menos numerosas, pero a afición musical xa estaba moi arraigada. Desde alí divísase o lugar da Penela, onde en 1927 xurdiu a banda homónima que representou á parroquia durante case tres décadas. Naceu da man de Claudio González López, posteriormente coñecido como Claudio do Empalme, e membro dunha saga procedente de Regoufe (Moneixas) na que houbo varios integrantes do coñecido grupo de gaiteiros Os Dezas. Toda a familia estudiara música na casa do párroco de Moneixas, Andrés Caxide, cura “culto y preparado científicamente” que “dedicaba sus horas libres a la práctica de la medicina popular”, lembra Enrique Alvarellos. O sacerdote contratara a dous mestres para que impartiran solfeo a cantos nenos o desexasen, amais de cantar motetes e a misa no templo parroquial. Entre os alumnos, axiña empezou a sobresaír Claudio, contratado aos 11 anos para a Banda da Xesta. “Iba andando y volvía sin perder ensayo. Pero de noche sentía miedo, y unas veces lo acompañaba su hermano Darío y otras, su primo Celso”, recolle a citada publicación. Ata que un día, canso de camiñar e de pasar medo, decidiu xuntar un grupo con rapaces da Penela. Contou coa colaboración de Inocencio Silva, veciño de Botos e clarinetista da Xesta. Arrancou cunha ducia de músicos e chegou a contar vintecinco no intre da súa extinción. Abofé que foi curiosa, a xulgar pola acta levantada por Alvarellos: “La Banda de A Penela murió prácticamente un día en Forcarei. Claudio no había podido ir de mañana, y viajó a la tarde, en el coche de línea Lugo-Pontevedra. Nada más llegar, los encontró a todos borrachos. Alguno ni levantarse pudo para tocar. De enfadado, estuvo a punto de dejarlos solos, y regresar a casa”. Pasados uns días, a banda tiña contratada unha actuación en Antas de Ulla (Lugo) e os músicos foron chamar a Claudio, que lles advertiu: “Eu vou... se levades un pelexo de viño... e máis un garrafón de augardente. Ellos fueron solos. Claudio no volvió a dirigir la banda, que, al poco tiempo, desapareció para siempre”.